A pegada dos flamencos, por Calvo Serraller


 

No curso sobre pintura flamenca no Museo do Prado (“De Van Eyck a Rubens”), o profesor Francisco Calvo Serraller disertou na conferencia inaugural, sobre “A pegada dos flamencos”. A idea principal da mesma foi facernos entender que Flandes moderniza a arte occidental, insufla vida á mesma. E para corroboralo, o orador esbozou exemplos e relacións que nos fixeron entender a enorme pegada da pintura do século XV, XVI e XVII en exemplos da arte posterior:

a) Non pudo faltar á cita o Matrimonio Arnolfini de Jan Van Eyck, unha pintura encargada por italianos no Norte de Europa e que formou parte das coleccións reais españolas. A obra, co seu espello de fondo e a constatación de que o autor estivo alí, serviría de modelo para As Meninas de Velázquez -presente xa físicamente na propia obra-, un cadro que prolonga espacialmente a realidade a través do espello e a porta de fondo, coa luz transversal filtrándose tamén polas fiestras. Tamén esa prolongación do espazo, en base a un ritmo musical alternante de contrastes entre luz e sombra, se aprecia no Interior con muller ao virxinal (1665-1670), de Emanuel de Witte.

b) A imaxe imperial de Napoleón entronizado como Xúpiter, que Ingres pintou en 1806, debe moito á disposición formal do Cristo imperator que preside o Políptico de San Bavón de Gante, dos irmáns Van Eyck.

c) O dinamismo de Rubens, as súas composicións sensuais e contrapesadas -tal e como apreciamos no Rapto das fillas de Leucipo, ben inspirou a un rubensiano como Delacroix para o seu Rapto de Rebeca dous séculos despois.

d) As conexións da pintura holandesa inciden na literatura, ata o punto de que Marcel Proust consideraba a Vista de Delft, de Vermeer, como o “máis belo cadro do mundo”. Entre o pintor e o literato existen unha especie de vasos comunicantes diversas veces rastrexados.

e) A pintura de interiores, que reflicte unha austeridade e orde de neta inspiración protestante en obras como A nai, de Peter de Hooch, é un xénero netamente flamenco que despois cultivarán pintores como Chardin, en A gobernanta, obra na que xa resulta máis perceptible un certo desorde de carácter máis mediterráneo (no interior da habitación, enténdese).

f) A orde xeométrica e escrupulosa coa que é presentado o interior da igrexa de San Bavón en Haarlem por Saenredam está na base das ordenacións espaciais das composicións neoplásticas do século XX por parte de Mondrian.

g) O autorretrato con camisa bordada ata certo punto desafiante de Rembrandt, en 1640, inflúe na postura que adopta Reynolds en 1775 á hora de autorretratarse.

h) A minuciosidade e detallismo da vexetación do xa citado Políptico de San Bavón de Gante ben podería confundirse, de perto, coa vexetación frondosa que colga sobre o corpo de Ofelia no prerrafaelita cadro de Millais (1851-1852).

i) O interese psicolóxico na captación das reaccións e caracteres dos personaxes ante situacións concretas amósao ben a pintura de Frans Hals (retrato de grupo dos rexentes do asilo de Haarlem), e ese mesmo interese concretarase de xeito posterior en obras de Wright de Derby (Experimento sobre un paxaro na bomba de aire) ou Goya (A familia do infante don Luis de Borbón).

k) Finalmente, tamén no bodegón está presente a pegada de Rembrandt (O boi desollado) nalgunha obra de Chardin, a xeito de crucifixión animal (A raia) ou na reinterpretación da mesma obra que Soutine fará xa no século XX.

En suma, grazas ao profesor Calvo Serraller descubrimos a enorme impronta que a pintura flamenca ten deixado na arte occidental, a través de múltiples xéneros (retrato individual e de grupo -e autorretrato-, pintura de xénero -interiores, costumes-, paisaxe, pintura mitolóxica). O detallismo, a captación psicolóxica dos estados de ánimo e as reaccións humanas, a luminosidade e o dinamismo, as variantes iconográficas e compositivas que os pintores do Norte experimentaron coa reintrodución do óleo na pintura occidental habían de ter enorme trascendencia futura e foron revisitados constantemente polos artistas europeos en etapas posteriores. O carácter pioneiro dos flamencos en moitos aspectos pictóricos quedou claramente desvelado.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s