1989-91: fin de traxecto


     

A pesar do crecemento agrario e industrial da URSS tralo ascenso de Breznev (1964) ao poder, o país non estivo nunca á altura económica do Occidente capitalista. De 1951 a 1975 as colleitas de gran incrementáronse nun 2% anual, e entón iniciouse unha curva descendente. Mentres en USA, á altura de 1982, o 4% da poboación vivía no campo, na URSS facíao un 25%. Mentres a economía soviética medrou a un ritmo medio do 1,5% anual canto ao crecemento do PIB, a porcentaxe destinada á industria militar foi do 4%. Os planes quinquenais non acadaron case nunca os seus obxectivos. A nomenklatura converteuse nun corpo funcionarial inerme e sen maior iniciativa que conservar o seu status quo.

Con este panorama, e trala reactivación da guerra fría na época Reagan (1980-1988), a parálise económica tratou de ser combatida coas reformas propostas por Gorbachov (1985-1991), baseadas na perestroika e na glasnost. Mais xa foi tarde para retomar o rumbo. A política de Gorbachov, coa retirada de Afganistán e a non intervención nos procesos de independencia formal das democracias populares de Europa oriental (isto é, o abandono da doutrina Breznev -intervencionista- en favor do que o portavoz do Kremlin, Gerasimov, denominou “a doutrina Sinatra” -cada un “á súa maneira”, segundo a coñecida canción do vocalista norteamericano), tivo como consecuencia a ulterior desaparición da URSS como entidade. E a caída, iniciada coas protestas contra a presenza militar soviética nas repúblicas bálticas (1988), seguida da caída do muro de Berlín (1989) e a reunificación alemana (1990), precipitouse en agosto de 1991 co intento de golpe de Estado militar da vella garda soviética contra Gorbachov. Finalmente, este non se sumou ao golpe e Yeltsin clamou contra os tanques que percorrían Moscova. O 25 de decembro de 1991 arriouse a bandeira comunista no pazo do Kremlin: a URSS deixaba de existir.

En certo momento –e isto viuse con claridade na segunda metade dos anos setenta- ocorreu algo que a simple vista parecía inexplicable. O país empezou a perder ímpetu. […] Formouse unha especie de “mecanismo de freado” que afectaba ao desenvolvemento social e económico. E todo isto sucedeu nun momento no que a revolución científica e tecnolóxica abría novas perspectivas ao progreso económico e social. Algo estrano estaba a suceder: o volante da poderosa maquinaria estaba en movemento, mais a barra de transmisión patinaba e o seu impulso non chegaba aos centros de traballo ou as correas estaban frouxas.

            Ao analizar a situación, descubrimos que o crecemento económico estaba a reducirse. Nos últimos quince anos, as taxas de crecemento da renda nacional baixaran máis da metade e a principios dos anos oitenta estaban case ao nivel do estancamento económico. Un país que outrora se achegara rápidamente ás nacións avanzadas do mundo empezaba a perder posicións. Ademáis, empezaba a ensancharse o abismo que nos separaba en eficacia da produción, en calidade dos produtos, en desenvolvemento científico e tecnolóxico, en produción de tecnoloxía avanzada e no uso de técnicas avanzadas, e non para deixarnos no mellor lugar.”

 

M. Gorbachov: “Perestroika”.

“O fundamento no que se apoiaba o Imperio soviético non foi senón o terror e o seu inseparable e tembloroso fillo: o medo. Posto que o Kremlin renuncia á política do terror de masas no momento en que morren Stalin e Beria, pódese dicir que a súa desaparición constitúe o principio do fin do Imperio. O desxeo de Jruschov e os posteriores anos de estancamento suavizan un pouco o pesadelo do medo da época de Stalin, mais non acaban de eliminalo de todo. Continúan as persecucións dos disidentes, multiplícanse os despidos do traballo daqueles que non pensan como deben, a censura campa polos seus respetos, etc. Só a perestroika e a glásnost introducen un cambio radical. A xente por vez primeira empeza a expresar públicamente as súas opinións, empeza a ter ideas propias, a criticar e a reivindicar. (…)

            Non só está permitido falar; o importante é que por fin hai de que, pois ao mesmo tempo empezou a viaxe ao mundo da información. Xeralizando e simplificando as cousas, unha das diferenzas máis significativas entre a primeira e a segunda metade do século XX (sobre todo nos anos finais da segunda) é esta: en cada unha destas dúas épocas vivíuse (e síguese a vivir) nuns mundos, desde o punto de vista da información, radicalmente opostos. Visto desde esta perspectiva, o home que vivíu na primeira metade do século, e sobre todo na URSS, estaba moito máis próximo ao home das cavernas que o que hoxe senta diante dun computador e, só pulsando unhas teclas, ten acceso inmediato a calquera clase de infomación.”

 

Ryszard Kapuscinski: “O Imperio”. 

“Os dirixentes da meirande parte dos Estados comunistas eran homes vellos, cansos e cortados á antiga, ademáis de carecer da enerxía e a convicción coas que se cimentaran os réximes comunistas nos anos corenta e cincuenta. A perda do apoio soviético supuxo un golpe mortal para a confianza en sí mesmos. Curiosamente, onde máis durou o réxime comunista foi en Albania, que rompera coa URSS nos anos sesenta, e en Romanía, que sempre fixera alarde de certa independencia respecto á Unión Soviética. As probabilidades de supervivencia dos gobernos comunistas víronse tamén reducidas pola complexidade da maquinaria administrativa sobre a que se asentaban. O comunismo xa non estaba controlado por unha vangarda revolucionaria concreta, senón que se sostiña nun nutrido grupo de elites intermedias (militares, empresarios e burócratas do partido). Este grupo, máis que o secretariado xeral do propio partido, decidíu que xa non valía a pena defender o comunismo. Tal decisión non se pode explicar nin pola presión que chegaba de abaixo nin polas reformas que cegaban desde arriba. Foi o resultado dunha interacción entre o goberno e o pobo máis que da vitoria dun sobre o outro.”

 

Richard Vinen: “Europa en fragmentos”.

One thought on “1989-91: fin de traxecto

  1. Pingback: A TERRA DO PRESTE XOÁN » A Canción da Semana: WINDS OF CHANGE

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s