Sector servizos en España


    

Unha crecente terciarización invade a sociedade española e resulta ser o motor do crecemento urbano na actualidade. Dúas terceiras partes da poboación ocupada e unha parte semellante do PIB corresponden a ese caixón de xastre que é o sector servizos, no que se engloban actividades moi diversas. Entre elas, o comercio sigue a ser a máis significativa en conxunto, con máis de 3.000.000 de persoas empregadas; un subsector que ten medrado moito coa democratización do Estado é o correspondente aos servizos públicos, cunha administración pública que ocupa a máis de 2.500.000 empregados e unha sanidade que conta con máis de 200.000 médicos (un indicador de desenvolvemento é o correspondente ao número de médicos por cada 100.000 habitantes, que en España acada o valor de 458). Os subsectores que na última década se teñen expandido máis son os correspondentes aos servizos a empresas e o turismo. España é unha potencia turística de primeira orde, con case 3 millóns de empregados nestas actividades e case 60 millóns de turistas anuais que nos visitan. As cifras, tan significativas, xustifican a importancia deste subsector, o gran motor da nosa economía.

* Consulta un resumo sobre o sector servizos en España.

* Consulta os resultados da enquisa sobre o sector servizos correspondente ao ano 2000.

* Extracta as ideas principais do  balance sobre o turismo en España 2006 publicado pola Secretaría Xeral de Turismo.

* Infórmate sobre a política de turismo en España ao longo do século XX a partir dun artigo de Carmelo Pellejero.

En 1905 organizouse por primeira vez a administración do turismo en España, prestando especial atención á promoción artística no exterior. En 1928 creouse o Patronato Nacional de Turismo, que xa poñía énfase, ademáis de nas exposicións artísticas, nas actividades deportivas e nas festas populares; daquel entón data tamén a creación da rede de Paradores Nacionais. Á época convulsa da Segunda República seguíu a paralización na chegada de turistas durante a guerra civil. Mais pronto crearon as autoridades fascistas, en 1938, o Servizo Nacional de Turismo, que tivo un forte carácter intervencionista durante os anos 1940, fixando prezos de aloxamento que se mantiveron estables entre 1941 e 1947.

En 1951 creouse o Ministerio de Información e Turismo, que mantería unha política continuista ata situarse á súa fronte, en 1962, e coincidindo cos anos do “desarrollismo”, Manuel Fraga; no período 1962-1975, a planificación indicativa fixo que o Estado interviñese controlando os prezos e a calidade dos servizos, ao tempo que se fomentou o incremento da capacidade de aloxamento. Neste período creouse a Escola Oficial de Turismo, promovéronse créditos para a realización de obras de interese turístico nas localidades de maior demanda ou ben para a creación de aloxamentos turísticos e centros de montaña, entre outras medidas.

O centralismo uniformador da etapa franquista deu paso a unha descentralización autonómica, tamén en competencias turísticas, coa recuperación da democracia, a partir de 1975. Desaparecido o Ministerio de Información e Turismo -que tiña un notable labor propagandístico- en 1977, as competencias en materia turística foron transferidas a ministerios con forte carácter económico. Ademais, creouse a Secretaría de Estado de Turismo. Nos anos 1980 superáronse os 40 millóns de turistas anuais recibidos e implantouse FITUR. Xa na primeira etapa de goberno socialista, aparte da creación de Turespaña en 1990, ten importancia en 1992 a creación do Plan Futures, primeiro paso para definir unha estratexia turística nacional e iniciar un proceso de colaboración entre o Estado e as CCAA.

En conxunto, a política turística en España, longo tempo marcada polo centralismo, insistíu nos obxectivos dun maior crecemento posible, na potenciación do sol e praia como alicientes principais do país, actuando máis que nada sobre a oferta, aínda que sempre con escaseza de recursos destinados ao sector. Coa chegada da democracia, a partir dos anos 1980, unha descentralización de competencias complementouse tamén coa apertura do abano cara a outros tipos de turismo (cultural, ecolóxico, gastronómico,…) que se afastasen do monocultivo tradicional, ao tempo que se ten estimulado a especialización competitiva e a sostibilidade do sector.

     

Unha exposición, en 2005, conmemorou os 100 anos de turismo en España. Le un artigo do xornal Cinco Días ao respecto.

One thought on “Sector servizos en España

  1. Pingback: Economía en España « O blog de Xosé Antón

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s