Pazos de al-Andalus


       

Do primeiro pazo musulmán en al-Andalus, o pazo omeia de Rusafa, non quedan restos. Sen embargo, hai moitos restos de Madinat al-Zahra, construida por Abd al-Rahman III (912-961) e que recibe o seu nome da esposa favorita do califa.

“A cidade-pazo, que acabaría aloxando a 12.000 persoas, foi comezada en 936 e supostamente rematada en doce anos. Os edificios de Madinat al-Zahra exténdense pola aba de Serra Morena e a distribución en terrazas dos seus espazos ven subliñar a estrutura xerárquica da corte omeia. A residencia e as salas do califa estaban no nível superior, con vistas sobre o resto do pazo. (…) Unha das salas de audiencias, o Salón Rico, con tres naves e series de arcos de ferradura sobre capiteis corintios, foi restaurada con éxito na actualidade. Os funcionarios máis destacados vivían na terraza media de Madinat al-Zahra, mentres que os soldados e servintes ocupaban o nível inferior. A cidade-pazo tamén tiña baños, obradoiros e cuarteis.”

Robert Irwin: Arte islamica.

“Madinat al-Zahra pechábase nun recinto case rectangular de 1.500 (beiras Norte e Sur) e 750 metros (beiras Leste e Oeste). (…) A planta do Salón Rico … ten cinco naves precedidas dun pórtico, mais as extremas quedan separadas como estancias independentes. As tres centrais atópanse divididas por columnas. O asombroso deste salón é a riqueza decorativa, en grande parte conservada. (…) Este salón estaba pavimentado de mármore branco e do mesmo material eran as basas e os capiteis, que contrastaban cos fustes de cor rosa ou cinza. Os zócolos de todas as paredes eran tamén de mármore, ata unha altura de 58 a 75 centímetros, e despois a parede seguía enchapada de placas de pedra arenisca profusamente talladas. (…) As decoracións de Madinat al-Zahra son xeométricas ou florais. Entre as primeiras son frecuentes os esquemas de figuras simples e xustapostas, como cadrados e rombos, tocándose polos vértices. En Santos Serxio e Baco e en Santa Sofía de Constantinopla vense os mesmos esquemas, que despois pasaron á arte aglabí do século IX (decoración cerámica do mihrab de Qairawan). Tamén son frecuentes as esvásticas, os polígonos estrelados e as palmas xeométricas. Pero son moito máis abundantes as decoracións florais, organizadas xeralmente a base de tallos enroscados formando medallóns con palmetas, follas ou flores no seu centro. Nos taboleiros decorativos que revisten os muros soe presidir un tallo central, do que brotan en simétrico arabesco, a traverso doutros secundarios, as follas, os froitos e as flores. Esta composición en árbore da vida síguese logo nas placas de mármore da fachada do mihrab de al-Hakam da mesquita de Córdoba. Entre a flora de al-Zahra atopamos acantos, follas de vide, acios de uva, piñas, palmetas e rosáceas. Elenco floral que manexan o mundo helenístico e Bizancio, mais que aquí adquire xa un matiz ben oriental.”

Fernando Chueca Goitia: Historia da arquitectura española.

Xa en época nazarí, a partir de 1302, a Fortaleza Vermella (Alhambra) de Granada, construída sobre un espolón rochoso, converteuse nunha sucesión de fortificacións e pazos dentro dun mesmo recinto amurallado. A finais do século XIV tiña 6 ou 7 residencias reais. Só dúas delas, o Pazo de Comares e o Pazo dos Leóns, sobreviviron case intactas ata os nosos días.

Na Alhambra, a mestura de materiais subliña as diferentes cualidades constructivas e estéticas. Os muros de tapial son a masa pesante; o mármore e a madeira son o músculo, que se rixe por leis dinámicas e activas; o xeso é o bordado, que viste e adorna o corpo. O mármore está no chan para o tacto fresco dos pés espidos, e nas áxiles columniñas de mármore; o barro vidrado, nas partes expostas ao roce (en Aragón os zócolos chámanse arrimadeiros); a madeira, nos teitos; o xeso, como vestido e revestimento, que se extende por paramentos e cúpulas.

O Pazo de Comares, construido en torno a un espazo aberto cunha alberca rectangular, o chamado “Patio dos Arraiáns”, foi probablemente utilizado para recepcións e asuntos públicos; a el accédese a traverso do Mexuar, unha sala de consello flanqueada por cuarteis e outras habitacións. O Pazo dos Leóns, que recibe o seu nome da fonte que hai no centro do patio, seguramente servía de aposentos privados de Mohamed V. Nel atópanse a Sala de Abencerraxes, co seu magnífico teito de complexos mocárabes, así como a Sala de Dúas Irmás e a Sala dos Reis.

“Moitos dos textos que decoran a Alhambra están a baixa altura, o que nos lembra que o califa e os seus cortesáns tiñan o costume de sentarse sobre almofadóns e alfombras e que, polo tanto, as vistas da Alhambra estaban diseñadas para seren apreciadas desde un punto de vista baixo. Captar e dirixir a mirada era algo fundamental para os que diseñaron este pazo. Abandonaron as grandiosas plantas axiais que caracterizan aos pazos abasíes de Samarra para adoptar perspectivas e puntos de vista sorprendentes e cambiantes, e aqueles que entraban no pazo víanse obrigados a volverse unha e outra vez polo trazado enrevesado dos seus patios, os seus corredores e habitacións. Pero aínda máis sorprendente é a elaboración da decoración, o xogo de formas complexas e cristalinas, o uso de formas diseñadas para captar a luz cambiante -só no teito da Sala de Dúas Irmás usáronse arredor  de cinco mil formas prismáticas de mocárabes.

Outra característica sorprendente da Alhambra é a frecuencia e a facilidade na transición entre espazos abertos e espazos pechados. É evidente que se concebiron os xardíns como unha extensión do pazo.”

Robert Irwin: Arte islámica.

“O Cuarto dos Leóns parece que era o reducto máis íntimo do pazo e onde os reis moraban en inverno. (…) Non cabe arquitectura máis deliciosamente privada que esta. O Patio dos Leóns, núcleo en torno ao que se organiza toda esta parte da vella residencia, sorprende a algúns polo seu pequeno tamaño (28,50 x 15,70 metros). Acostumados a velo en fotografía -que nunca dá a medida real das cousas-, equipárano en módulo aos patios occidentais, e de aí provén a sorpresa, ás veces desencanto, cando se enfrontan coa realidade. O erro consiste en mirar este patio con ollos de occidental e non poñerse dentro dos supostos vitais e estéticos dos que o crearon e viviron.

Non se trata, nin moito menos, dun patio monumental á maneira europea. É máis ben un pequeno e íntimo xardín acotado por elementos arquitectónicos, que procuran ser o menos “obstructivos” posible. Os lediciosos templetes ou quioscos que avanzan desde os lados menores axudan a esta impresión fuxidiza, vaga e incorpórea, que todo o patio ten. (…) No centro do patio levántase a famosísima Fonte dos Leóns, da que a taza a sosteñen doce destes animais postos en rodo. A súa talla é esquemática e arcaica. A auga desta fonte e doutros pequenos surtidores situados nos templetes e galerías e nas salas de Dúas Irmás e dos Abencerraxes, reúnese por pequenas canles que forman unha grande cruz na área do patio, segundo unha vella disposición persa. Estes surtidores, que o mesmo brotan a descuberto que nos interiores, unifican todo o recinto, esvaecendo as fronteiras entre o exterior e o interior. Canto máis se contempla a Alhambra, máis se ten a sensación de que o ideal dos árabes era vivir sobre un xardín, e que as súas estancias non son as nosas, senón todo o máis, quioscos onde protexerse do sol ou da luz cegadora. Incluso o Salón de Comares, o máis formalmente pechado, non é outra cousa, e conste que non cambia a situación polo feito de que tivese vidros de cores e celosías.”

Fernando Chueca Goitia: Historia da arquitectura española.

* Visita virtualmente a Alhambra.

* Os viaxeiros románticos do século XIX rescataron a memoria da Alhambra. Mergúllate nunha apaixoante viaxe literaria con Washington Irving.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s