“Earth”


“Earth”, a película

O día 26 de outubro de 2007 estréase en España o film Earth. Nestes tempos de necesaria concienciación ecolóxica, as historias presentadas pola BBC teñen que facernos pensar na necesidade de contribuir a salvar o planeta. Para nós, urbanitas esquecidos do “espectáculo da vida” (e a morte, como se alude no documental), as imaxes desta película deben aleccionarnos sobre a difícil estabilidade dun planeta como  o que habitamos. E debe ser un aldabonazo ás nosas conciencias para conservar o que nos queda del. Nun estilo diferente á “Verdade incómoda” que nos amosou Al Gore, verdadeiramente espectacular en imaxes, o documental é un paseo xeográfico pola Terra -ó longo dun ano natural e de polo norte a polo sur-, ó tempo que presenta en estado puro a loita pola supervivencia de moitas especies animais que, de seguir así, só sobrevivirán nos zoos (a duras penas, por certo).

O director Alastair Fothergill e o equipo da Unidade de Historia Natural da produtora inglesa de televisión BBC veñen de realizar un documental sobre a vida no noso planeta. En tempos nos que o debate sobre o cambio climático se acrecenta e son cada día máis notables as chamadas de atención sobre o deterioro das condicións de vida na Terra, unha banda sonora de excepción composta por George Fenton e interpretada pola Orquestra Filarmónica de Berlín baixo a batuta de Simon Rattle acompáñanos  de polo Norte a polo Sur e descóbrenos multitude de historias animais e vexetais. 98 minutos de elaboradísimo balance visual farannos disfrutar da beleza do noso planeta.
O argumento ten por base o impacto de hai cinco mil millóns de anos, cando un enorme asteroide chocou contra o novo planeta Terra. O impacto foi tan tremendo que fixo que todo o planeta se ladeara un ángulo de vinte e tres graos e medio. Pero lonxe de ser unha catástrofe, este accidente cósmico foi crucial para a creación da vida e o mundo tal e como o coñecemos hoxe en día. Sen a inclinación da Terra, non teriamos unha variedade tan espectacular de paisaxes, nin extremos de frío e calor. Non existirían as estacións e, o que é máis importante, non se darían as condicións perfectas para a vida. Cando o equipo da longametraxe Terra partiu para contar a historia do noso planeta, tomou ao Sol como guía. A viaxe comeza cerca do Polo Norte, con 24 horas de escuridade durante o inverno. O Sol só aparece por primeira vez sobre o horizonte en marzo.
Aquí atopamos a unha osa polar que pasou o inverno baixo a neve e vemos ós osiños que se aventuran por primeira vez baixo a luz do día.
Máis ó sur das xeadas terras árticas, tres millóns de caribúes en Canadá percorren máis de tres mil km en busca de pastos frescos, o que supón a migración terrestre máis longa sobre a Terra. As vastas manadas viaxan axexadas por famentos lobos ao longo de todo o camiño.
A 2.000 km. do Polo Norte, os raquíticos arbustos marcan a “liña arbórea” do noso planeta: o punto máis setentrional no que poden crecer as árbores. Aquí comeza a Taiga, o bosque de coníferas máis importante do mundo. Esta solitaria masa arbórea esténdese sen interrupción polo hemisferio norte, cun terzo do número total de árbores existentes sobre a Terra. Na primavera, tras o desxeo, o osíxeno de todo o mundo aumenta grazas a estas árbores. Durante gran parte do ano é un paraíso cuberto pola neve, de cando en cando contaminado polas pegadas. Os animais que viven nela, como o solitario lince, son auténticos espíritos silvestres.
A 2.400 km. do Polo Norte hai suficiente luz solar como para sustentar bosques de folla ancha con campaniñas, rouxirois, raposos e cervos. Na primavera podemos ver como os poliños de pato mandarín dan os seus primeiros e valentes saltos desde o seu niño, no alto das copas das árbores. E no inverno, cando as árbores de folla caduca perden a súa follaxe , alcanzamos a ver ao felino máis raro do mundo. Un leopardo de Amur e o seu cachorro sobreviven a baixísimas temperaturas.
Cara ao ecuador, onde o Sol brilla 12 horas todos os días e chove bastante, hai vida en abundancia. As selvas tropicais cobren só un tres por cento do noso planeta, pero son o fogar de máis da metade de toda a súa flora e fauna. Só en Papúa Nova Guinea existen 42 especies diferentes de aves do paraíso, cunha extraordinaria variedade de divertidas exhibicións para o apareamiento.
No Kalahari, polo contrario, o Sol cae de plano sobre o árido deserto. Aquí atopamos a unha nai elefanta coa súa cría recentemente nacida que se desprazan coa súa familia en busca do paraíso do delta do Okavango. Tras días de marcha en busca de auga e alimento, os elefantes atopan un pequeno abrevadeiro. Pero deben compartir a prezada auga cunha manda de leóns. ¿Canto durará a súa precaria tregua?
O sol tamén rexe a vida nos océanos. É aquí onde nos penetramos na etapa final da nosa viaxe. Nas augas tropicais próximas ao Ecuador atopámonos cunha balea chepuda e a súa cría recentemente nada. Cando o baleato acada os cinco meses de idade, esta familia de dous membros parte cara á migración de maior duración de calquera mamífero mariño: máis de 6.000 km. desde os trópicos ata o extremo máis meridional do noso planeta. Seguimos ás baleas no seu encontro con algúns dos espectáculos máis impresionantes dos océanos, e vemos como se forman violentas tormentas sobre os mares tropicais.
Para dispor deste excepcional documental foron necesarios cinco anos de produción filmando en 200 localizacións en 26 países durante 4.500 horas sobre o terreo con máis de 40 equipos de especialistas

As localizacións inclúen: Península Antártica; Arxentina; Illa Banks, Canadá; Val de Danum, Borneo; Val do Everest, Nepal; Gabón, Golfo de México; Himalaya, Nepal; Xapón; Deserto do Kalahari, Botswana; Val de Kali Gandaki, Nepal; Karakórum, Paquistán; Bosque Kibale, Uganda; Laponia, Suecia; Territorios do Noroeste, Canadá; Delta do Okavango, Botswana; Costa do Pacífico, California, EE.UU.; Rurutu, Polinesia Francesa; Deserto do Sahara, Níxer; Illa Seal, Sudáfrica; Svalbard, Noruega; Reino Unido; Venezuela; Vermont, EE.UU.; Vladivostok, Siberia; Highlands Occidentais, Papúa Nova Guinea.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s