Iconografías augusteas


    

O divinizado Augusto, ascendido xa ao Olimpo -así o indican os seus pés descalzos- preséntasenos na escultura de Prima Porta descuberta tras unha excavación de 1863. É unha mestura da iconografía itálica (tomando como base o Arringatore), sometida ao esquema clásico (o do Doríforo de Policleto), e engadindo o gusto polos detalles menores e alegóricos do Helenismo (que se manifestan na decoración da coraza musculada, no torso do emperador). Augusto vai vestido de imperator, en actitude de arengar ás lexións e sinalar cara á victoria co seu índice dereito extendido, e recolle coa man esquerda o paludamentum fortemente pregado. Á peza engadíuselle un pequeno Eros xunto á perna dereita; este Eros emparentaba a Augusto con Venus Afrodita, antepasada de Eneas, quen ademáis era ancestro de Rómulo e Remo -fillos de Marte-. A estatua, copia en mármore dun orixinal en bronce, foi probablemente realizada no ano 20 a.C., e resulta unha mostra neoática e propagandística da época do primeiro emperador romano. O escultor, descoñecido, acudiu a unha imaxe xove e idealizada de Augusto coa finalidade de amosar a vitalidade do Imperio, pois copias da obra foron expostas en diversos lugares públicos.

A lectura propagandística cínguese especialmente á coraza musculada que amosa o episodio da devolución dos estandartes romanos arrebatados a Craso en 53 a.C. polos partos; este acto exemplifícase na escena do guerreiro bárbaro que, no centro, entrega unha enseña militar a un personaxe con casco. Deste xeito, considérase a Octavio Augusto como o que restitúe a honra perdida a Roma. Quen recibe a enseña é un símbolo da mesma Roma, probablemente o deus Marte, acompañado pola Loba Capitolina. Baixo a axila dereita de Augusto atópase a aflixida Hispania, que leva na súa man a espada –gladius hispaniensis-, en lembranza da victoria do emperador sobre cántabros e astures. Da outra beira, en posición simétrica, a Galia -tamén obxecto de campañas victoriosas en tempos de Augusto-, sentada e con atributos zoomórficos dos celtas: unha trompeta zoomorfa de guerra e unha enseña gálica en forma de xabarín. Debaixo de Hispania atópase Apolo; debaixo de Galia, Diana: Apolo monta un monstro alado coa súa lira -símbolo do espírito cultivado-, mentres Diana, montada nun cervo, é invocada como nai dunha nova xeración de romanos que vivirán na paz gloriosa que procura a forza; ambos deuses tamén son invocados en tempos de Augusto como deuses da luz, pois son divinidades do sol e da lúa. Todos estes sucesos atópanse enmarcados polo marco cosmolóxico do Ceo e a Terra. Na parte superior da coraza atópase Caelus, o Ceo, o grego Urano, que desprega o manto para albergar aos mortais; por ese manto cabalga a cuádriga do Sol, que trae cada día luz ao universo; por diante do carro solar voa o Rocío, mentres a Aurora -xunto ao carro- anuncia un novo día. Na vertical do embigo ou ónfalos da coraza, a Terra, Tellus, recostada e cos símbolos da fertilidade -entre os que destaca o corno da abundancia-; se se mira con coidado, pódense ver dous nenos que ben puidesen ser Rómulo e Remo. As ombreiras da coraza representan esfinxes aladas, a cotío compañeiras das alegorías militares. Comproba toda a iconografía nesta reproducción da coraza. E observa varios detalles da obra nesta web.

Nesta nova vontade propagandística que se inicia coa iconografía de Octavio Augusto, ten lugar tamén a representación do emperador como Pontifex Maximus, dignidade que agora irá asociada ao cargo imperial -a partir de que Augusto se convirta en tal no 13 a.C.-. Na representación, o emperador aparece coa toga -denominada cinctus gabinus- cubrindo a súa cabeza, cun aspecto xove e idealizado, ao tempo que mantén tamén a postura do corpo herdada do mundo clásico grego.

O neoaticismo iconográfico da época de Augusto complétase coa representación da Pax Augusta nos relevos do Ara Pacis. O ano 13 a.C., á volta das súas campañas por Hispania e a Galia, o emperador pudo celebrar un solemne sacrificio que inaugurase un período de paz; tan significativo resultou o acontecemento que se decidiu transformar o altar de madeira utilizado aquel día, coa empalizada cuberta de guirnaldas que o rodeaba, nun monumento de mármore branco. O friso exterior, cun primeiro corpo de frondosos roleos de acanto, complétase con tres iconografías ben diferenciadas: as orixes de Roma na porta occidental; na parte oriental, as personificacións de Roma e Italia (ou a Terra, e a Paz); finalmente, nas beiras longas do monumento, dous frisos lembran a procesión do ano 13 a.C., na que o Senado en pleno aparece xunto a mulleres e nenos -ao norte- e a familia imperial encabezada por Augusto e Agrippa acompañan aos sacerdotes principais -ao sur-. O ritmo da marcha parece lembrar ao relevo das Panateneas do Partenón, se ben os graos de profundidade se escalonan máis, pois combínanse altos e baixorrelevos. No interior, as guirlandas combínanse cos bucráneos. Visita virtualmente o Museo do Ara Pacis, realizado pola equipa de Richard Meier.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s