“Napoleón”


Algúns momentos da era napoleónica

Outubro 23rd, 2007

 Invitámosvos a seguir algúns dos momentos máis significativos da traxectoria e goberno de Napoleón, a partir de fragmentos do DVD “Napoleón”, protagonizado por Christian Clavier, Isabella Rosellini, Gérard Depardieu e John Malkovitch, na versión do best-seller de Max Gallo:

Un paseo musical polo cadro de Jacques-Louis David “Consagración de Napoleón e Xosefina”

A consagración de Napoleón evoca o momento, acaecido o 2 de decembro de 1804, no que o “Gran Corso” vai coroar á súa esposa Xosefina no medio dunha pomposa cerimonia de carácter relixioso-político, ao modo da tradicional liturxia de proclamación e exaltación dos reis de Francia, que durante séculos tivo lugar na Catedral de Reims. O acontecemento que relata o cadro transcorre en Nôtre-Dáme, de París, en presenza do papa Pío VII, a quen o novo soberano arrebatou das mans a suprema insignia de poder, autocoroándose previamente, antes de proceder ao mesmo rito coa súa primeira esposa.
Desde o punto de vista histórico, é un cadro que sela o apoxeo do xeneral Bonaparte, herdeiro de moitos dos logros da Revolución Francesa e creador dun poder persoal, autoritario, sen limitacións.
O autor deste enorme lenzo (610 x 935 cm), concluído en 1807, foi Jacques-Louis David, nacido o 30 de agosto de 1748 no corazón de París e falecido, no exilio, en Bruxelas, en 1825, despois de ter cantado as glorias da Revolución Francesa en cadros como Morte de Marat.

A entrada nunha Moscova abandonada (ver a partir de 1:26:22) e a derrota en Rusia (ver a partir do minuto 3.30)

O Gran Exército de Napoleón acometeu unha enorme campaña militar contra Rusia en 1812. O que pretendía ser unha xesta militar que levase ó dominio de Europa e ó esquecemento das derrotas na península Ibérica converteuse nunha derrota tráxica. Ao chegar ás portas de Moscova e atopar a cidade case destruída pola política de terra queimada practicada polas autoridades locais, un exército formado, disciplinado, valente e afeito a violentas batallas, tívose que enfrontar ademais coa crueza dun inverno terrible que foi dezmando a uns soldados que se ían esgotando a medida que avanzaban polas abatidas estepas rusas. A retirada forma parte da lembranza colectiva e dos manuais militares. Dun exército de 700.000 efectivos regresaron menos de 100.000: o inverno selou a derrota.

A derrota de Waterloo

Primaveira de 1815: Tras o retorno da illa de Elba, Napoleón enfróntase á batalla que será definitiva. Cun exército de 124.000 homes, o seu propósito era dividir ás tropas aliadas, para o que atravesou o río Sambre por Charleroi e dirixiuse cara a Bruxelas. As tropas dos aliados, dirixidas por Wellington e Blücher, cun total de 196.000 homes, estaban enfronte. O xeneral prusiano dirixiuse entón cara a Ligny, mentres Wellington esperou a Napoleón atrincheirado en Mont-Saint-Jean para impedir  súa entrada en Bruxelas. O Emperador francés, pola súa banda, decidiu tamén dividir o seu exército, destacando 63.000 homes que marcharon con el contra Blücher e ordenando ao seu xeneral Ney que se dirixise cara a Bruxelas. Tras expulsar aos prusianos de Ligny, estes  replegáronse cara a Wavre. Napoleón decidiu entón erroneamente destacar 30.000 homes na súa persecución, o que debilitou as súas forzas, e marchar contra Wellington. A gran batalla expúxose, pois, en Mont-Saint-Jean, moi preto de Waterloo. Tras unha serie de disposicións tácticas, a infantería francesa foi aniquilada, mentres que a Garda e a cabalería houberon de replegarse. O fracaso de Waterloo significou o ocaso do Imperio napoleónico e a configuración dun novo mapa europeo que terá a súa confirmación no Congreso de Viena.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s