Santullano


A arte asturiana, ao longo do século IX, elabora unha serie de criterios estético-arquitectónicos que profundizan metódicamente no legado da tradición hispánica. Eses novos valores estéticos afloran no reinado de Alfonso II (791-842), acadan o esplendor na etapa ramirense (Ramiro I, 842-850) e culminan coa simplificación da linguaxe artística en tempos de Alfonso III (866-910).

Na primeira etapa confórmase un novo tipo de igrexa basilical con cabeceira tripartita recta, que adopta o pilar como soporte propio. O mellor exemplo atopámolo en Santullano. Na etapa ramirense introdúcense os sistemas abovedados reforzados con arcos faixóns, recurso pouco frecuente na arquitectura clásica; Santa María do Naranco, San Miguel de Lillo e Santa Cristina de Lena exemplifican os pazos e templos deste período. O sistema abovedado, pero sen reforzo de arcos faixóns, pervive na época de Alfonso III e maniféstase en San Salvador de Valdediós como edificio máis significativo.

“Posta, así, baixo a advocación dos santos mártires de Antioquía, San Xulián e Santa Basilisa, a igrexa de San Xulián dos Prados, ou Santullano, está emprazada na zona norte do suburbium da cidade de Oviedo, extramuros,… e situada nun núcleo de comunicacións de orixe romana. A igrexa estaría inscrita nun conxunto áulico, hoxe desaparecido, composto por diversas construcións pacegas próximas ao templo. (…) O templo mantén unha planta coa estrutura basilical predominante na tipoloxía de igrexas prerrománicas asturianas, é dicir, nave central separada das naves laterais norte e sur por sendas arquerías de medio punto apoiadas en capiteis imposta que, en número de tres, descansan en pilares de sección cadrada. Ao leste ábrese un arco toural, umbral de acceso á nave transversal. (…) Configura un espazo litúrxico que precede ao testeiro tripartito que remata o edificio. Á ábsida principal anéxanselle dúas capelas situadas a mediodía e septentrión. Á igrexa accédese por un vestíbulo situado a occidente. O templo posúe dúas habitacións ou sacristías, anexas ás fachadas norte e sur, con comunicación interior aberta ao transepto. Todo o edificio está rematado por cubertas a dúas augas con armadura de madeira de carballo, a excepción da cabeceira tripartita, nas que as ábsidas teñen bóveda de canón apoiada en impostas. (…) Situado sobre a bóveda da capela maior atópase un esapzo de superficie similar á da ábsida central con acceso único externo por unha fiestra trífora. (…)

Ao exterior, o aparello dos seus muros está conformado por sillarexo. Onde máis se coida a fábrica do edificio eclesial e nos recantos, formados por grandes sillares escadrados, colocados a soga e tizón, ou nos contrafortes. (…) No peche das fiestras utilízanse placas perforadas, similares ás de época visigoda. Os paramentos exteriores da igrexa estarían recubertos cunha capa de estuco. (…)

O embelecemento da igrexa de Santullano por medio da súa decoración pictórica sigue un coherente programa iconográfico. Tipolóxicamente, os frescos de Santullano responden á valoración xerárquica propia do mundo bizantino, a cal divide o espazo pictórico en tres zonas. (…) O primeiro tramo é o máis austero de todos, está composto por un zócolo a nivel de piso co seu revestimento pictórico en moi precario estado de conservación. Este soporte reproduce imitacións de revestimento marmóreo, decoracións de rectángulos alternando con bandas e meandros de cor vermella e negra, así como cadrados cun perfil vermello. Alternativamente, aprécianse faixas alongadas en cor amarelo ouro. Os pilares das arquerías da nave central estarían integrados neste primeiro nivel, igualmente estucados e revestidos, dos que a decoración pictórica se perdeu na súa totalidade. (…) O segundo tramo ou zona central de pinturas ofrécenos un rexistro de marcos arquitectónicos cunha sucesión de edificios ensamblados, alternativamente, por perspectivas arquitectónicas, e dotadas de columnas decoradas con capiteis corintios e pilastras adosadas ás mesmas. No interior do marco arquitectónico represéntanse cortinaxes recollidas en ambas beiras das pilastras que nos descobren un amplo repertorio de pequenas edificacións. O terceiro tramo ou zona superior de fiestras contén representacións arquitectónicas de pazos. Nuns, na súa zona central a xeito de patio, situouse unha estilizada árbore e, na parte superior, un vaso do que xurde unha guirnalda con flores. Na súa parte central, a súa estrutura está rematada cun frontón e, a ambas beiras, atópanse sendos ocos alongados con cortinaxes recollidas cara a un lateral. (…) Destaca de xeito especial, neste nivel superior, a representación da Cruz da Anastasis, a Vera Cruz. Esta atópase repetida catro veces, unha por cada parede transversal do interior do templo. (…) Na cruz aparecen representados o Alpha e a Omega apocalípticos. (…) Por enriba deste nivel, e percorrendo o perímetro da parte alta das paredes, está representado un friso de modillóns con perspectiva en “espiña de peixe”. (…)

O programa iconográfico das pinturas de Santullano reflicte un espírito anicónico, non estando representadas escenas cristiás nen bíblicas en xeral.”

Lorenzo Arias Páramo: Guía da arte prerrománica asturiana.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s