Guerra fría


     

Por guerra fría entendemos unha situación de tensión continua que emerxe con forza da inmediata posguerra e que vai enfrontar, en primeiro lugar, ás dúas superpotencias, Estados Unidos e a Unión Soviética, para estenderse posteriormente ata adquirir unha dimensión planetaria. Nos anos cincuenta xa están perfectamente configurados dous bloques liderados, respectivamente, por cada unha das potencias, con dous sistemas políticos, económicos e sociais totalmente opostos. Máis alá destes dous bloques atopábase un conxunto de países, na súa meirande parte pertencentes ao Terceiro Mundo, autoproclamados “non aliñados”; esta denominación facía referencia ao feito de que non pertencían a ningún dos bloques mais, en realidade, as súas respostas sempre estiveron condicionadas pola evolución global da guerra fría. De feito o neutralismo puro nunca existiu, e a meirande parte dos países que se proclamaban como tales remataron por aproximarse a algún dos dous bloques.

R. Villares e A. Bahamonde: “O mundo contemporáneo. Séculos XIX e XX”

Nos anos 1950, como consecuencia da desconfianza interna cara á introdución de posibles “quintas columnas” no sistema capitalista, destacouse en Estados Unidos a “caza de bruxas” emprendida polo senador McCarthy.

   

“Macho, o que se di macho, home de pelo en peito, é o senador Joseph McCarthy. A mediados do século vinte, aporrea a mesa co puño e ruxe denunciando que a patria corre grave perigo de caer nas poutas do totalitarismo vermello, como eses reinos do terror tras a Cortina de Ferro onde se asfixia a liberdade, se proíben libros, se proíben ideas, os cidadáns denuncian antes de ser denunciados, quen pensa atenta contra a seguridade nacional e quen discrepa é un espía ao servizo do inimigo imperialista. O senador McCarthy sementa o medo nos Estados Unidos. E por orde do medo, que manda asustando, asfíxiase a liberdade, proíbense libros, proíbense ideas, os cidadáns denuncian antes de ser denunciados, quen pensa atenta contra a seguridade nacional e quen discrepa é un espía ao servizo do inimigo comunista.”

E. Galeano: “Espellos. Unha historia case universal” 

Na Europa oriental, os movementos de protesta contra o dominio soviético, no interior das democracias populares, foron reprimidos con dureza, mostra do cal foron as intervencións de tropas soviéticas e do Pacto de Varsovia en Estados como Hungría (1956) e Checoslovaquia (1968).

 

“No mundo moderno, os países socialistas enfróntanse cun pérfido adversario, cuxo obxectivo primordial é o de debilitar as nosas forzas e a unidade das nosas filas. Non podemos nin debemos esquecer que os inimigos do socialismo non depuxeron as súas armas nin renunciaron aos seus plans de destrución. Todo isto obríganos a manternos alerta, así como a tomar oportunamente todas as medidas necesarias para a defensa da causa dos pobos dos países socialistas. É a este fin que apunta o noso Tratado.
As tropas soviéticas que, acorde co Tratado, permanecen temporalmente en territorio checoslovaco, reforzarán a fraterna colaboración co exército popular checoslovaco en interese da seguridade dos países socialistas e da amizade entre os nosos pobos”.

Extracto do discurso do primeiro ministro soviético, Kosiguin, en Praga, o 16 de outubro de 1968.

Aos que cren que os réximes comunistas en Europa Central son exclusivamente produto de seres criminais, escápaselles unha cuestión esencial: os que crearon estes réximes criminais non foron os criminais, senón os entusiastas, convencidos de que descubriran o único camiño que conduce ao paraíso. Defendérono valerosamente e para iso executaron a moita xente. Máis tarde chegouse á conclusión xeralizada de que non existía paraíso algún, de modo que os entusiastas resultaron ser asasinos.
Naquel momento todos empezaron a berrarlles aos comunistas: ¡Sodes os responsables da desgraza do país (empobrecido e despoboado), da perda da súa independencia (caeu en poder de Rusia), dos asasinatos xudiciais!
Os acusados respondían: ¡Non sabiamos! ¡fomos enganados! ¡Criamos de boa fe! ¡No máis profundo da nosa alma, somos inocentes!
A polémica reduciuse polo tanto á seguinte cuestión: En verdade non sabían? Ou só aparentaban non saber?”

Milan Kundera: “A insoportable levedade do ser”

O muro de Berlín converteuse, desde a súa creación en 1961, nun emblema da guerra fría. Co seu derrubamento en 1989 póñense os cementos para o final da etapa da guerra fría.

 

“Hai algúns que din que o comunismo é o movemento do futuro. Dicídelles que veñan a Berlín. Hai algúns que din en Europa e noutras partes: “nós podemos traballar cos comunistas”. Dicídelles que veñan a Berlín. E hai algúns poucos que din que é verdade que o comunismo é un sistema diabólico pero que permite un progreso económico. Dicídelles que veñan a Berlín. (…) nós non temos que poñer un muro para manter ao noso pobo, para previr que eles nos deixen… Mentres o muro é a máis obvia e viva demostración do fracaso do sistema comunista, todo o mundo pode ver  que non temos ningunha satisfación niso, para nós, como dixo o Alcalde, é unha ofensa non só contra a historia, senón tamén unha ofensa contra a humanidade, separando familias, dividindo maridos e esposas e irmáns e irmás e dividindo á xente que quere vivir unida. Cal é a verdade desta cidade de Alemaña? A paz real en Europa nunca pode estar asegurada mentres a un alemán de cada catro se lle nega o elemental dereito de ser un home libre, e que poida elexir un camiño libre.”

Extracto do discurso de J.F. Kennedy en Berlín, o 11 de xuño de 1963.

Le un artigo xornalístico sobre o muro de Berlín.

A carreira de armamentos e o medo ao colapso nuclear tinguen o período dunha constante inquedanza. Finalmente, os acordos sobre limitación de armas estratéxicas emprendidos pola Unión Soviética e Estados Unidos a comezos dos anos 1970 levarán a unha limitación das mesmas mediante o asinamento dos tratados SALT I e SALT II. Sen embargo, o rearme promovido en Estados Unidos por Ronald Reagan tras a crise dos euromisís -o programa da “guerra das galaxias”- dará ao traste coa política de entendemento e será en gran medida causa da creba económica da URSS por tentar seguir na carreira. E ao colapso económico uniráselle o colapso medioambiental.

“O que vimos, en cambio, non foi o final do mundo senón dun sistema. O accidente de Chernobyl foi sen dúbida o factor determinante da súa caída. Todo comezou cunha simple constatación, como xa expliquei antes: a existencia era moito máis complicada que o que aseguraban as autoridades do Kremlin. A dimensión vital converteuse en algo moito máis importante que a política. A medida que foi revelándose o segredo, o sistema descompúxose: non se lle perdoou o mutismo dos primeiros días, nin as histéricas chamadas á calma dos seguintes, o desfile de nenos o primeiro de maio ao longo dun paseo Kreschatyk desbordado de xente, as decisións segredas para ocultar os diagnósticos oncolóxicos e as mutacións anatómicas, a propaganda publicitaria sobre “a vitoria contra os elementos”, a censura, o cinismo, o oportunismo, as tendas de comida non contaminada para a Nomenclatura, e, finalmente, non se lle perdoou que se puxese a Moscova por enriba de Kiev. En decembro de 1991 tivo lugar o colapso, como o dun xigante reactor; o imperio soviético condeouse a sí mesmo, porque perdera á subestimada Ucraína.”

Yuri Andrujovich: “O último territorio”.

 * Consulta un esquema da guerra fría baseado no libro citado de R. Villares e A. Bahamonde.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s