“A rolda de noite”


Peter Greenaway, o cineasta-artista que hai vinte anos nos entusiasmara coa reflexión profunda sobre a obra de Boullée en O ventre dun arquitecto, aborda agora a explicación cinematográfica da máis gloriosa obra de Rembrandt, “A rolda de noite”, un encargo da compañía de arcabuceiros de Amsterdam. O retrato de grupo, que non foi do agrado de moitos dos contratantes -que tiveron que pagar unha cifra elevada para a época, unha media de cen floríns, por aparecer na obra-, marca un fito neste tipo de representacións. A obra, aloxada hoxe en día no Rijksmuseum, non se librou dos atentados dalgúns desequilibrados, en época contemporánea.

“Sen dúbida, Rembrandt púxose a traballar con seguridade. A súa lección de anatomía que, despois de todo, fora ao seu xeito nada menos que revolucionaria, tiña sido considerada aceptable, e os oficiais da “Rolda de noite” apenas eran un fato de zafios filisteos. É certo que Banning Cocq podería non ser un Bicker ou un De Graeff, mais estaba ben plantado e ben educado. O seu pai, Jan, fora boticario, o que non quere dicir en absoluto drogueiro á volta do recanto, xa que amasara unha fortuna considerable no negocio e casara moi ben segundo a familia Banning. A familia fora suficientemente ambiciosa e sofisticada para enviar a Frans á escola de leis de Poitiers, e cando voltou co seu doutorado casou cunha Overlander, unha familia famosa pola súa influenza política e a súa solvencia económica. (…) Aínda que non era tan notable como Banning Cocq, o seu lugartenente Willem van Ruytenburgh tampouco era precisamente alguén vulgar. A súa familia fixera riqueza como kruideniers, tendeiros; a suficiente riqueza como para mercar a casa e as poucas hectáreas necesarias para ter un posto entre a nobreza elegante de Holanda. (…) Con todo, o boato do lugartenente só reforza dalgún xeito a sensación de autoridade que descansa na figura do capitán vestido de negro, mais encendido cun fero faxín vermello-alaranxado que cruza o seu peito. Toda a forza do primeiro plano do cadro depende críticamente deste asombroso contraste de cor. Mais Rembrandt consigue traballar exactamente a contracorrente dos coñecementos adquiridos relativos aos efectos ópticos da cor no espazo, que sostiñan que as cores vivas daban sensación de achegarse e as apagadas de retirarse. Vestido básicamente de negro, Banning Cocq non só domina o amarelo canario de Van Ruyterburgh, senón que avanza visiblemente por diante del facendo que o lugartenente, como manda a xerarquía, pareza verdadeiramente máis pequeno que o seu oficial veterano. Non hai nada máis elocuente da relación entre o capitán coa faciana completa e o subordinado de perfil que a sombra da autoritaria man de Banning Cocq proxectándose sobre o atuendo de Van Ruytenburgh, a representación do eco da orde oral do seu capitán.

Con todo, “A rolda de noite” non é só un homenaxe aos personaxes de dous patricios illados cunha multitude de figurantes indiscriminados aparecendo por detrás. Ademáis dos oficiais veteranos, había dezaséis homes do segundo distrito que pagaron para ser retratados, moitos deles comerciantes de panos, e Rembrandt, contrariamente ao que pensaban os seus críticos da época e posteriores, pretendía sen dúbida dignificar o seu encargo pero sen o formato monótonamente acumulativo das obras de milicia convencionais. (…)

“A rolda de noite” non é só unha reunión de oficiais única entre as obras de milicias, senón que evoca a unha compañía en movemento, case como unha compañía de teatro de rúa con todos os seus actores reunidos para a función: o tamborileiro contratado por un día, o golfiño da pólvora (con aspecto de bufón baixo un casco demasiado grande), os piqueiros e os arcabuceiros. (…)

Os críticos clasicistas quedaron horrorizados con razón ante “A rolda de noite” porque, a pesar dos seus coidadosos cálculos de cor, tonalidade, composición e forma, presta demasiada pouca atención ás reglas do decoro. Era a cousa máis inmodesta que Rembrandt fixera nunca, non canto a autobombo, senón en termos do que pensaba que podía reunir nunha soa obra. É o cumio da pintura barroca porque consigue moito e porque é moito. É un retrato de grupo, unha escena seudohistórica, unha exhibición emblemática, unha aparición visionaria e tamén, na miña opinión, unha afirmación persoal das cualidades vivas e trascendentes da pintura mesma.”

Simon Schama: “Os ollos de Rembrandt”.

3 thoughts on ““A rolda de noite”

  1. por favor axudademe por que senon vou ter que volver para primaria por favooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooooor

    se contestades grazas pola vosa contribucion

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s