Revolución en Irán


   

Antes dos atentados do 11 de setembro de 2001 contra as Torres Xemelgas de Nova Iorque, Gilles Kepel sostivo a tese, no seu libro “A yihad”, de que o último cuarto do século XX estivera marcado pola emerxencia e máis tarde o declive dos movementos islámicos. A pleamar dese auxe seguramente a representou o triunfo da revolución islámica en Irán en 1979, acontecida nun país con fortes contrastes socioeconómicos dentro da súa poboación. O réxime corrupto do sha, elevado a un poder omnímodo coa actuación da CIA contra o intento de nacionalización do petróleo por parte de Mossadeq en 1953, apoiábase no control férreo da disidencia por parte da SAVAK e na incondicional adulación da petroburguesía.

O triunfo da revolución islámica, abandeirada por Jomeini, levou á implantación da sharia. A revolución tivo como consecuencia un retroceso das liberdades tal e como eran esperadas pola poboación máis culta. Velaí están os testemuños da xuiz e Premio Nobel Shirin Ebadi, a debuxante Marjane Satrapi ou o cineasta Mohsen Makhmalbaf. E entre nós aséntase tamén o debate sobre o fundamentalismo islámico nas sociedades occidentais, en especial despois da polémica dos escritos de Oriana Fallaci ou da publicación de caricaturas alusivas a Mahoma nun xornal danés.

“O sha, dedicado á construción da Quinta Potencia, á Revolución, á Civilización e ao Progreso, non tiña tempo para ocuparse de asuntos tan insignificantes como os seus subordinados. As contas multimillonarias do monarca creábanse de xeito moito máis sinxelo. El era a única persoa con dereito a supervisar a contabilidade da Sociedade Petrolífera de Irán, o que quere dicir que era quen dicía como se ían distribuir os petrodólares; e a fronteira entre o peto do monarca e o tesouro do Estado estaba moi desdibuxada, invisible case. Engadamos que o sha, agobiado por tantas obrigas, non se esqueceu nin por un momento da súa caixa particular, e saqueaba ao seu país de todos os xeitos posibles. (…) Xa no ano 1958 o senado norteamericano foi escenario dun escándalo cando alguén descubríu que os cartos doados por América ao Irán famento voltaran aos Estados Unidos en forma de ingresos bancarios nas contas privadas do sha, os seus familiares e persoas da súa confianza. (…) O gran diñeiro permite ao sha crear unha nova clase, descoñecida ata entón polos historiadores e os sociólogos: a “petroburguesía”, fenómeno social que vai bastante máis alá do meramente curioso. Esta burguesía non crea nada e a súa única ocupación consiste en consumir con auténtico desenfreo. (…) É unha clase de parásitos que non tarda en facerse cunha boa parte dos ingresos do Irán procedentes da venda de petróleo, o que a converte na dona do país. Todo lle está permitido a esta xente, desde o momento en que satisface a necesidade imperiosa do sha: a necesidade de adulación. Tamén lle proporciona o que tanto anceia: a seguridade. Agora Mohammed Reza vese rodeado dun exército armado ata os dentes e dunha multitude que ao velo profire berros de admiración.”

 

Ryszard Kapuscinski: “O Sha”

 

“A vitoria do discurso islamista foi posible grazas á notable capacidade de Jomeini para unificar aos diversos compoñentes, relixiosos e incluso laicos, dun movemento que, nos seus inicios, se centraba na xenreira cara ao sha e o seu réxime, o que permitía que cada un proxectase nel as súas pantasmas políticas particulares, sen que fosen desmentidas, ata a serie de depuracións que seguiron á toma do poder. (…) En Irán… Jomeini prestou unha inmediata atención aos sectores máis modernos e que acadaran un maior éxito na sociedade, e que, aínda que nun primeiro momento non estaban da súa banda, fixeron posible co seu decantamento o derrocamento do sha. (…)

Os liberais, a minoría kurda (sunita) e algúns cregos erixíronse en contra do que consideraban como unha restauración da ditadura baixo o turbante do ayatolá. Fronte á coalición destes opoñentes, e co pretexto da admisión do sha en territorio americano onde seguía un tratamento médico para o cancro que remataría coa súa vida, cincocentos “estudantes seguidores do imán [Jomeini], dirixidos por un responsable do PRI, asaltaron a embaixada dos Estados Unidos o 4 de novembro de 1979, e retiveron aos diplomáticos como reféns ata xaneiro de 1981.”

 

Gilles Kepel: “A yihad”

“O asunto das caricaturas, máis aló das manipulacións das que poida ser obxecto, puxo aínda máis de relevo a cuestión do islam en Europa, ao suscitar interrogantes sobre aspectos fundamentais do dereito, como ocorreu no caso Rushdie. Existe o sentimento de que se trata daquel mesmo conflito entre a liberdade de expresión e o castigo ao blasfemo. Pero as cousas cambiaron: a prensa árabe fala estes días da presenza de máis de 15 millóns de musulmáns na UE. Unhas poboacións ás que se presenta como unha comunidade de fieis ameazados na súa fe, o cal xustifica a intervención salvadora dos seus correlixionarios en todo o mundo. Este é o miolo da batalla de Europa: serán as poboacións europeas de orixe musulmá o vector da democratización dos seus países de orixe, grazas ao exemplo da súa integración e a súa prosperidade nunhas sociedades liberais e pluralistas, ou, pola contra, acabarán sendo reféns de quen se empeña en convertelas nun cabalo de Troia que agudice os antagonismos relixiosos e, desa forma, desestabilice Europa? Velaí un dos principais desafíos políticos que se ocultan trala axitación actual.”

Gilles Kepel, “O que esta crise esixe de Europa”, El País, 12 / 02 / 2006

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s