Visigodos en Gallaecia


   

Os visigodos, pobo xermánico emigrado desde o oriente europeo tras o século III e convertidos ao arrianismo -declarado herético no concilio de Nicea en 325-, foron instalados en tempos de Teodosio como defensores do Imperio e tomando partido no exército para previr invasións doutros bárbaros. Instalados no SL das Galias ata a súa expulsión en 507, os visigodos asentáronse finalmente na Península Ibérica, fixando a capitalidade en Toledo, e convertéronse ao catolicismo a partir de Recaredo (586-601). É por iso que, relativamente unificado o territorio coa conquista dos suevos (585), e colaborando co poder relixioso a través dos concilios eclesiásticos, legáronnos no século VII unha arquitectura relixiosa con interesantes mostras de escultura e ourivesaría.

Os templos visigodos teñen como elementos básicos: a construción mediante sillería de grandes dimensións, colocada a óso -sen argamasa- e disposta a soga e tizón, con fiadas irregulares que ás veces alternan con ladrillo; o grosor dos paramentos e escaseza de vans xustifícase pola predilección polas cubertas abovedadas -de canón ou de bóveda de ferradura visigótica-; úsase o arco de ferradura con trasdós que cae recto a partir da circunferencia, prolongándose o intradós ultrasemicircular e trazado desde un centro disposto 1/3 de radio por enriba da liña de impostas; como soportes úsanse columnas e piares, con capiteis corintios moi estilizados ou troncopiramidais invertidos, de influencia bizantina -non deixan de utilizarse ás veces columnas herdadas de edificios baixorromanos-; o espazo interior dos templos é moi compartimentado, empregándose gran variedade de plantas, que combinan a lonxitudinal basilical de tres naves coas de cruz grega; as cubertas son abovedadas, utilizándose bóveda de canón, de aresta ou incluso cúpulas nos cruceiros; a cabeceira remata en testeiro recto e é frecuente que enriba da bóveda de canón xurdan unhas pequenas camariñas ás que se pode acceder por escaleiras, de finalidade dubidosa; xeralmente, na cabeceira aparecen dúas sacristías a ambos lados, que comunican coa ábsida a traverso de entradas moi pequenas; a luz, no interior dos templos visigodos, é moi escasa; a decoración dos muros é rica en frisos, a base de frisos xeométricos ou florais repetitivos, troncos ondulantes de vide, animais e estrelas; interiormente debían estar decorados estes templos, segundo as suxestións de San Isidoro, con artesonados de madeira dourados, canceis de mármore moitas veces reaproveitados de edificios romanos preexistentes, lámpadas votivas, obxectos sagrados, etc.

Estas condicións, grosso modo, obsérvanse en templos como Santa Comba de Bandeprototipo da igrexa de cruz grega á que se agrega unha ábside rectangular na cabeceira e un pórtico aos pés-; o actual templo procede dunha reforma efectuada no século IX, coa que seguramente se quixo realzar a igrexa abovedándoa e sustituindo a inicial cuberta de madeira por outra abovedada. O escalonamento de volumes exterior vai desde o máis alto ao máis baixo, desde o ciborio ata a capela maior, pasando pola altura media dos brazos do transepto. Cuberta con bóveda de canón en nave e transepto, a bóveda de aresta resérvase para o cruceiro e a de canón de ferradura para a ábsida, á que se accede mediante un arco triunfal de ferradura apoiado en sendos pares de columnas pareadas de mármore.

San Fructuoso de Montelios, no N. de Portugal, ten unha estrutura tamén cruciforme, consagrado como mausoleo do propio santo e lembrando a forma de mausoleos como o de Gala Placidia e os martyria paleocristiáns. Excepto o tramo occidental, todos os outros teñen forma interior de arco de ferradura, e cúbrense con cúpulas sobre pechinas, cuberta que se altera no brazo occidental -no que o abovedamento é de canón-. A construción exterior, de sillares ben escadrados, complétase coa alternancia de arcos de medio punto e triangulares cegos -sostidos sobre pilastras lisas-, ademáis dun friso sogueado. Consulta unha galería de fotografías de San Fructuoso.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s