Descolonización


     

O debilitamento das metrópoles, o auxe de movementos nacionalistas que reivindican a independencia das colonias, os ventos de liberdade sementados pola Carta de San Francisco, son algúns dos factores explicativos que concorren para facer dos anos posteriores á Segunda Guerra Mundial o momento clave da descolonización, que comeza en Asia a finais dos anos 1940 e abrangue a boa parte dos novos Estados africanos no ano 1960. En medio desta festa, un novo grave problema aflora: o conflito árabe-israelí. Por outra banda, a debilidade política de moitos novos gobernos africanos fixo aflorar enseguida a violencia interna cara a conquista do poder.

“Hai xente que ten xenreira nos seus corazóns cara aos británicos. Oín á xente dicir que estaban disgustados con eles. A mente da xente común non diferencia entre un británico e a forma imperialista do seu goberno. Para eles ambos son o mesmo. Hai xente á que non lle importa a chegada dos xaponeses. Para eles, quizá, significaría un cambio de amos. Pero esta é unha cousa perigosa. Vostedes deben removela das súas mentes. Esta é unha hora crucial. Se permanecemos quedos e non xogamos a nosa parte, non estaremos no certo. Se son só Gran Bretaña e Estados Unidos os que loitan nesta guerra, e se o noso papel é só dar axuda momentánea, sexa que a demos voluntariamente ou nola tomen en contra dos nosos desexos, non será unha posición moi feliz. Mais podemos amosar a nosa firmeza e valor só cando esta sexa a nosa propia loita. Entón cada neno será un valente. Lograremos a nosa liberdade loitando. Non caerá do ceo. Eu sei moi ben que os británicos nos terán que dar a nosa liberdade cando teñamos feito suficientes sacrificios e probado a nosa forza. Debemos remover a xenreira dos nosos corazóns. Cando menos, no meu corazón non hai tal xenreira. De feito, eu son agora un amigo máis grande dos británicos do que o fun nunca. (…) A miña democracia significa que cada un é o seu propio amo. Lin suficiente historia, e non vin tal experimento a tan grande escala polo establecemento da democracia mediante a non-violencia. Unha vez que vostedes entendan estas cousas esquecerán as diferenzas entre hindús e musulmáns. A resolución que se pon ante vostedes di: “Non queremos permanecer como rás nunha poza. Estamos alentando unha federación mundial. Esta só virá a través da non-violencia. O desarme é posible só se vostedes utilizan a incomparable arma da non-violencia.”

M. Gandhi: Discurso ante o Congreso Nacional Indio (1942), publicado en New York Times o 8 de agosto.

“Aínda que a meirande parte dos africanos somos pobres, o noso continente é extremadamente rico. Os nosos recursos minerais, que están a ser explotados por capital estranxeiro, só fan ricos aos investidores estranxeiros, desde o ouro e os diamantes ata o uranio e o petróleo. Os nosos bosques gardan algunhas das máis finas madeiras que poidan existir en calquera lugar do mundo. Os nosos cultivos inclúen o cacao, o café, o caucho, o tabaco e o algodón. Canto á enerxía, que é un factor importante para calquera desenvolvemento económico, África contén máis do 40 por cento da enerxía hidráulica potencial do mundo, comparada co 10 por cento de Europa e o 13 por cento en Norteamérica. Pero a pesar disto, menos do 1 por cento foi explotado. Esta é unha das razóns polas que temos en África o paradoxo da pobreza en medio da riqueza, a escaseza en medio da abundancia”. 

Extracto do discurso do presidente Nkrumah “Falo de liberdade”, 1961.

“Pois ben: a diferenza racial, da cor da pel, constitúe o tema central, a esencia e o miolo das relacións entre africanos e europeus; é a principal forma que estas relacións adoptan na época colonial. Vínculos, dependencias, conflitos, todo se traduce á linguaxe das nocións branco/negro, dentro da cal, evidentemente, o branco é mellor, superior e máis forte que o negro. O branco, que se converteu en sir, master, bwana kubwa, é o incuestionable amo e señor, enviado por Deus para gobernar aos negros. Inculcouse ao africano que o branco é intocable e invincible, e que todos os brancos constitúen unha forza compacta e maciza. Tratábase dunha ideoloxía que apoiaba a dominación colonial, (…). E, de pronto, os africanos alistados á forza nos exércitos británico e francés ven como, na guerra europea na que participan, un branco peléxase con outro branco, como dispara sobre el e lle destrúe as cidades. É toda unha revelación, conmoción e sorpresa. Os soldados africanos do exército francés ven como Francia, a súa soberana colonial, é vencida e conquistada. Os soldados africanos do exército británico ven como Londres, a capital do imperio, é bombardeada; ven aos brancos presa do pánico, a brancos que fuxen, pregan e choran. Ven a brancos desfarrapados, famentos e clamando polo pan. (…) A conmoción que sentiu o africano cando as imaxes da guerra dos brancos se sucedían ante os seus ollos era tano ou máis forte canto que os habitantes de África (…) tiñan proibido non só viaxar a Europa, senón saír do continente.”

R. Kapuscinski: “Ébano”.

“1. A suxeción dos pobos a unha subxugación, dominación e explotación estranxeiras constitúe unha negación dos dereitos humáns fundamentais, é contraria á Carta das Nacións Unidas e compromete a causa da paz e da cooperación mundiais.

2. Todos os pobos teñen o dereito de libre determinación; en virtude deste dereito, determinan libremente a súa condición política e persiguen libremente o seu desenvolvemento económico, social e cultural.

 3. A falla de preparación na orde política, económica, social ou educativa non deberá servir nunca de pretexto para retrasar a independencia.  

 4. A fin de que os pobos dependentes poidan exercer pacíficamente e libremente o seu dereito á independencia completa, deberá cesar toda acción armada ou toda medida represiva de calquera índole dirixida contra eles, e deberá respetarse a integridade do seu territorio nacional.”

Fragmento da Resolución 1514 da ONU sobre a concesión da Independencia aos países e pobos coloniais, Nova Iorque, 14 de decembro de 1960.

Dentro dos conflitos xerados pola descolonización, un permanece enquistado nas terras de Oriente Próximo. Sesenta anos despois da creación do Estado de Israel e despois de numerosos conflitos armados (guerra de 1948-49 contra a Liga Árabe, crise de Suez en 1956, Guerra dos Seis Días en 1967, guerra do Yom Kippur en 1973, guerras do Líbano en 1982 e 2006, Intifadas de 1987 e 2000) e intentos de paz (acordos de Camp David de 1978, acordos de Oslo de 1993), albíscanse dificultades para unha solución definitiva do problema. Agora que todos os muros pareceron caer, en Cisxordania érguese un con case 400 km de lonxitude que separa a palestinos e israelís, e que supera os límites fronteirizos fixados pola resolución 242 da ONU en 1967.

 

” Os xudeus e os árabes teñen algo en común: ambos sufriron no pasado baixo a pesada e violenta man de Europa. Os árabes foron vítimas do imperialismo, do colonialismo, da explotación e a humillación. Os xudeus foron vítimas de persecucións, discriminación, expulsión e, ao final, o asasinato dun terzo do pobo xudeu. Cabería supoñer que dúas vítimas, e sobre todo dúas vítimas dun mesmo perseguidor, desenvolverían certa solidariedade entre elas. Desgraciadamente as cousas non son así, nin nas novelas nin na vida real. Pola contra, algúns dos conflitos máis terribles son aqueles que se producen entre dúas vítimas dun mesmo perseguidor. Os dous fillos dun proxenitor violento non teñen por que amarse necesariamente. Con frecuencia ven reflectida o un no outro a imaxe do cruel proxenitor. Exactamente así é a situación entre xudeus e árabes en Oriente Medio: mentres os árabes ven nos israelís aos novos cruzados, a nova reencarnación da Europa colonialista, moitos israelís ven nos árabes a nova personificación dos nosos perseguidores do pasado: os responsables dos pogroms e os nazis.”
Fragmento do discurso de Amos Oz con motivo da entrega do Premio Príncipe de Asturias das Letras 2007
 

“O Muro de Berlín era a nova de cada día. Da mañá á noite liamos, viamos, escoitabamos: o Muro da Vergoña, o Muro da Infamia, O Pano de Ferro…
Por fin, ese muro, que merecía caer, caeu. Pero outros muros xermolaron, e siguen a xermolar, no mundo. Aínda que son moito máis grandes que o de Berlín, deles fálase pouco ou nada. 
Pouco se fala do muro que os Estados Unidos están a levantar na fronteira mexicana, e pouco se fala dos muros de arame de Ceuta e Melilla. 
Case nada se fala do muro de Cisxordania, que perpetúa a ocupación israelí de terras palestinas e será quince veces máis longo que o muro de Berlín, e nada, nada de nada, se fala do Muro de Marrocos, que perpetúa o roubo da patria saharaui polo reino marroquino e mide sesenta veces máis que o Muro de Berlín. 
Por que será que hai muros tan altisonantes e muros tan mudos?”

 

 E. Galeano “Espellos. Unha historia case universal”. 

* Consulta un esquema-resumo sobre o proceso de descolonización.

 

 

 

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s