Triunfos imperiais


   

O valor do arco de Tito, construído (81 d.C.) anos despois da morte deste emperador, reside esencialmente na decoración escultórica dos paneis internos, que narran a entrada triunfal de Tito en Roma, acompañado dos trofeos da súa victoria ante os xudeus no ano 70. Na beira norte, os lictores coas súas fasces preceden ao emperador -coroado por unha Victoria- erguido sobre unha cuádriga acompañada polas personificacións de Dea Roma, o pobo romano (co torso espido) e o Senado romano (vestido con toga). O panel meridional representa o cortexo pasando baixo a Porta Triumphalis, representada en escorzo; sobre liteiras transportan os soldados as reliquias do templo de Xerusalén: o candelabro de sete brazos (menorah), as trompetas de prata, o altar de ouro, mentres outros personaxes portan tabliñas con asas nas que debían figurar os nomes das cidades conquistadas. A impresión de profundidade e movemento, coa gradación de volumes que inclúe a transición desde altorrelevos a baixorrelevos, o logro dunha perspectiva máis pictórica na representación, supoñen un paso adiante na concreción do relevo narrativo romano imperial, que aquí acada un dos seus momentos culminantes. Así o viu Piranesi.

O triunfo tamén se expresa, na época imperial, en columnas conmemorativas ao xeito da columna Traxana. Erixida entre 107 e 134, en orde dórica, componse de 18 tambores de 1,5 m de alto por 3,5 m de diámetro, acadando unha altura total en torno aos 38 m (incluíndo o pedestal). Toda ela está circundada por baixorrelevos en disposición helicoidal que relatan os preparativos e desenvolvemento da conquista da Dacia, o último territorio anexionado polo emperador hispánico Traxano ao Imperio Romano. A representación comeza por abaixo, onde o xigantesco deus fluvial do Danubio contempla o paso das lexións romanas por unha ponte de barcas. Máis de 200 figuras (a Traxano véselle ata 60 veces) interveñen na representación da guerra e do que esta foi en verdade: marchas, campamentos, construción de foxos e pontes,… cun estilo realista que amosa un certo horror vacui, preludio da escultura do Baixo Imperio.

A columna de Marco Aurelio, seguindo o exemplo da Traxana, narra a victoria do emperador estoico contra xermanos e sármatas, entre 172 e 175 d.C. As figuras aquí son máis abultadas e alongadas, e o contraste entre luces e sombras máis vivo.

A base da columna de Antonino Pío, na que o emperador e a súa esposa Faustina aparecen sobre o deus alado Aion (Chronos) en viaxe cara aos Campos Elíseos (o ceo romano), mentres a escena é contemplada polas personificacións do Tíber e de Roma, é un exemplo de deificación imperial nun estilo de forte impronta helenística. Esta apoteose, achada no século XVIII, atópase hoxe nos Museos Vaticanos.

Trasladado por Miguel Anxo á praza do Campidoglio, o bronce que representa a estatua ecuestre de Marco Aurelio preséntanos a un emperador vestido con toga corta e botas de patricio, sobre un cabalo que levanta a pata dereita en actitude de pisotear a un bárbaro vencido. Velaquí unha nova representación triunfal e propagandística da dignidade imperial, aínda que agora se incide na caracterización psicolóxica (Marco Aurelio é un home canso e desilusionado, un estoico dubitativo) máis que na idealización significativa da etapa augustea. O orixinal atópase hoxe no Museo Capitolino.

No arco de Constantino fúndense relevos de distintas épocas, sendo a decoración máis recente a que fai alusión á victoria de Constantino sobre Maxencio.

No fragmento que che propoñemos a continuación do film O ventre dun arquitecto”, de Peter Greenaway, observarás a pequenez do ser humano corrente diante dos restos do coloso de Constantino -hoxe nos Museos Capitolinos-, unha escultura que medía orixinariamente 9 m de altura e da que hoxe só nos quedan fragmentos:

“O impacto da escala colosal da estatua de Constantino, da que a cabeza sola mide 2,59 metros de altura, non se limitou á súa época, pois, como ilustra o debuxo do artista do XVIII Henry Fuseli, os fragmentos conservados continuaron fascinando aos artistas durante séculos. A diferenza da Atenea Parthenos, da que a súa composición mediante ensamblaxes contribuíu á súa completa desaparición e da que a apariencia orixinal só se pode reconstruir a partir de textos antigos, a figura de Constantino sigue a resoar na potencia dos seus fragmentos.”

Tom Flynn: “O corpo na escultura”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s