Cara ao canon


  

Non parece que, cando Yves Saint Laurent elexiu para un perfume seu o nome de Kouros, pensase nunha imaxe xeométrica, inexpresiva, frontal e ríxida. E, sen embargo, foi así sempre, seguindo a tradición das estatuas-bloque exipcias, como se definiron as primeiras imaxes en bulto redondo dos espidos masculinos do arcaísmo grego. Esa mesma rixidez atopámola en kouroi e korai:

“O estilo dedálico coincide plenamente coa introdución da pedra na escultura grega, como consecuencia dun contacto cada vez maior con Oriente, onde a pedra coloreada era desde había tempo o material preferido. A conquista de Asiria no ano 672 antes de Cristo polos exipcios facilitou os vencellos comerciais cos exeos e permitiu aos gregos asentarse por primeira vez nas beiras do Nilo, posibilitando que os escultores exeos asimilasen algunhas das características da tradición figurativa exipcia. O grao de absorción dos modelos orientais de representación polos gregos neste período revélase nun dos exemplos máis celebrados da primeira escultura dedálica en pedra caliza, a chamada “Dama de Auxerre”, unha figura feminina exenta, probablemente orixinaria de Creta e datada entre os anos 650 e 625 antes de Cristo. As características máis consistentes deste tipo de figura son a austera frontalidade, os brazos firmemente colocados á beira ou sobre o ombreiro e a persistente sensación do bloque rectangular do que se esculpiu.”

Tom Flynn: “O corpo na escultura”.

 Mais conforme avanzan os séculos, conforme nos achegamos ao século V a.C., a individualización da escultura grega e o achegamento a novos ideais é relevante:

“O Efebo critio, atopado na Acrópole de Atenas no século XIX, data probablemente do período de liberdade inmediatamente posterior á invasión persa. Como tal, fíxoselle levar boa parte do peso da explicación histórica que o vía como un símbolo da transformación artística e social que caracterizou a este periodo da historia de Grecia. Aínda que ata certo punto permanece a frontalidade esquemática de anteriores modelos, a súa severidade vese atenuada por un sensible movemento da cabeza, como se a súa atención estivese momentáneamente fixada, mentres a carga do peso sobre a perna esquerda, lonxe do equilibrio, ofrece unha evocación elocuente do control corporal interno, contradecindo calquera conveniencia artística externa.

Máis que nengunha outra figura do seu tempo, o Efebo critio encerra esa particular virtude grega da sophrosyne ou autocoñecemento, adoptada polos dramaturgos e filósofos de finais do século VI, e caracterizada por unha crenza no dominio interior e un rexeitamento do exceso. Pensábase que só a sophrosyne podía abrir o camiño á iluminación e evitar así que as forzas do caos afundisen o equilibrio da felicidade humana”.

Tom Flynn: “O corpo na escultura”.

No século V a.C., as regras para unha proporción correcta da anatomía humana nos espidos masculinos alcánzanse no Doríforo de Policleto -quizás unha estatua de Aquiles coa lanza-. Definitivamente, o canon grego era ben distinto do exipcio. Os exipcios dispoñían de redes con cuadrículas iguais que marcaban medidas cuantitativas fixas, mentres que na figura de Policleto predomina a relación orgánica entre as partes, xa que a relación entre elas ven dada polo movemento do corpo, o cambio da perspectiva e as propias adaptacións da figura á posición do espectador.

“É preciso -afirma Policleto- que a cabeza sexa a séptima parte da altura total da figura, o pé dúas veces a lonxitude da palma da man, mentres a perna, desde o pé ata o xeonllo, deberá medir seis palmos, e a mesma medida haberá tamén entre o xeonllo e o centro do abdome. Para demostrar a exactitude do seu canon esculpeu unha estatua que nos chegou en numerosas copias romanas: o Doríforo, é dicir, o portador de lanza, un xove, unha vez máis, completamente espido, que leva con desenvoltura unha lixeira lanza na man.”

Galeno: “De temperamentis”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s