W. Eugene Smith


Ven de inaugurarse en A Coruña unha exposición fotográfica sobre W. Eugene Smith, na Fundación Caixa Galicia. Nela descóbrese a traxectoria dun dos creadores do reportaxe fotográfico en clave realista, a través dos seus iniciais traballos para a revista Life e outros proxectos persoais. A mostra inclúe desde as primeiras fotografías de guerra, realizadas en plena Segunda Guerra Mundial, ata traballos que cubren esencialmente a década de 1950.

E o fotógrafo percorre o planeta en busca de doutores e parteiras que nobre e caladamente realizan o seu traballo; loubando o labor filantrópico do doutor Albert Schwitzer en pleno corazón de África (o mesmo ao que os músicos Hughes de Courson e Pierre Akedengué homenaxearon con “Lambarena”, fundindo a música gabonesa coa de Bach); descubrindo a pobreza da aldea de Deleitosa (Cáceres, España) a comezos dos anos 1950 -en plena época de illamento internacional hispano, aínda baixo os efectos da miseria e a subalimentación, aquela España dos “santos inocentes” de Delibes-; tentando capturar a alma siderúrxica e urbana da cidade de Pittsburgh; ou implicándose na denuncia das consecuencias ecolóxicas e humanas derivadas do envelenamento das augas de Minamata, en Xapón, polo verquido de azogue nas augas nas que pescaban os habitantes daquelas terras.

Deixádeme que vos recomende esta exposición de luces e sombras, de tebrismos e contrastes lumínicos tan lúcidos, onde os nenos e a xente común son esencialmente protagonistas. Por outra banda, as imaxes da España dos cincuenta ben complementan ás do mestre de Terra de Montes recentemente falecido, Virxilio Viéitez, pois aí están os velorios e os retratos, esta vez cun tono de denuncia máis explícito.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s