Estar en Babia e nas Batuecas


  Moitas veces dicimos de alguén que está despistada/o que está en Babia. É feliz. Sen dúbida. Pero esta expresión ten unha evidente orixe xeográfica. Pois Babia é unha comarca natural composta por dous concellos: Babia de Suso e Babia de Yuso, situados no noroeste da provincia de León, e que se corresponde cun territorio natural no que os medievais reis de León atopaban paz entre montañas, ríos, lagoas e castelos. Babia é Reserva da Biosfera desde o 29 de outubro de 2004. Como di a entrada do Índice do libro “As elipses do cronista”, de Pablo Andrés Escapa (Páxinas de Espuma, 2003):

“Badabia: Territorio fuxitivo dos mapas que o sabio Afonso mandou poboar en mil douscentos setenta e ao que concedeu un foro. A manifestación visible da Badabia coincide cunha comarca montañosa ao noroeste do antigo reino de León. Abunda esa xeografía evidente en montañas, herba, ríos e rabaños. O viaxeiro de paso por este terreo adoita reter a cor verde na mirada e algunha parsimonia de esquilas nos oídos. De forma adicional sofre de melancolía a medida que se afasta da paisaxe. A porción invisible de Badabia é inexplicable e motivo de beatitude segreda. Correntes ocultas distraídas das fontes, ou das follas das árbores que o vento fai soar, van gañando a imaxinación do pasaxeiro da Badabia e precipitándoo a evasións sosegadas e a ilusións de tranquilidade. Os límites desta divagación, que unhas veces pérdese como un fume azul monte arriba, outras disípase nun horizonte de nubes, e algunha vez profúndase e xira nun remanso do río, son descoñecidos, pero sábese que obran infatigablemente, polo menos desde os tempos do cabalo Babieca. Os habitantes da Badabia teñen a mirada evadida e son propensos a entreter en círculo as noites invernais. Neses concilios aquietados pola neve, prospera a irmandade do lume e a fabulación. Don Pascual Madoz, no seu admirable Dicionario xeográfico, atribúe unha extensión de corenta e nove leguas ánglicas á parte visible da Badabia. Administrativamente divídea en Alta e Baixa”.

“Estar nas Batuecas”, segundo o dicionario, significa estar distraído ou allea/o a aquilo do que se trata, e así se pode un quedar se visita esta impresionante paraxe salmantina, un val que foi declarado parque natural xunto á Pena de Francia en 1978. Ao longo dos séculos acumuláronse lendas variadas sobre o Val das Batuecas. Dicíase que se achaba habitado por demos e seitas adoradoras de Satanás. Os pastores non se atrevían a entrar nel por medo ao descoñecido. Por outra banda, tamén se falaba das Batuecas como un lugar paradisíaco.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s