Segunda Guerra Mundial


AP

Esta guerra foinos imposta e o noso país entrou nunha loita de vida ou morte contra o seu máis pérfido e malvado inimigo: o fascismo alemán. (…) O inimigo é cruel e implacable. Quere arrebatarnos a nosa terra, o seu trigo e o seu petróleo. Quere restablecer o poder dos propietarios feudais da terra, restablecer o tsarismo, destruir a cultura nacional dos pobos da Unión Soviética (…) converténdoos despois en escravos dos príncipes e baróns alemáns.”

Stalin, citado en A. Werth: “Rusia en guerra”

“En ningún outro lugar foi a orde de Stalin «Nin un paso atrás» máis aplicable que na cidade ameazada que levaba o seu nome. A batalla da guerra civil que tivo lugar alí cando o pobo se chamaba Tsaritsin (en tártaro significaba o pobo sobre o Tsaritsa, ou río amarelo), foi invocada xunto co mito de que a dirección de Stalin alterara o curso dos acontecementos favorable aos exércitos brancos e con iso salvara á revolución. O consello militar rexional non se limitaba en usar todas as medidas para converter a cidade nunha fortaleza. A tarefa distaba de ser fácil.
Stalingrado describía unha curva de vinte millas ao longo da alta marxe occidental do Volga. Os defensores tiñan un amplo tramo de auga ao descuberto tras eles, polo cal terían que vir todas as subministracións e reforzos. En 
toda a rexión mobilizouse á poboación. Todas as mulleres e homes dispoñibles entre dezaseis e cincuenta e cinco anos foron mobilizados en «columnas de traballadores», organizadas segundo os consellos de distrito do Partido. Como en Moscova o ano anterior, as mulleres con panos e os nenos maiores recibiron pas de longos mangos e canastras para cavar fosos antitanque de máis de seis pés de profundidade na terra areosa. Mentres as mulleres cavaban, os zapadores do exército colocaban pesadas minas antitanque na marxe occidental.”

Anthony Beevor: Stalingrado

Illa de Iwo Jima, volcán Suribachi, febreiro de 1945. Seis marines plantan a bandeira dos Estados Unidos no cumio do volcán, que veñen de tomar tras un duro combate contra os xaponeses. Esta foto de Joe Rosenthal converterase no símbolo da patria vitoriosa nesta guerra e nas guerras seguintes, e será multiplicada millóns de veces en carteis e selos de correos e ata nos bonos do Tesouro. En realidade, esta é a segunda bandeira do día. A primeira, bastante máis pequena e pouco axeitada para as imaxes épicas, foi plantada unhas horas antes, sen nengunha espectacularidade. E cando a foto rexistra o triunfo, esta batalla non concluíu, senón que comenza. Tres deses seis soldados non regresarán vivos, e sete mil marines máis morrerán nesta minúscula illa do Pacífico.

(…) Ceo de Hiroshima, agosto de 1945. O avión B-29 chámase Enola Gay, como a mamá do piloto. Enola Gay trae un neno na barriga. A criatura, chamada Little Boy, mide tres metros e pesa máis de catro toneladas. Ás oito e cuarto da mañá, cae. Tarda un minuto en chegar. A explosión equivale a cuarenta millóns de cartuchos de dinamita. Alí onde Hiroshima era, álzase a nube atómica. Desde a cola do avión, George Caron, fotógrafo militar, dispara a súa cámara. Este inmenso, fermoso, fungo branco, convértese no logotipo de cincuenta e cinco empresas de Nova Iorque e do concurso de Miss Bomba Atómica, en Las Vegas. En 1970, un cuarto de século despois, publícanse por primeira vez algunhas fotos das vítimas das radiacións, que eran segredo militar. En 1995, a Smithsonian Institution anuncia en Washington unha gran exposición sobre as explosións de Hiroshima e Nagasaki. O goberno prohíbea.”

Eduardo Galeano: “Espellos. Unha historia case universal

Durante a Segunda Guerra Mundial, os programas de propaganda de Estado acadaron unha escala sen precedentes. Tras a entrada de Estados Unidos no conflito, o público americano foi bombardeado con imaxes relacionadas coa guerra. Por exemplo, a Oficina de Información da Guerra, fundada en xuño de 1942, distribuíu os seus principais carteis en tiradas de millón e medio de exemplares, e cada mes colocaba 100.000 mensaxes no metro, os tranvías e os autobuses. Os Army Signal Corps produciron 3.000 películas animadas e distribuiron 400.000 folletos sobre elas. Xeralmente, as películas acadaban os oito millóns e medio de espectadores ao mes. Nunha semana, nos cines americanos, cincuenta millóns de espectadores vían curtas de información oficial, e en 1943 un tercio das producións de Hollywood eran de tema bélico. A política informativa do goberno dos Estados Unidos combinaba esta prolífica produción de imaxes de guerra cunha rigorosa censura que afectaba a todos os campos da comunicación.”

Toby Clark: “Arte e Propaganda no século XX

O impacto moral que causou a Segunda Guerra Mundial levou a cuestionar o grao de civilización de Europa, unha vez descubertos os crimes nazis a través dos campos de concentración e exterminio. E as tensións internas da sociedade alemá revivíronse nos xuizos de Nuremberg, ao remate da guerra, cando se estableceron os crimes de guerra como delito contra a humanidade, base dunha nova concepción do dereito internacional. Estas tensións póñense de manifesto no film de Stanley Kramer “Vencedores ou vencidos (O xuizo de Nuremberg)”, no que a alocución de Burt Lancaster interpretando ao xuiz alemán Ernst Janning exemplifica a “dobre moral” e as dificultades para aceptar as responsabilidades no xenocidio por parte das autoridades alemás de posguerra. Da outra banda, o lanzamento das bombas atómicas sobre as cidades xaponesas de Hiroshima e Nagasaki plantexan a enorme crueldade dunha guerra que segou máis de 50 millóns de vidas e sementou a traxedia entre poboacións civís indefensas e non culpábeis:

* Consulta un esquema-resumo sobre a Segunda Guerra Mundial.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s