A mesquita de Córdoba


    

“A oración é un dos pilares do Islam -os outros catro son a esmola, o xexún, a peregrinación e a profesión de fe-. O musulmán devoto reza cinco veces ao día e, en xeral, pode facelo na casa ou onde se atope, excepto unha vez á semana, o venres a mediodía, cando todos os varóns adultos deben reunirse na mesquita principal da súa comunidade -a chamada mesquita do venres ou masjid al-jami- para oraren xuntos e escoitar o sermón. No primeiro período islámico había unha soa mesquita do venres en cada cidade, mais co tempo fíxose imposible acomodar a todos os fieis dunha grande cidade nun só edificio. Por iso, as grandes urbes como Damasco, Bagdad, O Cairo e Estambul teñen varias mesquitas do venres. (…)

Unha mesquita servía á súa comunidade como lugar de encontro, sala de consellos, xulgado, tesoureiría e centro de operacións militares. Na mesquita tomábanse disposicións administrativas e xulgábanse alianzas políticas; alí reuníanse os mercadores e os estudosos, e era costume “publicar” libros léndoos en voz alta na mesquita. Os vagabundos podían durmir no recinto, e ata se celebraba algunha cea no seu interior. Veu sustituir ao ágora ou foro clásico como lugar de encontro principal da cidade. Só co tempo se convertería nun espazo sacralizado e máis afín ao concepto occidental dun área sagrada. (…)

A decoración máis profusa soe concentrarse arredor da zona do mihrab, ou nicho de oración, normalmente situado en fronte da entrada da mesquita e sempre disposto de xeito que cando o musulmán mire cara ao muro do que o centro conforma o mihrab, está rezando cara á Meca. Polo tanto, o mihrab é un tipo de lembranza visual á memoria, e sería equivocado concebilo en termos occidentais como unha especie de altar sagrado. Normalmente o arco do mihrab e a zona do muro arredor estaban decorados con mármore ou xeso policromado. O mihrab da mesquita maior de Córdoba ofrece un espléndido exemplo de decoración de mosaico, tamén obra de musivaras bizantinos, que quizás tentaban emular o esquema decorativo utilizado anteriormente na mesquita de Damasco. “

Robert Irwin: Arte islámica.

“A Mesquita de Córdoba desenvolve no occidente islámico grandes novidades arquitectónicas relacionadas coas intervencións de Abd al-Rahman I e al-Hakan II. Ao primeiro destes monarcas débese a súa organización en altura, que definirá o seu posterior desenvolvemento. Consiste nunha solución que resolve ao mesmo tempo problemas técnicos: a superposición da columna e o pilar e dos seus correspondentes arcos. O arco inferior, de ferradura, actúa como arco de entibo ao atirantar a estrutura superior, que está composta por arco de medio punto que soporta a cuberta a traverso dun pequeno muro. Este esquema, igual que a alternancia de materiais -ladrillo e pedra- parece estar inspirado nas formas romanas como as desenvolvidas no Acueducto dos Miragres de Mérida [ver vídeo], se ben non se pode esquencer que na Mesquita de Damasco tamén se recurríu a un sistema de dobre arquería para gañar altura, aínda que evidentemente cunhas características e un artellamento diferentes.

A intervención de al-Hakan II establece un esquema en T semellante ao da Mesquita de Qayrawan, potenciado por cúpulas que se distribúen nos extremos da nave axial, aos pés e ante o mihrab, e dúas máis flanqueando esta última. As cúpulas levántanse sobre tramos cadrados ou rectangulares sobre trompas ou directamente sen nengún elemento de transición, caracterizándose porque os seus nervos non se cruzan no centro. Concédese un grande protagonismo aos arcos lobulados que xa apareceran no alminar de Abd al-Rahman III, pero que agora se entrecruzan conseguindo maiores efectos decorativos. O mihrab, coa súa planta poligonal, o seu revestimento de mármore, a súa cuberta de vieira ou a súa fachada cuberta de mosaicos enviados polo emperador bizantino Nicéforo Focas, marca un crisol de influenzas, algunas das cales persistirán nos mihrabs hispanomusulmáns e norteafricanos.”

Juan Antonio Ramírez (dir.): Historia da Arte. A Idade Media. Alianza Editorial.

* Consulta o seguinte traballo sobre a mesquita.

One thought on “A mesquita de Córdoba

  1. Pingback: Mesquitas « O blog de Xosé Antón

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s