Visita á costa de Dexo


costa de Meracosta de Dexo

O 31 de marzo teremos unha xornada de coñecemento do contorno marítimo dese fragmento da costa da Morte que está no litoral setentrional do concello de Oleiros: o monumento natural Costa de Dexo. A visita permitiranos tamén coñecer DEMARLOSA e o porto de Lorbé.

Visita virtualmente a galería de fotos do monumento natural.

Unha vez que fomos, ben podemos todas e todos escribir a nosa “carta desde Dexo” para contar a experiencia. Velaí vai a miña:

“Alá entre os cantís suben as ondas e baten forte para converterse en espuma, a mesma que estaba a piques de engulir as embarcacións nos cadros de Hokusai. Un manto de néboa chea de salitre invade o Portiño de Dexo e sobrepasa os golfiños de Kaydeda para internarse en terras nas que se sementan patacas á beira dos pexegueiros que prometen abundancia para agosto. Antes de chegar a Punta Roza pasamos por un camiño entre eucaliptos, estes colonizadores natos da nosa terra húmida, plantados como varas fascistas en abas de pendente suave. Os silencios dos devanceiros observáronnos desde o castro de Punta Roza. Están aí, baixo terra, á espera de ser exumados para revivir vellas historias de cuncheiros. Mentres, nós cruzamos o camiño que deixa á nosa dereita o lameiro, emprendemos a marcha entre piñeiros e eucaliptos cara á finca dos cabalos, e imos alá abaixo, enriba da Cova do Ladrón, para ver as ondas encrespadas batendo contra os xistos. Ría de Ares, acolledora de barcos varados á espera de entrar en porto, ben te divisamos, ben te vemos como observamos o porto de Ferrol, mais iremos a Occidente, onde furnas máis recollidas fan de casa para aniñar gaivotas e cormoráns. Paremos aquí un momentiño, un intre para ver esa violenta onda que anega O Corval, cun mar enfurecido, mar bravío e tumultuoso que noutro tempo acolleu a pescadores de Dexo, os mesmos que subían a terra as súas barquiñas con guindastres, os que dicían con razón aquilo de “quen pasou a Marola, pasou a mar toda”, porque aquí a auga bate con moita forza, con excesiva forza. Mais o panorama ben merece un día de contemplación, un tempo de percorrer sendeiros, un tempo de lecer e ledicia. Este día entra na memoria con portas de espuma, con ventos airados e arrecendo de primavera.”

One thought on “Visita á costa de Dexo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s