Entreguerras


 

O período 1922-1929, confirmada a primacía económica mundial dos Estados Unidos, convírtese nun período de expansión económica nunca antes acadada neste país. Os “ledos anos vinte”, os anos do triunfo do jazz e os bailes estremecedores de Josephine Baker, constitúen a época da revolución dos consumidores. Moitos cidadáns viven unha primeira febre de consumo de masas, con acceso aos novos modelos de automóbiles como o Ford T -símbolo dunha época-, nutren os seus fogares con electrodomésticos moitas veces mercados a crédito e invisten en Bolsa (aínda que Galbraith matiza que só un millón e medio de norteamericanos dos aproximadamente cento vinte millóns que habitaban o país nese momento eran investidores en Wall Street), endebedándose ata que a coxuntura económica leva ao crack do xoves negro (24 de outubro de 1929). A sobreprodución agrícola e industrial, coa conseguinte acumulación de stocks, e o endebedamento dos particulares a causa das inversións a crédito nunha Bolsa de valores que se afunde, están na base dunha crise económica que amosará a súa faciana máis escura no período 1929-1932; unha crise que, dada a interrelación da economía mundial facilitada polas inversións norteamericanas no exterior, se estenderá rápidamente á outra beira do Atlántico, a unha Europa que tiña recuperado a senda do crecemento anos antes.

Mais se nun Estado os problemas resultaron acuciantes nos anos vinte, ese foi Alemaña, obrigada a cubrir as reparacións de guerra e incapaz de facelo, polo que tropas francesas e belgas ocuparon en 1923 o territorio do Ruhr esixindo os pagos pertinentes. 1923 é o ano da hiperinflación alemá, aquel no que os prezos das cousas se contaban por millóns de marcos e subían rápidamente cando un estaba na ringleira da compra, cando os cartos se transportaban en carriños de bebé ou carretiñas; perderon tanto valor os billetes que se usaban para xogar os nenos e queimar como combustible.

Nos Estados Unidos, a coxuntura económica derivou nun incremento notable do paro e a retracción da demanda. A isto sumouse, no Medio Oeste, a crise agrícola agravada pola seca dos primeiros anos trinta -o momento da Dust Bowl-, que obrigou a moitos granxeiros a emigrar cara a California para empregarse como braceiros nas grandes explotacións agrícolas. Desa época, de 1936, datan as reportaxes xornalísticas que John Steinbeck realizou para The San Francisco News, sobre as condicións miserentas destes emigrantes que malvivían en chabolas á beira das estradas, e que despois se converteron en protagonistas da obra Os vagabundos da colleita. A esta mesma época pertencen as fotografías de Dorothea Lange que poñen imaxe documental ás penurias destes emigrantes da América profunda e convértense no documento gráfico máis exemplificador da Grande Depresión. Woody Guthrie puxo música a estes episodios; a súa canción «Blowin’ Down the Road», pertencente ás Dust Bowl Ballads gravadas en 1939, resumía en poucos versos a novela de Steinbeck: “Vou onde non soplen as treboadas de pó /, busco un traballo e unha paga decente /, vou por esta estrada chea de poeira /, e nunca máis me van tratar deste xeito“. Fora a partir de 1932 cando o New Deal de Roosevelt tentara “maquillar” as cifras macroeconómicas coa intervención do Estado creando emprego público.

“A seca do Medio Oeste empuxou á poboación rural de Oklahoma, Nebraska e partes de Kansas e Texas cara ao oeste. As súas terras están esgotadas e xa non poden regresar a elas. Miles de agricultores cruzan estados enteiros en vellos automóbiles renqueantes. Viven na miseria, teñen fame e quedaron sen fogar, dispostos a aceptar calquera xornal para poder comer e dar de comer aos seus fillos. […]

Estes novos vagabundos soen chegar a California despois de ter esgotado todos os seus recursos para viaxar ata aquí; incluso teñen que vender polo camiño vellas mantas, ferramentas e utensilios de cociña para pagar a gasolina. Chegan confundidos e derrotados, a cotío case mortos de fame, cunha única necesidade que cubrir: atopar traballo, polo salario que sexa, para poder dar de comer á súa familia.”

                                                               J. Steinbeck: Os vagabundos da colleita.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s