Retratos romanos da República


  

A escultura romana en período republicano comeza sendo de clara influencia etrusca -con autores de influencia xonia como Vulca de Veyes-, antes da consolidación do retrato a xeito de xénero específico.

Os retratos individualizados, a partir do século IV a.C., expresan admiración pola austeridade, a sabedoría ou a idade do personaxe; isto é o que sucede co Lucius Iunius Brutus que, realizado cara ao 300 a.C., é un bronce realista e de forte expresividade -cun cabelo de tratamento grego, que ben nos remite ao do Doríforo– que representa ao primeiro cónsul da República romana, tras a expulsión dos reis etruscos. É un monumento honorífico a un personaxe morto que introduce o interese romano pola laudatio funeraria.

E dentro desa mesma tradición cabe citar as “imagines maiorum”, coas que moitos patricios honraban aos antepasados a traverso de imaxes de cera que, pechadas nun relicario de madeira, eran expostas no lugar máis visible da domus; nestas imaxes, os defuntos son reproducidos con notable fidelidade canto á súa fisionomía. Dentro desa tradición, o Brutus Barberini, que presenta os bustos de dous antergos cos que garda similitudes evidentes nos trazos faciais (pómulos sobresaíntes, calvicie prominente, fronte despexada), é un dos mellores exemplos. Como dicía Polibio no século II a.C., “cando morre en Roma algún personaxe de consideración […] colócase a imaxe do defunto no lugar máis patente da casa, metida nun armario de madeira. Nas funcións públicas estas imaxes sóense descobrer e adornar con esmero. E cando falece outro membro ilustre da familia sácanse para que formen parte do cortexo fúnebre e sexan levadas por persoas que se lles asemellan en estatura e aspecto físico“, dun xeito moi semellante ao que reflicte este togado. O protagonista -sen dúbida un membro da nobilitas que ten accedido a unha maxistratura do cursus honorum- amosa ademáis un orgullo de linaxe ben palpable.

Unha postura que acadaría tamén notable influencia posterior sería a do Arringatore ou Aule Metele realizado nos comezos do século I a.C. Este bronce de trazos individualizados e inexpresividade significativa, cun distanciamento claro do espectador, amosa un contraposto clasicista e presenta un atuendo singular, con túnica e calcei (botas altas).

O retrato romano da República verase alterado en épocas posteriores por tendencias helenizantes, tal e como ocorre na época do emperador Adriano (s. II):

“A arte do retrato interesábame pouco. Os nosos retratos romanos só teñen o valor de crónica: copias onde non faltan as enrugas exactas nin as verrugas características, calcos de modelos dos que pasamos á beira toda a vida e que esquencemos tan pronto morreron. Os gregos, en cambio, amaron a perfección humana ata o punto de despreocuparse da variada faciana dos homes.”

Marguerite Yourcenar: “Memorias de Adriano”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s