Sociedades en perigo
Non é cuestión de atizar de xeito continuo coas visións apocalípticas. Ben podedes entender que nos entusiasman as historias que Jared Diamond nos contou en Colapso, ben nos facemos eco das previsións desertificadoras de Greenpeace para o noso Estado. Agora, xa que de meteoroloxía e climatoloxía estamos a falar, imos lembrar as conclusións dun libro que percorre a historia da humanidade como modelo dun quentamento continuo e desbaratado do planeta.
Invitámosvos, no documento adxunto, a ler detidamente algunhas das reflexións de Brian Fagan en O longo verán. Que sirvan para iso, para reflexionar.
Tipos de tempo na península
Presionando sobre cada unha das imaxes que arriba tomamos emprestadas de cprcalahorra.org, poderás comprobar as principais situacións sinópticas convectivas que se producen sobre a península ibérica ao longo do ano. Para iso, debes consultar o arquivo sobre tipos de tempo que aquí enlazamos. No documento final, arriba á dereita, poderás comprobar, ademais, as diversas tipoloxías de situacións advectivas citadas no documento-resumo.
* Tendo en conta os coñecementos adquiridos, comproba a que situación sinóptica corresponde o mapa de isóbaras que che presentamos a continuación, procedente de www.meteosat.com . Xustifica tamén a predición meteorolóxica en base ás circunstancias meteorolóxicas e xeográficas que concorren:
Comentamos mapas do tempo
Imos observar a situación meteorolóxica do día de hoxe, 3 de novembro de 2009, a traverso das versións de mapas isobáricos de diferentes axencias e sitios web (AEMet, MetOffice, Topkarten, Meteored). Nelas poderás comprobar os principais centros de acción (os anticiclóns correspóndense con altas presións (H), as borrascas con baixas presións (L) alí onde aparezan representados), a distribución de frontes e a previsión do tempo meteorolóxico resultante:
* Redacta un comentario seguindo a observación dos distintos mapas e xustifica xeográficamente as previsións para os distintos lugares da península ibérica. Se tés algunha dúbida, non evites consultar a excepcional presentación do profesor Isaac Buzo ao respecto de como comentar un mapa do tempo.
* Tampouco está de máis que visites o glosario meteorolóxico de meteogalicia.com.
Aproximación á climatoloxía
Dicía Mark Twain que “o tempo nunca está quedo”. Ben é certo. Técnicamente, o tempo é o estado da atmosfera nun lugar e momento determinados. Estudamos o tempo pola curiosidade de clasificar e explicar os fenómenos atmosféricos. Sen embargo, a razón principal é a de predicir o tempo, para prepararnos ante condicións extremas ou beneficiarnos das favorables. A meteoroloxía consiste no estudo científico do tempo.
O clima é a sucesión de tipos de tempo nunha rexión determinada durante un período de tempo representativo, prestando atención a valores como a temperatura, a humidade, a presión, os ventos e as precipitacións fundamentalmente. O clima dunha localidade depende da súa latitude e altitude con respecto ao nivel do mar, da distancia ás grandes masas de auga e cadeas montañosas, e tamén das correntes atmosféricas globais. O clima configura a grande diversidade da vida terrestre, xa que plantas e animais evolucionan para adaptarse ás diversas condicións climáticas.
* Accede a unha información sobre climatoloxía, introductoria, neste propio blogue.
Exercicios de repaso
Aproveitemos hoxe para uns exercicios de repaso:
* Ordea, en primeiro lugar, os acontecementos xeolóxicos que contribuiron á morfoloxía actual da península ibérica, seguindo un exercicio interactivo de Elena García Marín.
* Comproba o teu coñecemento do relevo peninsular a partir do mapa interactivo creado por E. Alonso. E coñece do mesmo xeito os ríos de España e as costas.
* Agora que xa memorizaches onde estaban, serache máis fácil situar ríos e costas.
Os mapas topográficos representan a superficie do territorio ofrecendo variada información sobre aspectos físicos, humanos e económicos da área representada. No seguinte exemplo:
* Identifica os aspectos relacionados co relevo e a hidrografía deste fragmento da folla topográfica nº 119-4 a escala 1:25.000 (lembra que as curvas de nivel, a esta escala, manteñen unha equidistancia de 10 m.). Para guiarte sobre que debes observar, consulta a presentación do profesor Isaac Buzo sobre o mapa topográfico.
* Proba a facer o comentario coa folla 1:50.000 da túa área xeográfica, prestando atención específica -nesta ocasión- aos seguintes apartados:
a) Nome da folla e número.
b) Coordenadas xeográficas extremas da superficie representada.
c) Máximas altitudes, denominación e localización no mapa topográfico.
d) Mínimas altitudes do mapa e lugar onde se sitúan.
e) Pendentes (identificación das áreas con maior e menor pendente da folla).
f) Principais cursos fluviais, con denominación e orientación dos mesmos.
g) Rías (tipos e definición dos mesmos), con atención tamén aos contrastes existentes no relevo litoral.
Formas do relevo
En xeomorfoloxía, o modelado é un conxunto de formas do relevo que son características dun proceso de erosión particular. Cada sistema de erosión morfolóxica modela o relevo dun xeito característico, o que permite falar de modelados fluviais, glaciais,… e tamén falar de formas do modelado sobre litoloxías diferentes. De ahí que, no conxunto da península ibérica, poidamos falar esencialmente de modelados sobre granitos, propios esencialmente do macizo Hespérico, modelados cársicos e modelados sobre rochas brandas -tipo arxilas- que dan lugar a formas do relevo ben diferenciadas. A iso convén engadir a acción do xeo durante o glaciarismo cuaternario e a continua acción do mar no relevo litoral. E sen esquencer a impronta volcánica en certas áreas. O modelado componse de tres procesos sucesivos: erosión, transporte e sedimentación.
* Consulta unha presentación sobre modelado do relevo español, a cargo de Sergi Sanchiz, en Slideshare.
* Consulta unha interesante páxina do profesor Marcelino Urresti sobre modelado granítico.
* Consulta unha interesante presentación do profesor G. Álvarez Calviño, do IES Sancho III el Mayor de Tafalla, sobre modelado granítico (ver especialmente diapositivas 2 a 4) e cársico (diapositivas 16, 19 e 20), na que as imaxes exemplifican claramente os efectos do clima e a erosión sobre o sustrato litolóxico predominante.
* Consulta un traballo de Cristina Abad, Estíbaliz Martínez e Eva Moreno sobre modelado cársico.
* Consulta o esquema de modelado cársico en Kalipedia.
* Non deixes de consultar a anotación de outubro de 2008 neste mesmo blogue.
*** Repasa unha presentación sobre o rochedo español do profesor Alfredo García e responde ás seguintes cuestións: 1) Enumera exemplos característicos de rochas silíceas. 2) Que é un relevo xermánico? 3) Que é un relevo apalachense? 4) Que é un relevo xurásico e como evoluciona? 5) Que espazos territoriais ocupa a España arxilosa? 6) Sinala as diferenzas entre un páramo e unha campiña. 7) Que é un relevo de cuestas e que formas son propias del? 8 ) En que lugares de España os terreos teñen orixe volcánica? 9) Que é unha caldeira volcánica? 10) Que é un roque?
Tectónica de placas
Deixamos aquí o enlace a un vídeo de Kalipedia sobre as placas tectónicas, sinxelo e interesante. Tamén podes consultar a anotación que fixemos hai un ano sobre este tema.
Tamén resulta moi interesante este material educativo elaborado hai uns anos polo Ministerio de Educación.
* Resume e exemplifica con imaxes a evolución xeolóxica da península ibérica.
Un Estado intermedio
Un Estado de tamaño intermedio, así é como cabe definir a España dentro do conxunto da UE de 27 membros. Ocupando pouco máis da novena parte da superficie total, España é a segunda entidade política de maior peso territorial dentro da Unión Europea, aínda que estea por debaixo das cifras medias de densidade de poboación (89,5 habitantes por kilómetro cadrado en 2008, fronte aos 113 de media da UE).
As distancias entre os puntos extremos da península ibérica denotan claramente o seu carácter compacto: 1037 km entre Touriñán e Creus, 1088 km entre San Vicente e Creus, 912 km entre Touriñán e Cabo de Gata. A pel de touro bautizada por Estrabón na súa Xeografía ocupa pouco máis de medio millón de km cadrados. É o Estado 50 dentro dos máis grandes, ben lonxe de dimensións continentais como as de Rusia, que abrangue case 34 veces o territorio español (aínda que a meirande parte do seu territorio sexa asiático, e non europeo).
Grazas á inestimable axuda de Enrique Alonso:
* Repasa a ubicación das provincias de España.
* Completa o mapa de comarcas de Galicia.
* Identifica as comarcas de Galicia.
* Identifica as principais unidades do relevo español.
- Achégate a unha presentación sobre as unidades do relevo español da man do profesor Isaac Buzo.
“Home”
Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente (5 de xuño) vense de estrear “Home”, a película que, a través das imaxes aéreas, e dirixida por Yann Arthus Bertrand, nos conciencia do papel complexo que xoga o ser humán no difícil equilibrio do planeta. Todo se acelera: a poboación triplícase nos últimos 150 anos, a enerxía dependente dos combustibles fósiles é maioritaria, os fertilizantes químicos contaminan o solo agrícola, as especies adaptadas aos climas desaparecen en beneficio doutras máis produtivas, moreas de plásticos invaden o espazo, fabricar carne antes que o crecemento natural dos animais é unha rutina, a nosa vida depende do petróleo, o automóbil reduce as distancias, o modelo dos países ricos esténdese por todo o mundo grazas ás imaxes da televisión, canto máis se desenvolve o mundo máis se acelera a demanda de enerxía,… Moitas verdades que doen e intranquilizan son expresadas a través da mirada dun fotógrafo que sempre se caracterizou por amosarnos a beleza.
O documental, na senda do Colapso de Jared Diamond, advírtenos da difícil compatibilidade entre crecemento económico e equilibrio ambiental. Esta lección de xeografía xa dispoñible en youtube (en francés e tamén en español) é imprescindible para concienciarnos dos problemas ambientais dos nosos tempos, todos eles creados e ampliados pola man do homo sapiens.
Desequilibrios territoriais
Xa temos aludido ás diferenzas na litoloxía, o relevo, a climatoloxía, vexetación e outros aspectos físicos no Estado español. Como espazo meridional de Europa, a encrucillada atlántico-mediterránea testemuña claros contrastes entre áreas xeográficas de orientación dispar.
Mais, aos contrastes físicos podemos engadir os desequilibrios demográficos, económicos e de renda. Segundo datos de 2008, tres CCAA (Andalucía, Cataluña e Madrid) concentran case o 50% da poboación do Estado e o 50% do PIB. Á beira de comunidades e cidades autónomas de perfil netamente urbanita (Ceuta, Melilla, Madrid, Murcia) -con máis de 9 de cada 10 habitantes vivindo en áreas urbanas- perviven zonas onde apenas máis da metade da poboación reside en cidades (Extremadura, Castela-A Mancha, Navarra, Castela-León). Hai netos contrastes entre comunidades ricas (cun PIB per cápita de case 30.000 euros en 2006) como Madrid ou o País Vasco e outras que están en pouco máis da metade do PIB per cápita das anteriores (Extremadura, Andalucía). Este último dato revela a distancia entre o centro-oeste e sur peninsulares con respecto ás áreas mediterráneas e do norleste máis vencelladas e próximas á Europa comunitaria.
* Seguro que cos datos que se aportan na táboa de entrada desta anotación podedes construir os vosos mapas temáticos sobre reparto de poboación, poboación urbana, renda per cápita e aportación ao PIB estatal por parte de cada CCAA e cidade autónoma. E podedes usar para iso este mapa mudo autonómico de España.
* Se queres saber máis sobre diferenzas provinciais, consulta o resumo provincial publicado polo INE publicado polo INE en “España en cifras 2008″.
Os transportes en España
Unha rede de ferrocarril inaugurada hai máis de 160 anos e renovada co AVE, uns transportes por estrada especialmente colapsados en horas punta no contorno das grandes cidades -en base a un mapa de estrutura radial asentado no século XIX-, unha rede aeroportuaria con máis de 25 aeroportos que superan a afluencia dun millón de pasaxeiros ao ano, unha estrutura portuaria na que o tráfico de materias pesadas -especialmente vencelladas aos produtos enerxéticos- favoreceu a expansión de certos enclaves e a creación de novos portos exteriores máis alonxados dos centros urbanos… Son os elementos básicos da rede de transportes en España, sobre a que ofrece información actualizada o INE no seu informe “España en cifras 2008″. Outras redes significativas son as de oleoductos e gasoductos, xa analizadas no apartado de enerxía.
Como sector de actividade, o transporte representaba en 2005 case a quinta parte do número de empresas do sector servizos, o cal dá a medida da súa relevancia.
* Consulta a rede de transportes española en Wikipedia.
A enerxía en España
Sempre que falamos do sector enerxético en España citamos o alto grao de dependencia que a nosa economía ten dos derivados do petróleo. A pesar de que os sucesivos Plans Enerxéticos Nacionais insisten na necesidade de incrementar a produción de enerxías renovábeis e alternativas, os datos de 2006 publicados polo INE salientan que o 57,7% do consumo de enerxía final provén dos produtos petrolíferos. E ben sabemos que a nosa produción neste campo é meramente simbólica: en torno a 30.000 barriles diarios -por 1,6 millóns barriles diarios consumidos- maioritariamente producidos nas plataformas petrolíferas da costa tarraconense e, en menor medida, nas Loras burgalesas; en conxunto, representan o 0,2% do petróleo consumido anualmente. Polo tanto, debemos importar petróleo, e os datos de 2006 reflicten que a quinta parte das importacións procede de Rusia; contando co que procede de México, Arabia Saudí e Nixeria, sumamos o 54% do cru importado.
Co gas natural sucede algo parecido, pois a contribución da produción propia é testemuñal. O grao de abastecemento anual con produción propia está tamén no 0,2%. Mais a dependencia das importacións alxerianas é clave, pois máis do 30% do total procede dese país; sumadas ás procedentes de Nixeria constituiron a metade do total en 2008. A rede de gasoductos, cunha definida trama litoral, perfila as comunicacións S-N e a través do val do Ebro para abastecer en primeiro lugar aos núcleos máis poboados.
Canto ao carbón, fonte de enerxía fósil e tradicional que se recuperou tras a primeira crise do petróleo en 1973, España tampouco é autosuficiente na produción do mesmo; importamos máis do 60% do total. No estudo “El carbón en España, un futuro negro”, realizado por Greenpeace e publicado a finais de 2008, indicábase a presenza de 23 centrais térmicas de carbón que producían o 23% da electricidade consumida, aínda que son responsábeis do 64% das emisións de dióxido de carbono por parte do sector eléctrico. A distribución das centrais térmicas obedece a diversos factores: a proximidade ás cuncas mineiras, a localización costeira como fonte de importación cara aos principais complexos portuarios e a proximidade aos centros urbanos máis poboados, lugares onde o mercado potencial é maior. Entre nós cabe citar o potencial contaminante da central de As Pontes, segundo un informe de WWF/ADENA.
En plena reapertura do debate sobre a enerxía nuclear en España, agora que se recomenda por parte de algúns sectores para contribuir a reducir as emisións que xeneran o quentamento climático, e sempre con sustos, o noso Estado mantén 8 centrais en funcionamento, a maior parte delas postas en marcha nos anos 1980. A produción nuclear representou en 2007 case o 18% do total do sistema eléctrico.
Como país esencialmente mediterráneo que somos, situados nun área de inestabilidade interanual canto ás precipitacións recibidas, as oscilacións na produción hidroeléctrica están vencelladas á alternancia de anos secos e húmidos. En 2007, non obstante, a explotación da enerxía hidráulica cubreu case a quinta parte do total da produción eléctrica, en consoancia co que ven acontecendo noutros países da OCDE. Na provincia de Salamanca, e concretamente en Aldeadávila, Villarino e Saucelle, instálanse algunhas das presas con maior capacidade de produción eléctrica. Aínda coa proliferación nos últimos tempos de minicentrais hidráulicas preferentemente situadas nas cabeceiras de ríos de montaña, o mapa de centrais hidroeléctricas de España non sufríu grandes alteracións con respecto ao esbozado a finais da etapa franquista.
De entre as enerxías alternativas, a eólica e a solar son as que se teñen desenvolvido máis no noso Estado, e especialmente desde a década de 1990 en diante. Moi dependentes das características climáticas, tenden a debuxar unha distribución diferenciada das potencias instaladas: a enerxía eólica aprovéitase sobre todo na costa galega, no estreito de Xibraltar e nas áreas montañosas do Sistema Ibérico, onde a forza do vento é máis prolífica; a enerxía solar é máis aproveitada alí onde as horas de insolación anual son máis abundantes, coincidindo as áreas de instalación de maior potencia co Mediterráneo e Andalucía. Plantas de reciclaxe de biomasa e residuos, centrais maremotrices, plantas xeotérmicas, completan un plantel de enerxías renovábeis que en 2006 só abasteceron pouco máis do 5% da enerxía consumida no Estado, ben lonxe do obxectivo proposto para o 2010, que consiste en que o 12% da nosa enerxía proveña de enerxías alternativas. E este é un campo no que mellorar amplamente.
No caso galego, o mapa enerxético modificouse tamén mercede ao desenvolvemento, sobre todo, do sector eólico.
Economía en España
Recopilamos para vós as entradas que no curso académico anterior fixemos para estudar o sector primario español, o sector secundario e o sector servizos. Debedes actualizar os datos a partir das cifras publicadas polo INE na publicación España en cifras 2008, concretamente atendendo aos capítulos XII a XVI -inclusives-.
* A partir desta documentación, esquematicemos as características xerais das actividades económicas en España na actualidade.
* Como complemento, deixámosvos en cabeceira un vídeo en tres partes que analiza as características económicas, técnicas e sociais da agricultura intensiva de regadío de El Ejido (Almería). Por suposto, trátase dun vídeo que hai que ollar con capacidade crítica, pois sen dúbida ten un interese publicitario; así que vós mesmas/os debedes ser capaces de indagar máis na realidade. Para iso, non deixedes de ollar esta reportaxe sobre El Ejido, publicado en outubro de 2008 en El País.
Crónica bretona
Permitídeme empezar esta crónica bretona (Istoer a Vreizh) antes de emprender a viaxe. Permitídeme lembrar a recreación que Mario Vargas Llosa facía da viaxe a Bretaña de Paul Gauguin, o mestre postimpresionista que antes de viaxar ás antípodas (a Tahití en particular) pasou en compañía doutros pintores un tempo en Bretaña (entre 1886 e 1891). E escribe o autor peruano:
“Non fuches a Bretaña en busca do catolicismo preservado pola terca antimodernidade e o pasadismo do pobo bretón, que, naqueles anos, resistía silenciosa, firmemente, os empeños da Terceira República contra o clericalismo, para impor en Francia unha secularización radical. Fuches, como explicaches ao bo Schuff, en busca do salvaxismo e primitivismo que che parecían propicios para que a grande arte florecese. A Bretaña rural seduciute desde o primeiro momento, por ser rústica, supersticiosa, aferrada aos seus ritos e costumes ancestrais, unha terra que alegremente daba as costas aos esforzos modernizadores do goberno e respostaba á secularización multiplicando as procesións, enchendo as igrexas, celebrando aparicións da Virxe por todos lados. Todo iso encantouche. Para mimetizarte co medio, puxécheste a usar o chaleque bordado bretón e uns zocos de madeira que ti mesmo tallaches e decoraches. Asistias aos “perdóns”, cerimonias particularmente concorridas en Pont-Aven en que os fieis, moitos de xeonllos, daban a volta á igrexa pedindo perdón polos seus pecados; visitabas todos os calvarios da rexión, empezando polo máis venerado, o de Nizon, e pelegrinabas á pequena capela de Tremaló, co seu antiquísimo Cristo de madeira policromada que che inspiraría outro cadro relixioso: o Cristo amarelo.“
Mario Vargas Llosa: O Paraíso no outro recanto.
* Podemos seguir as previsións meteorolóxicas en MétéoFrance.
Viaxe ao fondo da noite na meseta castelá. Unha parada en Valcarce, un frío de noite primaveral en Burgos e un almorzo sinxelo en Irún anticipan a paisaxe plana, monótona e forestal das Landas. A paisaxe modifícase sobre terreos areosos camiño do Poitou e a atmosfera adquire un ton nuageux a medida que nos aproximamos a Bretaña. E entón a paisaxe convértese nun bocage transformado pola concentración parcelaria, aquí e alá xurden a estribor e babor destellos de regatos entre os que as ovellas e vacas pastan sobre un verde intenso; ás cinco da tarde do 25 de marzo, o autobús chega á capela de St Gwenn, onde xoves practicantes de rugby agardan ao autobús respectivo xogando con balóns oblongos. E, mentres tanto, 44 estudantes descenden atemorizados, inquedos, nervosos, ante a chegada inminente dos seus “correspondentes” bretóns. Xa é o momento agardado de amosarse agradecidos e por en práctica expresións e verbas longamente ensaiadas, xa é o intre de mergullarse na realidade do échange. Desde ese momento empezan a camiñar medio cento de experiencias galegas por terras de Vannes, nunha tarde entre nubes e claros, entre temores e ledicias. Moitas historias individuais estanse a tecer, mais a calma déixase sentir na ausencia de mensaxes e telefonazos dos estudantes aos seus profesores.
Xoves 26. Perto da place de Valencia, en lembranza da estadía de San Vicente Ferrer, atópase o Museo Arqueolóxico de Vannes, que expresamente abre as súas portas ás nove da mañá para que poidamos observar, no prémier étage, restos arqueolóxicos excavados no Morbihan, que delatan os cambios culturais da prehistoria nestes endroits; destacan especialmente os achádegos nos túmulos megalíticos (colares, cerámicas, machadas, puñais,…), tan abundantes nas culturas atlánticas europeas. Sobre unha fonte da praza de Valencia, Julien cóntanos grosso modo a historia de Vannes enlazada á de Bretaña (as orixes galorromanas de Darioritum, as primeiras murallas para defenderse das invasións xermánicas, o retroceso do mar ata o nivel do actual porto, a creación das murallas ou remparts baixomedievais, o traslado temporal do parlamento bretón desde Rennes durante o reinado do Roi Soleil, a chegada do ferrocarril no século XIX, a liberación polos norteamericanos da vila en agosto de 1944,…) e lévanos a coñecer os modelos de casas góticas do século XV, unha casa renacentista do XVI, a catedral, as portas das murallas, os vellos lavadeiros reconstruidos no XIX,… Unha mañá de paseo histórico pola vila abre o camiño a comer cedo -horario europeo, estamos en Francia- e ser recibidos ás dúas da tarde na casa do concello, onde aos agasallos se engade unha bebida co verre de l’amitié tras a proxección dun video que incide na recuperación do interese polo mar por parte da cidade que nos acolle. O programa do día incluíu acudir ás clases do lycée e contactar coa vida académica francesa.
Venres 27 . La pluie de la Normandie tombe sur Mont Saint-Michel (mont Tombe) à 17 heures; a marea está baixa. Mais nós non somos aqueles pelegríns aos que se acollía para quentar e dar de comer unha “sopa popular” noutros tempos; chegamos en autobús, vimos de Saint Malo, tiñanos ameazado a choiva diante dos baluartes da “cidade corsaria”. Pola mañá partimos de Vannes cara ao Norte. A media mañá chegamos a Dinan, coa súa ponte á beira do Marle, vimos as vellas casas da rue de l’Horloge, comprobamos a esbeltez das agullas da basílica de Saint-Sauveur e retratámonos detrás, no xardín inglés -antigo cemiterio- observando desde o alto o porto da vila, o viaducto do século XIX e as augas do río que viaxan cara ao Atlántico; despois comprobamos a pendente das rues de Jerzual e Petit-Fort, a través das que descendemos ao porto. Dinan ten un casco histórico medieval ben conservado, que deixamos para chegar a mediodía á desembocadura do Rance, a unha cidade bombardeada en 1944 e en grande parte reconstruída -a cidade fortificada de Saint-Malo-, exposta aos ventos e chea de eventos náuticos, patria pequena de Chateaubriand e punto de partida do explorador de Canadá Jacques Cartier. A choiva impediunos case saír do autobús para comer, mais respetou a nosa chegada ao Mont St-Michel, coa enorme agulla sobre a que se colga a imaxe do arcanxo inundando a visión do horizonte; as pingas de auga salgada baten contra as fortificacións da abadía, na que atopamos o refuxio austero da basílica, o claustro, o refectorio, as criptas e o resto de arquitecturas da Merveille. Finalmente regresamos de noite a Vannes, con máis experiencias na mente.
Fin de semana en familia. Liberdade para as experiencias individuais. Mais somos conscientes de que parte do alumnado ten visitado o mercado matinal na place des Lices. Se un chega á praza Gambetta, este día hai múltiples causas para atender: alguén pide doantes de sangue, alguén vende dispositivos para evitar o roubo das bicicletas, algunhas cornamusas óense ao fondo do porto, a vida flúe -tamén na place des Lices, onde hortalizas, flores e tecidos inundan de cor a mañá vannesiana; beaucoup de gens fan a compra semanal de produtos hortícolas aquí. Nós comemos en Auray, visitamos o seu porto e as súas vellas rúas, comprobamos con ollos gourmands os sabores das pastelerías… E máis tarde visitamos Pont-Aven, aquel belo village de muiñeiros que recibíu a visita de Paul Gauguin a partir de 1886, aquel endroit que acolleu aos pintores precedentes da actual musealización do pobo, repleto de galerías de arte coas máis modernas tendenzas. Moitos de nós visitaremos nunha clara mañá de domingo o borde do golfo de Morbihan, o “pequeno mar” repleto de illas e sendeiros para aspirar o sabor dun aire atlántico filtrado entre estas pingas de terra espalladas pola desembocadura do Marle; a tarde, máis fría, levounos ao profesorado ata a praia de Port-Navalo, desde a que se percibe Belle-Île case plana ao fondo.
Luns 30. O autobús, nesta mañá fría de marzo, lévanos cara ao Oeste. Os grandes menhires de Kermario, en Carnac, refulxen nas fiadas de varios km de pedras fitas de grandes dimensións alineadas de leste a oeste que descobren o percorrido astronómico do astro sol en diversas épocas do ano; trátase dun auténtico calendario a seguir por unha sociedade neolítica tan dependente dos cambios de tempo para obter proveito das colleitas. Despois mercamos biscuits, liqueurs e souvenirs para as nosas familias españolas, antes de chegar a pasear á cidade vella de Quimper. Kemper -en bretón “confluencia”-, ao borde do Odet e do Steïr, é a antiga Aquilonia, ben resgardada entre unhas murallas case totalmente destruídas, da que poucas casas anteriores ao século XVIII permanecen -houbo un grande incendio daquela, e despois moitas esculturas da catedral de Saint-Corentin tamén foron queimadas en tempos da revolución francesa-, é unha cidade agradable de pasear, na que tivemos ocasión de atoparnos coa “Visión despois do sermón” de Gauguin e outras alegorías bretonas -como a de Jean Brunet, que data de 1908- que nos lembran a importancia dos megalitos, a relixión e as cofias do pays bigouden na recreación destas terras. Grande tarde de sol, horas de crêpes e cidre, tarde de visita á catedral de Saint-Corentin, tan marcada pola desviación do eixo, evidente entre o coro e a nave.
O “tour” bretón levounos tamén a coñecer a sociedade de Vannes intra-muros. Entre as amizades francesas houbo, sobre todo, profesoras e ex-profesoras de espagnol que nos abriron as portas das súas casas para comprobar a esplendidez dos aperitivos, toujours abondants e regados con vin pétillant, o xeito de colocar as culleres e garfos -sempre voltos cara abaixo- e coitelos na table, a distribución equilibrada home-muller nas mesas, os pasteis e fromages sempre presentes ao final do rendez-vous, a exquisita hospitalidade de todas e todos os nosos anfitrións. Canto ás conversas, seguro que convén que queden na intimidade, aínda que teñamos tocado temas serios á beira doutros pour rigoler, desde a literatura á política, desde a economía á prensa e televisión.
Escribimos neste día 31 desde a salle d’informatique do lycée St François, estamos en clase, os nosos alumnos están hoxe en cours todo o día. Trátase do último día bretón, no que haberá unha homenaxe a Esther, a falecida profesora do IES Puga Ramón -co que cooperamos, viaxamos e participamos no échange- que habitualmente viña cos seus alumnos a St François.
Mañá ímonos a París.
P.D.: E fomos a París, camiñamos polos Campos Elíseos, navegamos sobre as augas do Sena entre lusco e fusco, coñecemos a cidade na súa esencia (Nôtre Dame, Invalides, Campo de Marte, Arco de Triunfo,…), subimos á Tour Eiffel, ascendemos a Montmartre e divertímonos en Eurodisney. Grazas pola vosa participación. Foi un entusiasmo contar cun grupo de alumnas e alumnos estupendo.
Intercambio con Bretaña
Ímonos a Vannes, ao collège Nôtre Dame le Ménimur. Perfeccionaremos o francés e coñeceremos a cultura bretona, ademais de visitar París.
Vannes é unha vila de pouco máis de 50.000 habitantes, que foi fundada a finais do século I a.C. co nome de Darioritum, que posteriormente se reforzaría con murallas melloradas en época medieval. Ubicada no estuario do río Marle, a súa economía estivo no pasado moi vencellada a un próspero comercio marítimo. Centro administrativo do Morbihan, a vila acometeu en 1982 un plan de preservación do casco histórico, aprobado en 1990. Vannes conta cunha arquitectura en pedra e madeira característica, que podes visualizar neste diaporama. Na vila, ademais do percorrido xeral, deterémonos no Musée d’Archeologie du Morbihan, que ocupa un castelo do século XV, o Château Gaillard.
Visita a web da Oficina de Turismo de Vannes.
Bretaña ofrece unha longa e accidentada costa que é de enorme atractivo, unha cultura megalítica ancestral e unha serie de lendas que enlazan directamente coa tradición artúrica. E por iso será imprescindible visitar os alineamentos líticos de Carnac, que acadaron enorme desenvolvemento a finais do III milenio a.C. Menhires, dólmenes, allées couvertes e túmulos son abundantes en toda a rexión.
Libros e música bretona transportarannos á tranquila cidade de Quimper, antiga capital de Cornualles, na confluencia dos ríos Steir e Odet. Á beira da catedral de Saint-Corentin xurde unha vila que desde finais do século XVII produce faïance, unha delicada cerámica pintada a man.
Ao N. de Vannes, Dinan, encaramada nunha colina que domina o val do Rance, é unha pequena vila comercial de corazón medieval que se configurou como antigo porto desde o que se exportaba lona. Na desembocadura do río Rance atópase Saint-Malo, antiga illa fortificada que hoxe alberga estreitas rúas empedradas con elevados edificios do século XVIII; as fazañas dos mariñeiros de Saint-Malo déronlle fama a este lugar (o explorador Jacques Cartier, partindo de aquí, chegou a Terranova e descubriu Canadá en 1534) que durante o século XVII foi o maior porto de Francia, famoso polos seus corsarios.
Xa en Normandía, é imprescindible a visita a Mont-Saint-Michel, no que un pequeno oratorio do século VIII pasou a converterse nun importante mosteiro benedictino que tivo grande influencia nos séculos XII e XIII, e ao que fan pelerinaxe os miquelots, tal é o nome dos que de lonxe veñen a render culto a San Miguel.
Deleitémonos coa música celta de Bretaña, con Alan Stivell e Dan Ar Braz, en Bercy (París), en 1999, e ata en Eurovisión 1996 con L’Héritage des Celts:
Vocabulario de demografía
Aquí deixamos o vocabulario de demografía para alumnas/os desesperadas/os (é un dicir) antes dun exame.
Slums de Mumbai
O barrio chabolista de Garib Nagarde recibe como heroes aos protagonistas do filme Slumdog Millionaire despois do éxito nos Oscar 2009 da película.
É o momento de lembrar que Mumbai (antiga Bombay), con máis de 19 millóns de persoas en 2004, é a quinta cidade máis poboada do planeta. Mais a urbanización desta e outras cidades do Terceiro Mundo prodúcese á marxe da industrialización, co que se xeneran multitude de áreas hiperdegradadas (estas áreas, na India, medran un 250% por enriba da poboación total; máis da terceira parte da poboación total india, en 2003, vivía en áreas urbanas hiperdegradadas; en Mumbai [ver contribución de Heinz Nissel no artigo de GeoCrítica dedicado ás metrópoles no proceso de globalización] mesmo, o mercado formal da vivenda presenta un déficit de 45.000 vivendas anuais, co que se incrementa a poboación dos slums, chegándose en Dharavi -retratado por Jonas Bendiksen- ao millón de persoas actualmente). Os datos proporcionados por Mike Davis na súa imprescindible obra Planeta de cidades miseria inciden nas diversas problemáticas das áreas hiperdegradadas como os slums de Mumbai: non hai infraestruturas básicas, as clases medias desprazan coas reformas urbanísticas aos pobres cara a áreas cada vez máis insalubres, a auga embotellada acada prezos con marxes de beneficio criminais (do 4000% nas áreas hiperdegradadas de Mumbai), a difusión das enfermidades é consecuencia da falta de hixiene e polo tanto retornan á nosa retina aquelas imaxes de pobreza descritas por Dickens para os barrios proletarios do Londres do século XIX.
“O cineasta Prahlad Kakkar, o autor de Bumbay, un documental sobre os cuartos de baño, manifestaba nunha entrevista a un atónito xornalista que “en Bombay a metade da poboación non ten un cuarto de baño onde cagar, así que o fan ao aire libre. Iso ven sendo cinco millóns de persoas. Se cada un caga medio kilo de merda, iso fai dous millóns e medio de kilos de merda todas as mañás.”
Mike Davis: Planeta de cidades miseria.
“Un recente estudo sobre a poboación infantil das áreas hiperdegradadas de Dacca puxo de manifesto que “case a metade dos nenos entre 10 e 14 anos estaba a producir ingresos co seu traballo, só o 7 por 100 entre 5 e 16 anos ía á escola”. Dacca ten o maior número de nenos traballadores de toda Asia, uns 750.000, e as súas ganancias proporcionan a metade dos ingresos dos fogares encabezados por mulleres e a terceira parte dos ingresos en fogares nos que hai un varón. Aínda que Bombay presume dos seus altos niveis de asistencia escolar, Arjun Appadurai atopa que “a súa xigantesca economía de restaurantes e servizos depende dun grande exército de nenos traballadores”.
Mike Davis: Planeta de cidades miseria.
Ensanches
O crecemento da cidade industrial, frente á compacidade das mazás dos cascos históricos, realízase seguindo planimetrías ortogonais con viais anchos (ata 20 metros, 10 para beirarrúa, 10 para calzada) que permiten a instalación da burguesía e as novas clases proletarias que se insertan no medio social urbano. O plan de Ensanche de Ildefons Cerdà para Barcelona (1860) foi considerado por moitas cidades españolas como modelo a seguir. O Plan Cerdà propoñía unha imaxe futura de Barcelona dez veces maior, ben asentada sobre o plano entre o mar e os pobos dos contornos, aos que quere integrar e sobrepasar, e compatibilizando a vida urbana coa preexistente no campo. Daquela perspectiva de 1863 pasouse a unha densificación progresiva do espazo edificado na actualidade.
En A Coruña proxéctase o ensanche coa finalidade de solucionar os problemas da vivenda e da circulación, mellorar a hixiene coa creación duns servizos axeitados de alcantarillado, pavimentado e abastecemento de auga. O concurso proxectado en 1880 polo Concello gañouno Juan Ciorraga. Así, un casco histórico que apenas dispuña de 800.000 metros cadrados para albergar a case 35.000 habitantes, ampliouse a partir de 1887 cun trazado ortogonal de rúas nas que as vivendas non superaron os cinco pisos de altura e artelladas en torno ás prazas de Galicia e Ourense. O segundo ensanche teria lugar a partir de 1910. Estes ensanches, preferente asentamento da burguesía, posúen hoxe unha función esencialmente residencial para clases medias e altas, combinada con especializacións no comercio e servizos, que outorgan a estas áreas importantes valores catastrais no conxunto urbano.
Acompañamos esta introdución ao tema cunha serie de imaxes e datos extractados da tese de doutoramento de Mª José Piñeira Mantiñán sobre A estrutura urbana da Coruña, publicada en 2005. Facémonos eco das alturas de edificación no primeiro ensanche e outros aspectos de carácter xeral que proporcionan información sobre densidades demográficas, valores catastrais, usos do solo e percepción da imaxe urbana coruñesa no seu conxunto:
Herdanzas urbanas
O plano urbano delata a herdanza viaria e socio-cultural do pasado no espazo. Moitas veces, o emprazamento dos principais núcleos urbanos obedeceu a factores defensivos, administrativos e comerciais, aos que se foron engadindo outros: industriais, culturais, turísticos,… que completan as funcións urbanas e deixan pegada na súa planimetría. Aos modelos irregulares (casco histórico de Toledo) hai que engadir outros ortogonais (Ensanche de Barcelona -le un artigo de Josep Suriol en Scripta Nova ao respecto da súa planificación-) ou radiocéntricos (casco histórico de Vitoria).
Toledo, por exemplo, é unha cidade de orixe prerromana que se asentou sobre un cerro á beira do Texo, ben dotado para a defensa e ben situado de cara ás comunicacións. Nela confluiron desde un principio as funcións administrativa e política (en tempos visigóticos, sendo cidade imperial con Carlos I e capital actual de comunidade autónoma), a relixiosa e a cultural (sobre todo despois da súa consideración como cidade patrimonio da humanidade a partir de 1986), que aparella tamén a función turística. No seu casco histórico, amurallado (a muralla posúe unha triple función: defensiva, fiscal -asegura o pago de impostos- e sanitaria -illa a cidade en caso de epidemias-), o trazado é comprimido, irregular -cun trazado de rúas estreitas e tortuosas, que en boa medida conservan a herdanza islámica -adarves, pequenas prazas, patios-; trama pechada e compacta -con edificación tradicional de baixa altura, na que se usa fundamentalmente pedra, ladrillo e enrellado-; usos do solo tradicionalmente residenciais, comerciais e artesanais; como boa parte dos cascos históricos ten unha serie de problemas baseados no deterioro dos edificios históricos e a saturación de equipamentos e comercios que esixiron a creación do Real Patronato da Cidade de Toledo en 1998, coa vontade de poñer en práctica políticas de rehabilitación. O crecemento urbano producido despois da súa conversión en capital provincial (1833) e a industrialización da cidade propiciou a expansión mediante un ensanche de escasa importancia -extramuros-, debido ao escaso desenvolvemento demográfico e económico da cidade. Na segunda metade do século XX, na fase de evolución da cidade post-industrial, Toledo aglutina toda unha serie de novas funcións e características no que antes era a periferia urbana: áreas residencias e barrios construidos espontáneamente, equipamentos e infraestruturas necesitadas de grandes espazos (praza de touros, universidade laboral, centros sanitarios) e áreas industriais, ademais do crecemento de urbanizacións periféricas a xeito de polígonos ou con vivendas unifamiliares que deixan a súa pegada na área xa rururbana.
A morfoloxía urbana de Toledo pódenos servir de exemplo para tentar comprender a evolución doutras cidades españolas, que a grandes trazos reproducen os diversos espazos herdados: casco histórico, ensanche, barrios contemporáneos, áreas industriais e de equipamentos, zona rururbana. Será bo que consultedes ao respecto o vocabulario de xeografía urbana xa publicado neste blogue con anterioridade.
Hoxe en día, os cascos históricos están sometidos a procesos de gentrificación e inmigración a un mesmo tempo, tal e como xa aclarou Alba Sargatal nun artigo de Scripta Nova, tomando como exemplo o barrio do Raval de Barcelona.
Entre nós, algunhas vilas como Betanzos conservan bastante marcada na súa planimetría a impronta do casco histórico -tal e como podemos apreciar neste documento elaborado por Juan Luis Dalda para o Proxecto Terra-. Tamén é importante a presenza da cidade histórica en Compostela, e a súa conservación dá lugar a diversas intervencións tamén analizadas polo profesor Dalda; neste senso, aclárase que “a política de recuperación urbana da cidade histórica de Compostela está dirixida a acadar un reequilibrio demográfico e a manter a diversidade social”.
Outras veces, debido a circunstancias meteorolóxicas adversas, non quedan centros históricos que protexer. Máis ben hai que refacelos, tal e como aconteceu en Santander en 1941, despois do devastador incendio de febreiro daquel ano. Observa o vídeo que o lembra -emitido por TVE o 15 de febreiro de 2009-, á beira doutros sobre problemáticas dos centros históricos, entre os que se inclúe un de muchoviaje.com visitando o Madrid dos Austrias e plantexando en certo xeito o problema da “musealización” deste espazo urbano:
Aproximación urbana
Xa nos aleccionou Emrys Jones en “Metrópoles” sobre o longo camiño percorrido pola urbanización, desde a antiga revolución neolítica definida por Gordon Childe ata as urbes das grandes civilizacións hídricas nacidas á beira do Indo, do Tigris ou do Nilo; xa nos informou do crecemento urbano baixomedieval vencellado á expansión do comercio en cidades como Venecia e Florencia e nos advertiu que Pekín foi probablemente a primeira cidade en superar o millón de habitantes nos inicios do século XVIII; e despois veu a industrialización e a expansión urbana. O mundo desenvolvido europeo tomou a dianteira e cidades das latitudes medias avanzaron rápidamente cara ao seu status de metrópoles. A finais do século XX, o crecemento urbano expándese polos trópicos dun xeito acelerado, creando ese planeta de cidades miseria que Mike Davis relata con eficacia e Jonas Bendiksen exemplifica nas súas fotografías de slums. En efecto, por primeira vez na historia mundial, a poboación urbana superou en 2008 á poboación rural, mais o fenómeno prodúcese especialmente a costa do crecemento incontrolado das megacidades do Terceiro Mundo.
España é un país cunha poboación urbana superior ao 80%, mais na definición do espazo “urbano” podemos ter en conta diversos criterios: a) o tamaño (así, todos os núcleos con máis de 10.000 habitantes poden ser considerados urbanos) e a densidade de poboación; b) as actividades económicas exercidas pola poboación (no ámbito urbano priman as actividades secundarias e terciarias, aínda que fóra deste criterio poderían ser consideradas urbanas as “agrocidades” andaluzas, con predominio do traballo agrícola); c) certos criterios culturalistas -tendo en conta a presenza notoria de edificios emblemáticos e formas de organización específicas- e sociolóxicos -cada vez máis difuminados debido á expansión do fenómeno da cidade difusa e a presenza de modos de vida urbanos en todo o territorio-; d) criterios histórico-administrativos que privilexiarían a aqueles núcleos con “categoría” ou “título” de cidades sobre outros que non os teñen; e) a idea de considerar as cidades como un sistema organizador do territorio, sobre o que exercen funcións directrices, entrando en contacto con outros sistemas urbanos que á súa vez se xustapoñen no territorio.
Tendo en conta este último criterio, adoptamos a reflexión que Juan Luis Dalda fai sobre o mapa de distribución de densidades de poboación na Península Ibérica en 1998:
“En particular, resulta ilustrativa a análise dos intervalos de densidade entre 200 e 800 hab/km2 referidos ás delimitacións municipais e comparados no ámbito da Península Ibérica. Da lectura do mapa son de salientar dous rasgos xerais: o forte contraste, coa excepción de Madrid, entre o interior e o litoral peninsular, e o carácter policéntrico, insular pero expansivo, dos principais sistemas urbanos. Identifícanse territorialmente os sistemas do Norte: a rexión Centro de Asturias, a sub-rexión de Santander-Torrelavega e o sistema urbano vasco. No arco mediterráneo, o sistema litoral catalán liderado pola rexión metropolitana de Barcelona e o sistema levantino valenciano-murciano. No Sur, os sistemas urbanos das cidades andaluzas: o oriental, o malagueño e o do Guadalquivir, con tendencia a enlazar co emerxente sistema do Algarve portugués. Na fachada occidental é de salientar a forte presenza dos sistemas litorais atlánticos portugueses, dos que o do Sur, con centro en Lisboa, é máis capitalino e concentrado -en analoxía co madrileño- e o do Norte, con centro en O Porto, é máis territorial, expansivo e difuso, abarcando nunha grande extensión: no sur até Aveiro, no interior até Amarante-Vila Real, no norte até Póvoa de Varzim e Braga.” A estes sistemas habería que engadir o litoral galego, que enlaza co do Norte de Portugal.
Juan Luis Dalda: Identidade e ordenación do territorio. Proxecto Terra.
-
Recente
-
Ligazóns
- Kalipedia
- ArteHistoria
- INE
- Meteogalicia
- AEmet
- Ciudad Pintura
- Apertium (tradutor)
- SIXPAC
- SIGPAC
- Museo do Prado
- Caladiños: O blog de Heladio
- Sine Nomine
- Josephine Baker
- O ano que vivimos perigosamente
- Sofia Rotaru
- A Terra do Preste Xoán
- IniciArte
- Bucovina
- Libro de Xeografía interactivo
- GeoCrítica
- Europeana
- AGE
- Cartothèque
- La cartographie de Le Monde Diplomatique
- Recursos de Hª da Arte
- Clic Sociais
- Presentacións en galego de Arte e Xeografía
- ArteSauces
- Web de Isaac Buzo
- Salle Virtuelle SB
- Ressources didactiques pour apprendre Géographie
- Revista Contraclave
-
Arquivos
- Novembro 2009 (7)
- Outubro 2009 (16)
- Setembro 2009 (7)
- Agosto 2009 (1)
- Xuño 2009 (2)
- Maio 2009 (3)
- Abril 2009 (6)
- Marzo 2009 (9)
- Febreiro 2009 (13)
- Xaneiro 2009 (15)
- Decembro 2008 (10)
- Novembro 2008 (17)
-
Categorías
-
RSS
Entradas RSS
Comentarios RSS

















.jpg)














































































