Latinoamérica, débeda e ditadura


     

A segunda metade do século XX en América Latina ven marcada por unha fraxilidade dos sistemas democráticos, que derivaron en ditaduras en boa parte do cono sur na década de 1970. E a crise económica internacional desa década levou a un incremento continuo da débeda externa dos Estados. A pesar de ter recuperado na década de 1990 a democracia, a meirande parte dos países debátense na loita contra problemas que son de longo percorrido: as profundas diferenzas de renda entre grupos sociais, derivadas entroutras cousas dun mal reparto da terra, teñen provocado reivindicacións de reparto e ocupacións das fazendas, por exemplo, por parte do Movemento dos Sen Terra en Brasil; unha infrarrepresentación política e ausencia de autonomía de diversas comunidades indíxenas xestou, por exemplo, o movemento antiglobalización do Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN) en Chiapas; o control de territorios      -nos que o cultivo de cocaína é a principal actividade económica- por parte das Forzas Armadas Revolucionarias Colombianas sustrae ao Estado un verdadeiro dominio sobre boa parte do país… E así múltiples conflitos que inciden nas desigualdades sociais e económicas e na desvertebración política.

“É multitudinaria a invasión dos brazos que veñen das zonas máis pobres de cada país; as cidades excitan e defraudan as expectativas de traballo de familias enteiras atraídas pola esperanza de elevar o seu nivel de vida e conseguirse un sitio no grande circo máxico da civilización urbana. Unha escaleira mecánica é a revelacíón do Paraíso, pero o deslumeamento non se come: a cidade fai aínda máis pobres aos pobres, porque cruelmente exíbelles espexismos de riquezas ás que nunca terán acceso, automóbiles, mansións, máquinas poderosas como Deus e como o Demo, e en cambio négalles unha ocupación segura e un teito decente baixo o que cobixarse, pratos cheos na mesa para cada mediodía. Un organismo das Nacións Unidas (CEPAL, Estudo económico de América Latina, 1967, Nova Iorque-Santiago de Chile, 1968.) estima que polo menos a cuarta parte da poboación das cidades latinoamericanas habita «asentamentos que escapan ás normas modernas de construción urbana», extenso eufemismo dos técnicos para designar os tugurios coñecidos como favelas en Río de Janeiro, callampas en Santiago de Chile, jacales en México, barrios en Caracas e barriadas en Lima, villas miseria en Bos Aires e cantegriles en Montevideo. (…)

            Dentro de cada país reprodúcese o sistema internacional de dominio que cada país padece. A concentración da industria en determinadas zonas reflicte a concentración previa da demanda nos grandes portos ou zonas exportadoras. O oitenta por cento da industria brasileña está localizado no triángulo do sueste -São Paulo, Río de Janeiro e Belo Horizonte- mentres o norleste famélico ten unha participación cada vez menor no produto industrial nacional; dous terzos da industria arxentina están en Bos Aires e Rosario; Montevideo abrangue as tres cuartas partes da industria uruguaia, e outro tanto ocorre con Santiago e Valparaíso en Chile; Lima e o seu porto concentran o sesenta por cento da industria peruana (CEPAL, Op. Cit.). O crecente atraso relativo das grandes áreas do interior, mergulladas na pobreza, non se debe ao seu illamento, como sosteñen algúns, senón que, pola contra, é o resultado da explotación, directa ou indirecta, que sofren por parte dos vellos centros coloniais convertidos, hoxe, en centros industriais.” 

 Eduardo Galeano: “As veas abertas de América Latina”.

 “Durante a década do 70 a Arxentina foi convulsionada por un terror que proviña tanto da extrema dereita como da extrema esquerda, fenómeno que ocorreu en moitos outros países. Así aconteceu en Italia, que durante longos anos debeu sufrir a desapiadada acción das formacións fascistas, das Brigadas Vermellas e de grupos similares. Pero esa nación non abandonou en ningún momento os principios do dereito para combatelo, e fíxoo con absoluta eficacia, mediante os tribunais ordinarios, ofrecendo aos acusados todas as garantías da defensa en xuízo; e coa ocasión do secuestro de Aldo Moro, cando un membro dos servizos de seguridade lle propuxo ao Xeneral Della Chiesa torturar a un detido que parecía saber moito, respondeulle con palabras memorables: «Italia pode permitirse perder a Aldo Moro. Non, en cambio, implantar a tortura». Non foi deste xeito no noso país: aos delitos dos terroristas, as Forzas Armadas responderon cun terrorismo infinitamente peor que o combatido, porque desde o 24 de marzo de 1976 contaron co poderío e a impunidade do Estado absoluto, secuestrando, torturando e asasinando a miles de seres humanos.”

Ernesto Sábato: Prólogo de “Nunca máis. Informe sobre desaparecidos”.

“En 1915, os Estados Unidos invadiron Haití. En nome do goberno, Robert Lansing explicou que a raza negra era incapaz de gobernarse a sí mesma, pola súa tendencia inherente á vida salvaxe e a súa incapacidade física de Civilización. Os invasores quedáronse dezanove anos. O xefe patriota Charlemagne Péralte foi cravado en cruz contra unha porta.

            Vinteún anos durou a ocupación de Nicaragua, que desembocou na ditadura de Somoza, e nove anos a ocupación da República Dominicana, que desembocou na ditadura de Trujillo.

            En 1954, os Estados Unidos inauguraron a democracia en Guatemala, mediante bombardeos que acabaron coas eleccións libres e outras perversións. En 1964, os xenerais que remataron coas eleccións libres e outras perversións en Brasil recibiron cartos, armas, petróleo e felicitacións da Casa Branca. E algo parecido ocorreu con Bolivia, onde algún estudioso chegou á conclusión de que os Estados Unidos eran o único país onde non había golpes de estado, porque alí non había embaixada dos Estados Unidos.

            Esta conclusión foi confirmada cando o xeneral Pinochet obedeceu a voz de alarma de Henry Kissinger, e evitou que Chile se volvese comunista pola irresponsabilidade do seu propio pobo.

            Pouco antes ou pouco despois, os Estados Unidos bombardearon a tres mil panameños pobres para capturar a un funcionario infiel, desembarcaron tropas en Santo Domingo para evitar o regreso dun presidente votado polo pobo, e non tiveron máis remedio que atacar Nicaragua para evitar que Nicaragua invadise os Estados Unidos vía Texas.

            Por entón, xa Cuba recibira a cariñosa visita de avións, buques, bombas, mercenarios e millonarios enviados desde Washington en misión pedagógica. Non poideron pasar máis alá da Baía dos Cochinos.”

 

Eduardo Galeano: “Espellos”.

“Cal é o estado xeral de América Latina no momento en que se conmemora o trinta aniversario da morte, nas selvas de Bolivia, de Ernesto Che Guevara, o guerrilleiro heroico? A vida política do continente caracterízase por un factor novo: o réxime democrático estendeuse por todos os lugares (ou case todos). Os militares voltaron aos seus cuarteis. Ditaduras moi antigas, como a do Paraguai, desfondáronse (…).

O xeneral Pinochet abandoou o Pazo da Moeda (que asaltou tras o golpe de Estado contra o goberno lexítimo de Salvador Allende) aceptando en 1989 o veredicto das furnas, aínda cando as espadas sigan en alto, como se puxo de manifesto a partir da súa detención en Londres, desde finais de 1998, atendendo a diversas demandas internacionais por crimes contra a Humanidade.

Coa excepción de Cuba e Surinam, todos os gobernantes en exercicio foron libremente elixidos e considéranse lexítimos. Os propios sandinistas, que chegaron ao poder polas armas en 1979, aceptaron, en febreiro de 1990, retirarse despois da súa derrota electoral. Esta retirada marcou simbólicamente o final de tres decenios do ciclo revolucionario que comezou en La Habana en 1959, coa vitoria de Fidel Castro.

As guerrillas tradicionais que subsisten, fundamentalmente en Colombia, fóronse instalando nunha especie de semibandidismo, establecendo en ocasións boas relacións cos traficantes de drogas, e non se plantexan seriamente a conquista do poder.

O Exército Zapatista de Liberación Nacional (EZLN), que irrumpíu espectacularmente en Chiapas en xaneiro de 1994, constitúe un caso aparte. Trátase da primeira resposta do Sur contra a globalización económica e o neoliberalismo, coas armas na man. Non foi casual que a súa aparición na escena internacional coincidise coa posta en marcha do Acordo de Librecambio Norteamericano (ALENA). O EZLN diríxese explícitamente, como afirma o seu líder carismático, o subcomandante Marcos, “non a conquistar o poder polas armas, senón a favorecer a creación dun contexto político que permita a unha democracia auténtica expanderse realmente en México”.

 

Ignacio Ramonet: “América Latina: do Che a Marcos”, en “Xeopolítica do caos”.

 

“En Colombia, os territorios controlados polas FARC e as AUC constitúen básicamente países dentro doutro país. Coa súa propia lei, a súa propia economía e as súas propias infraestruturas, trátase de territorios nos que a autoridade dominante se sostén en grande medida grazas ao tráfico de drogas. (…) Basta con dar só un paso máis para decatarse que as batallas entre organizacións criminais no norte de México non son só por dominar unha determinada parcela do negocio do narcotráfico, senón polo control político dunhas áreas nas que os representantes oficiais do goberno é probable que estean dispostos a que se lles soborne, ou ben que se sintan demasiado intimidados para constituir unha ameaza.”

 Moisés Naím: “Ilícito”.

* Consulta a letra de “México insurgente”, de Ismael Serrano.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s