Remata a Historia


 

Desintegrada a URSS, USA converteuse no grande xendarme mundial, con campo libre para intervir militarmente e reorganizar a nova orde internacional segundo os seus intereses. O liderado norteamericano coincide co final da Guerra Fría e o triunfo da democracia liberal como modelo de goberno no panorama mundial actual. Pódese dicir que xa un historiador, Francis Fukuyama, nunha controvertida tese, anticipaba este triunfo do modelo liberal en 1988, e en 1992 publicou “O fin da historia”, libro no que defendía que a Historia humana como loita de ideoloxías tiña concluído. Mais o novo pano de aceiro esténdese entre ricos e pobres, cunha diferenza cada vez máis incrementada polas políticas neoliberais. E quizás estamos máis próximos ao “choque de civilizacións” que preconizaba Huntington que ao “final da historia” proposto por Fukuyama.

O triunfo de Occidente, da “idea” occidental, é evidente, en primeiro lugar, no total esgotamento de sistemáticas alternativas viables ao liberalismo occidental. Na década pasada houbo cambios inequívocos no clima intelectual dos dous países comunistas máis grandes do mundo, e nambos iniciáronse significativos movementos reformistas. Pero este fenómeno esténdese máis aló da alta política, e pode observarse tamén na propagación inevitable da cultura de consumo occidental en contextos tan diversos como os mercados campesiños e os televisores en cores, agora omnipresentes en toda China; nos restaurantes cooperativos e as tendas de vestiario que se abriron o ano pasado en Moscova; na música de Beethoven que se transmite de fondo nas tendas xaponesas, e na música rock que se goza igual en Praga, Rangún e Teherán.”

F. Fukuyama: “O fin da Historia?”, artigo publicado en National Interest en 1988.

* Consulta o artigo completo de Fukuyama.

“A finais dos anos oitenta, o mundo comunista esborrallouse e o sistema internacional da guerra fría pasou a ser historia. No mundo da posguerra fría, as distincións máis importantes entre os pobos non son ideolóxicas, políticas nin económicas; son culturais. Persoas e nacións están intentando responder a pregunta máis básica que os seres humanos poden afrontar: quen somos? E estana a respostar na forma tradicional en que os seres humanos a contestaron, facendo referencia ás cousas máis importantes para eles. A xente defínese desde o punto de vista da xenealoxía, a relixión, a lingua, a historia, os valores, costumes e institucións. Identifícanse con grupos culturais: tribos, grupos étnicos, comunidades relixiosas, nacións e, no nivel máis alto, civilizacións. A xente usa a política non só para promover os seus intereses, senón tamén para definir a súa identidade. Sabemos quen somos só cando sabemos quen non somos, e con frecuencia só cando sabemos contra quen estamos. (…)

Neste novo mundo, os conflitos máis xeralizados, importantes e perigosos non serán os que se produzan entre clases sociais, ricos e pobres ou outros grupos definidos por criterios económicos, senón os que afecten a pobos pertencentes a diferentes entidades culturais. Dentro das civilizacións terán lugar guerras
tribais e conflitos étnicos.”

 

Samuel P. Huntington: “O choque de civilizacións”.

“Os acontecementos do século XX confirmaron grande parte da crítica socialista do capitalismo. As mesmas forzas que xeraban a extraordinaria abundancia material aumentaban ao mesmo tempo as desigualdades globais entre os cidadáns das nacións e entre as nacións. A riqueza acumulábase sen cesar en depósitos xigantescos que contrastaban cos vales de pobreza que había entre eles. O capitalismo demostrou a súa capacidade para xerar riqueza material en abundancia; pero ata o momento non foi capaz de distribuir a riqueza global de xeito equitativo, humano e sostible. (…) As estimacións dos ingresos globais per cápita suxiren que este indicador pasou de 1.500 dólares en 1900 a 6.600 en 1998. Durante este mesmo período, a esperanza global de vida, un dos indicadores máis decisivos da calidade de vida, pasou de 35 anos a 66. Son melloras importantes, aínda que están repartidas de xeito desigual. (…) Nas últimas décadas do século XX parece terse ensanchado o desfase económico. En 1960, o 20 por 100 máis rico da poboación mundial ingresaba arredor de 30 veces a renda do 20 por 100 máis pobre; en 1991, o multiplicador subira a 61. As condicións deterioráronse sobre todo en América do Sur e na África subsahariana. A comezos da década de 1970, África era autosuficiente no que se refire a produción de alimentos e incluso exportaba excedentes. Impresiona, pois, averiguar que en 1990-2000 o PIB total da África subsahariana (sen contar Suráfrica), cunha poboación de 450 millóns de habitantes, foi inferior ao de Bélxica, que ten só 11 millóns. Estas estatísticas lémbrannos que a modernidade empeorou as condicións de vida da millóns de persoas.”

David Christian: “Mapas do tempo. Introdución á “gran historia”

“As guerras menores causaron tantas vítimas como as mundiais e a guerra fría. Entre 1900 e 1985 houbo arredor de 275 guerras. Entre 1945 e 2000 houbo nove guerras rexionais nas que morreron máis dun millón de persoas; nestas guerras, as baixas civís superaron ás militares. Nas guerras de Corea e Vietnam morreron o 10 e o 13 por 100, respectivamente, da poboación local. Desde o final da guerra fría houbo cambios que poderían ter grande importancia a longo prazo. Nos anos noventa os gastos militares globais recurtáronse nun 40 por 100 aproximadamente e reducíronse as existencias de toda clase de armas. (A “guerra contra o terrorismo” declarada a raíz dos atentados do 11 de setembro de 2001 contra Nova Iorque e o Pentágono podería invertir esta tendenza.) A guerra voltouse máis localizada e de xeito crecente produciuse no interior dos estados ou entre determinados estados e exércitos guerrilleiros, e este cambio supón unha redución da escala (aínda que non do horror dos que viven os conflitos). Estas cifras indican máis unha modificación da natureza da guerra que unha redución real do número de enfrontamentos.”

David Christian: “Mapas do tempo. Introdución á “gran historia”

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s