O blog de Xosé Antón

Un espazo para CC. Sociais, Xeografía e Arte

Sociedades en perigo

Non é cuestión de atizar de xeito continuo coas visións apocalípticas. Ben podedes entender que nos entusiasman as historias que Jared Diamond nos contou en Colapso, ben nos facemos eco das previsións desertificadoras de Greenpeace para o noso Estado. Agora, xa que de meteoroloxía e climatoloxía estamos a falar, imos lembrar as conclusións dun libro que percorre a historia da humanidade como modelo dun quentamento continuo e desbaratado do planeta.

Invitámosvos, no documento adxunto, a ler detidamente algunhas das reflexións de Brian Fagan en O longo verán. Que sirvan para iso, para reflexionar.

Novembro 11, 2009 Publicado por xosea | Climatoloxía, Curiosidades, Literatura, Xeografía | | Aínda non hai comentarios

Paraísos

Perdoádeme esta vez que deixemos a docencia a unha beira e reivindiquemos a vida, o paraíso, a existencia. Non estamos a falar da imaxe prerrafaelita de Hypatia -que sabedes que nos interesa (estes días nas aulas xurde con insistencia na cultura baixorromana e paleocristiá)-; non falamos da beleza intrínseca do Musée du Louvre (que tantas obras de interese alberga, xa estou desexoso de ler  a Cheng); non falamos da poesía de Ronsard sobre as catro estacións (este post aínda non o temos colgado); evocamos simplemente o noso paraíso, unha faciana de neno feliz, grandes historias que vivir e aprender ou literaturas que cuestionar.

Non é función dun docente apelar aos sentimentos (ou sí?), non é xustificación sentirse agradecido por estar convosco todos os días, mais quero deixar constancia de que vós (e Pablo, claro) sodes o meu PARAÍSO.

Por certo, aproveitando a ocasión, non me disgustaría que vivísemos no Paraíso do Bosco, no momento inicial da creación, na fantasía onírica que supón unha rocha que despois vai inspirar a Dalí. Outros preferiredes os que vos propoñen Alejandro Sanz e Alicia Keys; tamén estou convosco: é unha bela canción.

Outubro 29, 2009 Publicado por xosea | Arte, Curiosidades, Literatura, Outros | | Aínda non hai comentarios

Crónica bretona

  carnac_foto_grupo_conxunto2

Permitídeme empezar esta crónica bretona (Istoer a Vreizh) antes de emprender a viaxe. Permitídeme lembrar a recreación que Mario Vargas Llosa facía da viaxe a Bretaña de Paul Gauguin, o mestre postimpresionista que antes de viaxar ás antípodas (a Tahití en particular) pasou en compañía doutros pintores un tempo en Bretaña (entre 1886 e 1891). E escribe o autor peruano:

“Non fuches a Bretaña en busca do catolicismo preservado pola terca antimodernidade e o pasadismo do pobo bretón, que, naqueles anos, resistía silenciosa, firmemente, os empeños da Terceira República contra o clericalismo, para impor en Francia unha secularización radical. Fuches, como explicaches ao bo Schuff, en busca do salvaxismo e primitivismo que che parecían propicios para que a grande arte florecese. A Bretaña rural seduciute  desde o primeiro momento, por ser rústica, supersticiosa, aferrada aos seus ritos e costumes ancestrais, unha terra que alegremente daba as costas aos esforzos modernizadores do goberno e respostaba á secularización multiplicando as procesións, enchendo as igrexas, celebrando aparicións da Virxe por todos lados. Todo iso encantouche. Para mimetizarte co medio, puxécheste a usar o chaleque bordado bretón e uns zocos de madeira que ti mesmo tallaches e decoraches. Asistias aos “perdóns”, cerimonias particularmente concorridas en Pont-Aven en que os fieis, moitos de xeonllos, daban a volta á igrexa pedindo perdón polos seus pecados; visitabas todos os calvarios da rexión, empezando polo máis venerado, o de Nizon, e pelegrinabas á pequena capela de Tremaló, co seu antiquísimo Cristo de madeira policromada que che inspiraría outro cadro relixioso: o Cristo amarelo.

Mario Vargas Llosa: O Paraíso no outro recanto.

* Podemos seguir as previsións meteorolóxicas en MétéoFrance.

Viaxe ao fondo da noite na meseta castelá. Unha parada en Valcarce, un frío de noite primaveral en Burgos e un almorzo sinxelo en Irún anticipan a paisaxe plana, monótona e forestal das Landas. A paisaxe modifícase sobre terreos areosos camiño do Poitou e a atmosfera adquire un ton nuageux a medida que nos aproximamos a Bretaña. E entón a paisaxe convértese nun bocage transformado pola concentración parcelaria, aquí e alá xurden a estribor e babor destellos de regatos entre os que as ovellas e vacas pastan sobre un verde intenso; ás cinco da tarde do 25 de marzo, o autobús chega á capela de St Gwenn, onde xoves practicantes de rugby agardan ao autobús respectivo xogando con balóns oblongos. E, mentres tanto, 44 estudantes descenden atemorizados, inquedos, nervosos, ante a chegada inminente dos seus “correspondentes” bretóns. Xa é o momento agardado de amosarse agradecidos e por en práctica expresións e verbas longamente ensaiadas, xa é o intre de mergullarse na realidade do échange. Desde ese momento empezan a camiñar medio cento de experiencias galegas por terras de Vannes, nunha tarde entre nubes e claros, entre temores e ledicias. Moitas historias individuais estanse a tecer, mais a calma déixase sentir na ausencia de mensaxes e telefonazos dos estudantes aos seus profesores.

Xoves 26. Perto da place de Valencia, en lembranza da estadía de San Vicente Ferrer, atópase o Museo Arqueolóxico de Vannes, que expresamente abre as súas portas ás nove da mañá para que poidamos observar, no prémier étage, restos arqueolóxicos excavados no Morbihan, que delatan os cambios culturais da prehistoria nestes endroits; destacan especialmente os achádegos nos túmulos megalíticos (colares, cerámicas, machadas, puñais,…), tan abundantes nas culturas atlánticas europeas. Sobre unha fonte da praza de Valencia, Julien cóntanos grosso modo a historia de Vannes enlazada á de Bretaña (as orixes galorromanas de Darioritum, as primeiras murallas para defenderse das invasións xermánicas, o retroceso do mar ata o nivel do actual porto, a creación das murallas ou remparts baixomedievais, o traslado temporal do parlamento bretón desde Rennes durante o reinado do Roi Soleil, a chegada do ferrocarril no século XIX, a liberación polos norteamericanos da vila en agosto de 1944,…) e lévanos a coñecer os modelos de casas góticas do século XV, unha casa renacentista do XVI, a catedral, as portas das murallas, os vellos lavadeiros reconstruidos no XIX,… Unha mañá de paseo histórico pola vila abre o camiño a comer cedo -horario europeo, estamos en Francia- e ser recibidos ás dúas da tarde na casa do concello, onde aos agasallos se engade unha bebida co verre de l’amitié tras a proxección dun video que incide na recuperación do interese polo mar por parte da cidade que nos acolle. O programa do día incluíu acudir ás clases do lycée e contactar coa vida académica francesa.

Venres 27 . La pluie de la Normandie tombe sur Mont Saint-Michel (mont Tombe) à 17 heures; a marea está baixa. Mais nós non somos aqueles pelegríns aos que se acollía para quentar e dar de comer unha “sopa popular” noutros tempos; chegamos en autobús, vimos de Saint Malo, tiñanos ameazado a choiva diante dos baluartes da “cidade corsaria”. Pola mañá partimos de Vannes cara ao Norte. A media mañá chegamos a Dinan, coa súa ponte á beira do Marle, vimos as vellas casas da rue de l’Horloge, comprobamos a esbeltez das agullas da basílica de Saint-Sauveur e retratámonos detrás, no xardín inglés -antigo cemiterio- observando desde o alto o porto da vila, o viaducto do século XIX e as augas do río que viaxan cara ao Atlántico; despois comprobamos a pendente das rues de Jerzual e Petit-Fort, a través das que descendemos ao porto. Dinan ten un casco histórico medieval ben conservado, que deixamos para chegar a mediodía á desembocadura do Rance, a unha cidade bombardeada en 1944 e en grande parte reconstruída -a cidade fortificada de Saint-Malo-, exposta aos ventos e chea de eventos náuticos, patria pequena de Chateaubriand e punto de partida do explorador de Canadá Jacques Cartier. A choiva impediunos case saír do autobús para comer, mais respetou a nosa chegada ao Mont St-Michel, coa enorme agulla sobre a que se colga a imaxe do arcanxo inundando a visión do horizonte; as pingas de auga salgada baten contra as fortificacións da abadía, na que atopamos o refuxio austero da basílica, o claustro, o refectorio, as criptas e o resto de arquitecturas da Merveille. Finalmente regresamos de noite a Vannes, con máis experiencias na mente.

Fin de semana en familia. Liberdade para as experiencias individuais. Mais somos conscientes de que parte do alumnado ten visitado o mercado matinal na place des Lices. Se un chega á praza Gambetta, este día hai múltiples causas para atender: alguén pide doantes de sangue, alguén vende dispositivos para evitar o roubo das bicicletas, algunhas cornamusas óense ao fondo do porto, a vida flúe -tamén na place des Lices, onde hortalizas, flores e tecidos inundan de cor a mañá vannesiana; beaucoup de gens fan a compra semanal de produtos hortícolas aquí. Nós comemos en Auray, visitamos o seu porto e as súas vellas rúas, comprobamos con ollos gourmands os sabores das pastelerías… E máis tarde visitamos Pont-Aven, aquel belo village de muiñeiros que recibíu a visita de Paul Gauguin a partir de 1886, aquel endroit que acolleu aos pintores precedentes da actual musealización do pobo, repleto de galerías de arte coas máis modernas tendenzas. Moitos de nós visitaremos nunha clara mañá de domingo o  borde do golfo de Morbihan, o “pequeno mar” repleto de illas e sendeiros para aspirar o sabor dun aire atlántico filtrado entre estas pingas de terra espalladas pola desembocadura do Marle; a tarde, máis fría, levounos ao profesorado ata a praia de Port-Navalo, desde a que se percibe Belle-Île case plana ao fondo.

Luns 30. O autobús, nesta mañá fría de marzo, lévanos cara ao Oeste. Os grandes menhires de Kermario, en Carnac, refulxen nas fiadas de varios km de pedras fitas de grandes dimensións alineadas de leste a oeste que descobren o percorrido astronómico do astro sol en diversas épocas do ano; trátase dun auténtico calendario a seguir por unha sociedade neolítica tan dependente dos cambios de tempo para obter proveito das colleitas. Despois mercamos biscuits, liqueurs e souvenirs para as nosas familias españolas, antes de chegar a pasear á cidade vella de Quimper. Kemper -en bretón “confluencia”-, ao borde do Odet e do Steïr, é a antiga Aquilonia, ben resgardada entre unhas murallas case totalmente destruídas, da que poucas casas anteriores ao século XVIII permanecen -houbo un grande incendio daquela, e despois moitas esculturas da catedral de Saint-Corentin tamén foron queimadas en tempos da revolución francesa-, é unha cidade agradable de pasear, na que tivemos ocasión de atoparnos coa “Visión despois do sermón” de Gauguin e outras alegorías bretonas -como a de Jean Brunet, que data de 1908- que nos lembran a importancia dos megalitos, a relixión e as cofias do pays bigouden na recreación destas terras.  Grande tarde de sol, horas de crêpes e cidre, tarde de visita á catedral de Saint-Corentin, tan marcada pola desviación do eixo, evidente entre o coro e a nave.

O “tour” bretón levounos tamén a coñecer a sociedade de Vannes intra-muros. Entre as amizades francesas houbo, sobre todo, profesoras e ex-profesoras de espagnol que nos abriron as portas das súas casas para comprobar a esplendidez dos aperitivos, toujours abondants e regados con vin pétillant, o xeito de colocar as culleres e garfos -sempre voltos cara abaixo- e coitelos na table, a distribución equilibrada home-muller nas mesas, os pasteis e fromages sempre presentes ao final do rendez-vous, a exquisita hospitalidade de todas e todos os nosos anfitrións. Canto ás conversas, seguro que convén que queden na intimidade, aínda que teñamos tocado temas serios á beira doutros pour rigoler, desde a literatura á política, desde a economía á prensa e televisión.

Escribimos neste día 31 desde a salle d’informatique do lycée St François, estamos en clase, os nosos alumnos están hoxe en cours todo o día. Trátase do último día bretón, no que haberá unha homenaxe a Esther, a falecida profesora do IES Puga Ramón -co que cooperamos, viaxamos e participamos no échange- que habitualmente viña cos seus alumnos a St François.

Mañá ímonos a París.

golfo_morbihan vannes_grupo vannes_concello vannes_remparts vannes_lavadoiro1  dinan_grupo dinan_rue_jerzual1 dinan_porto mont_saint_michel vannes_mercado_flores   vannes_mercado_canonigos auray_ponte auray_porto pont_aven golfo_morbihan_profes port_navalo carnac_ies_neira_vilas1 carnac_ies_puga_ramon carnac_foto_grupo_conxunto quimper_odet     quimper_steir bretagne_alegoria homenaxe_esther1 vannes_cea_final1 vannes_profes_choferes_hotel 

P.D.: E fomos a París, camiñamos polos Campos Elíseos, navegamos sobre as augas do Sena entre lusco e fusco, coñecemos a cidade na súa esencia (Nôtre Dame, Invalides, Campo de Marte, Arco de Triunfo,…), subimos á Tour Eiffel, ascendemos a Montmartre e divertímonos en Eurodisney. Grazas pola vosa participación. Foi un entusiasmo contar cun grupo de alumnas e alumnos estupendo.

autobus_caminho_paris paris_tour_eiffel_grupo paris_bateau_mouche paris_invalides paris_tour_eiffel_grupo2    paris_centro_georges_pompidou paris_place_du_tertre paris_vista_campo_marte paris_vista_trocadero1 paris_defense    paris_tour_eiffel_iluminada paris_tour_eiffel_iluminada2 paris_tour_eiffel_monumento_paz paris_vidreiras_notre_dame paris_eurodisney 

Marzo 19, 2009 Publicado por xosea | Arte, Historia, Literatura, Xeografía | | 5 Comentarios

Intercambio con Bretaña

    

Ímonos a Vannes, ao collège Nôtre Dame le Ménimur. Perfeccionaremos o francés e coñeceremos a cultura bretona, ademais de visitar París.

Vannes é unha vila de pouco máis de 50.000 habitantes, que foi fundada a finais do século I a.C. co nome de Darioritum, que posteriormente se reforzaría con murallas melloradas en época medieval. Ubicada no estuario do río Marle, a súa economía estivo no pasado moi vencellada a un próspero comercio marítimo. Centro administrativo do Morbihan, a vila acometeu en 1982 un plan de preservación do casco histórico, aprobado en 1990. Vannes conta cunha arquitectura en pedra e madeira característica, que podes visualizar neste diaporama. Na vila, ademais do percorrido xeral, deterémonos no Musée d’Archeologie du Morbihan, que ocupa un castelo do século XV, o Château Gaillard.

Visita a web da Oficina de Turismo de Vannes.

Bretaña ofrece unha longa e accidentada costa que é de enorme atractivo, unha cultura megalítica ancestral e unha serie de lendas que enlazan directamente coa tradición artúrica. E por iso será imprescindible visitar os alineamentos líticos de Carnac, que acadaron enorme desenvolvemento a finais do III milenio a.C. Menhires, dólmenes, allées couvertes e túmulos son abundantes en toda a rexión.

Libros e música bretona transportarannos á tranquila cidade de Quimper, antiga capital de Cornualles, na confluencia dos ríos Steir e Odet. Á beira da catedral de Saint-Corentin xurde unha vila que desde finais do século XVII produce faïance, unha delicada cerámica pintada a man.

Ao N. de Vannes, Dinan, encaramada nunha colina que domina o val do Rance, é unha pequena vila comercial de corazón medieval que se configurou como antigo porto desde o que se exportaba lona. Na desembocadura do río Rance atópase Saint-Malo, antiga illa fortificada que hoxe alberga estreitas rúas empedradas con elevados edificios do século XVIII; as fazañas dos mariñeiros de Saint-Malo déronlle fama a este lugar (o explorador Jacques Cartier, partindo de aquí, chegou a Terranova e descubriu Canadá en 1534) que durante o século XVII foi o maior porto de Francia, famoso polos seus corsarios.

Xa en Normandía, é imprescindible a visita a Mont-Saint-Michel, no que un pequeno oratorio do século VIII pasou a converterse nun importante mosteiro benedictino que tivo grande influencia nos séculos XII e XIII, e ao que fan pelerinaxe os miquelots, tal é o nome dos que de lonxe veñen a render culto a San Miguel.

Deleitémonos coa música celta de Bretaña, con Alan Stivell e Dan Ar Braz, en Bercy (París), en 1999, e ata en Eurovisión 1996 con L’Héritage des Celts:

   

Marzo 10, 2009 Publicado por xosea | Historia, Xeografía | | Aínda non hai comentarios

Chegou “El Greco”

  

Baseada nunha adaptación libre da novela de Dimitris Siatopoulos “El Greco, o pintor de Deus”, a película protagonizada por Nick Ashdon, Juan Diego Botto e Laia Marull retrata a traxectoria artística de Doménikos Theotokópulos desde o seu período de formación cretense ata a instalación en Toledo como artista valorado, incluíndo o seu paso polo obradoiro venecián de Tiziano.

A trama incide na relación entre O Greco -pintor que captou nas súas obras os ideais da Contrarreforma- e o cardeal Fernando Niño de Guevara, grande inquisidor retratado en torno a 1600 polo pintor cretense; as relacións de amor-xenreira entrambos personaxes culminan co proceso acusatorio contra o pintor polo tribunal da Inquisición. Por outra banda, en escena entra a inspiración feminina de Jerónima de las Cuevas -muller de alta sociedade ou de ascendencia mourisca?-, coa que o artista tivo un fillo non bautizado chamado Jorge Manuel.

Esas brétemas da vida do Greco son aproveitadas polo film para crear unha atmosfera abafante e inquisitorial, como corresponde á promovida polo Tribunal do Santo Oficio e á España finisecular do século XVI, e tecer unha historia que vibra, de paso, con algunhas das grandes obras do autor, como O Expolio e o Enterro do Conde de Orgaz.

Non podemos deixar de aludir a outras obras literarias -recentes e non tanto- que se inspiran na vida do Greco ou o seu descedente. Tal é o caso da novela de Manuel Ayllón La conjura de El Greco, a de Silvia Plager Las damas ocultas del Greco ou El laberinto, do noso benquerido Mújica Láinez.

Novembro 26, 2008 Publicado por xosea | Arte, Outros | | Aínda non hai comentarios

Crónicas desde Roma

       

Giorno caldo. Riadas de turistas na estación de Ottaviano. Piazza Spagna sen flores mais con moreas de visitantes na barcarola de Bernini, e máis aló a traseira dun pazo, unha fontana di Trevi chea de vitalidade antes de prantarse baixo o pòrtico do Pantheon. As primeiras impresións ben gloriosas que son, ben cae un baixo o influxo do mal de Stendhal. Esta é unha redacción con presa, domani procuraremos atopar máis tempo.

Xoves vaticano. Inmensos corredores cheos de bustos e esculturas do mundo clásico. Paramos especialmente diante do Laoconte, do Apoxyomenos, do Torso de Belvedere, detémonos nas momias exipcias e cruzamos a grande sala de mapas ata chegar ás stanze de Rafaello. Todo é unha marea de xente que conduce en ondadas cara á Sixtina, cara a ese espazo providencial que nestes tempos está repleto de turistas coma nós, admirando a obra de Michellangelo desde o lugar no que se dicta que “habemus Papa”. E máis tarde comprobamos as enormes dimensións de San Pedro, a basílica máis grande da cristiandade. O ascenso á cúpula foi unha experiencia inesquencible, e deixamos lembranza cunha foto de grupo “aos pés da cúpula”, unha mole de dobre casco que permite ver tendida Roma aos pés, a Via da Conziliazione, o Tíber, a cúpula de Sant’Andrea della Valle, Piazza Venezia,… Esta tarde disfrutamos con músicos de jazz e un malabarista francés (Sebastian de nome) en Piazza Navona, e non deixamos de admirar a iluminaciòn da Fontana di Trevi. Pasear xa de noite á beira do Pantheon ou lembrar a ponte Sant’Angelo cos anxos de Bernini prepáranos para a próxima xeira, a xeira clásica.

Venres clásico. Os foros imperiais asómbrannos coa súa desmesura. Os restos da casa de Augusto no Palatino, as vistas das ruinas cara ao Capitolio, templo e casa das Vestais por aquí, basílica de Maxencio por alá, un camiño de triunfo que se pauta a traverso dos arcos de Constantino, Tito e Septimio Severo (baixo este amosamos as nosas mans fundidas na instantánea que denominamos “triunfo no Foro”). Mais o noso asombro amplíase ante a mole do Colosseo, anfiteatro no que os romanos disfrutaban dos espectáculos de gladiadores e naumaquias. O paseo continúa coas últimas conquistas territoriais do Imperio, representadas na helicoidal cinta da columna Traxana. E a continuación deleitámonos co espazo trapezoidal con diseño ovalado no chan do Campidoglio, esta praza que Miguel Anxo converteu no punto de referencia para a colocación da estatua ecuestre de Marco Aurelio; a orixinal, restaurada, ten unha sala reservada nos Museos Capitolinos, os mesmos que gardan á Loba que alimenta a Rómulo e Remo, á Venus Capitolina ou ao galo moribundo. É hora de descender cara ao Pantheon para admirar o seu espazo interior, a cúpula cun óculo central pechando o tambor desta rotonda magnífica cun diámetro de máis de 43 m. Buscamos de novo os espectáculos ó aire libre da Piazza Navona, entretémonos cos nomes dos fiumes alegóricos representados na fonte de Bernini e ceamos á beira.

O sábado descendemos aos infernos. É un dicir, porque o noso obxectivo é coñecer as catacumbas. Neste día de interese paleocristián, o noso primeiro destino son as catacumbas de San Calixto, nas que o paseo interior polo amoreamento de cubicula e arcosolios devólvenos á realidade dos primeiros tempos da nosa era, cando a persecución dos cristiáns os obrigaba a enterrarse baixo terra, excavando superficies de ata cinco pisos de altura baixo o subsolo. O paseo, entre rumores de paxaros e sombras de piñeiros, permitiranos contrastar, nos comezos da Via Appia Antica, a espectacularidade do enterramento individual de Cecilia Metela cos amoreamentos de cristiáns que vimos de ver. Antes de reemprender a sesión de tarde aproveitamos para achegarnos á antiga birreria Peroni, aberta inicialmente en 1906. Asistimos a unha ordeación sacerdotal en Santa Maria Maggiore, contemplamos o Moisés de Miguel Anxo en San Pietro in Vincoli, e máis tarde cruzamos de novo os foros para admirar o Circo Máximo, ollar a través do burato da porta da embaixada de Mónaco os xardíns da embaixada -enmarcando de fondo a cúpula de San Pedro do Vaticano- ou querer comprobar as lendas que sobra a Bocca della Verità se tecen no exterior de Santa Maríia in Cosmedin. Mais a igrexa está pechada, só podemos ver de fronte o republicano templo de Vesta e o da Fortuna Viril, embalsamado en andamiaxe de restauración. Todo antes de cruzar ao Trastevere, antes de deixarnos levar por este barrio popular que esperta ao atardecer, que ferve na praza de Santa Maria in Trastevere cos espectáculos públicos, sempre baixo a atenta mirada das donas que levan en procesión ofrendas á Virxe na fachada principal da igrexa de Santa Maria.

 “Hai unha canción de Fiamma Fumana que se chama “Mondo grande”. Nesta piccola praza de Santa Maria in Trastevere xuntouse un grande mundo, un variopinto espectro das urbes de hoxe en día. O Trastevere cobra vida a media tarde, a medida que o calor abafante remite unha vez que o sol se traspón polo Gianicolo. E entón medran as riadas de turistas facendo cola diante dun paraugas vermello ou dunha flor de peluche; o guía esfórzase en contar a anécdota da fons olei, aquela tradición segundo a que a orixe da igrexa de Santa Maria se debe a que no 38 a.C. unha fonte de aceite noxento, probablemente petróleo, brotou nestes pagos; algunhas persoas do grupo escoitan, outras prepáranse para a foto, comentan algo sobre o caldo giorno no que estamos, ollan perdidos cara ao frontispicio no que unhas donas ricamente ataviadas se achegan á Virxe co Neno, ben centralizada no mosaico; despois deste impacto pode que xa non admiren as pinturas da bóveda de forno da ábsida, nin os mosaicos de Cavallini nos que se logra unha boa sensación de profundidade; mais é probable que admiren o sartego do Papa Calixto, situado nunha capela adosada á nave lateral setentrional.

Outras xentes inundan a praza, veñen do oeste e do leste; unha parella decide entre a multitude a onde se dirixe a cear, outra chega distante á beira da fonte e, a medida que se achega ao espectáculo do malabarista, el recolle a man dela, abrázaa fortemente e bícaa como se ante unha instantánea de Doisneau non preparada nos atopásemos; o perfil del é o dun emperador romano dos tempos de Caracalla, a barba de tres días, ela é esbelta como unha ninfa do bosque, morena e tenra. Están aparentemente pendentes do malabarista chileno que divirte aos nenos construindo seudo-coroas para unha nena e paseando sobre unha roda sen risco de esbarar neste adoquinado trasteveriano, mais pronto estarán ausentes, pois el hai tempo que desexa amosarlle canto a desexa.

Hai un pouco, unha parella de mediana idade, el cun contrabaixo de tres cordas e ela cun acordeón, amenizaron a estadía dos habitantes das terrazas, que beben o que ben poden ser afrodisíacos zumes de laranxa de medio litro; tocaban tangos a cambio dunhas moedas para complementar o soldi do mes mentres o camareiro do chaleque negro, todo cheo de finura, servía unha bebida fría ás donas que se sentan na metade esquerda deste ristorante con aires de grandeza, que ten valado o territorio no que as copas se cobran un corenta por cento máis caras.

O malabarista chileno congregou a un público esencialmente hispano; rapazas e rapaces veñen de Extremadura, Valencia, algúns países sudamericanos e Galicia. Hai uns xoves escolares que están tendidos e rendidos nas escalinatas da fonte de Fontana, dispostos a non deixarse levar de alí durante horas; mais pronto tomarán unha cea quente no interior dese outro restaurante da esquina, avanzando pola Via Lungaretta, que cita nun carteliño pegado tras da cassa, en dialeto romano, que “chi cià é, e chi nun cià, nun é”.

A praza acolle reivindicacións varias. Dunha banda, está a silente bandeira multicolor que pide “pace”, colgada do terceiro piso do edificio fronte ao pazo de San Calixto, e que apadriña a esquerda italiana recentemente derrotada nas eleccións. Na marxe oriental da praza pídense asinamentos contra a represión de Falung Gong na China, este ano que as Olimpíadas puxeron de actualidade as reivindicacións de maior liberdade no país máis poboado da Terra. E ao fondo, apoiada sobre a base do pazo papal, unha pancarta clama contra o consumo de carne por risco de envelenamento químico; dentro dun pouco, cando nos poñamos en pé, seguro que os patrocinadores do evento collen o megáfono e proxectan imaxes de sacrificios animais para convencernos sen demasiada paixón de que nos convirtamos en vexetarianos. E cando os camiñantes se levanten para coller asento e cear nesta romana noite de sábado, a vintecatro horas do grande partido de fútbol España-Italia, o xove intérprete de frauta traveseira volverá apostarse diante das cartelas “S.P.Q.R.” que adornan os bordes da fonte e retomará a música chill out para acalar o rebumbio e poñer pace. Veramente, il mondo é grande, ma la piazza é piccola.”

Cando se vive en Roma e se madruga o domingo, o cidadán de a pé ten a posibilidade de disfrutar de pequenas igrexas que tenden a abrir só con horario de misas, e que son xoias da arquitectura barroca; dese xeito admiramos a teatral representación do Éxtase de Santa Tareixa en Santa Maria della Vitoria, o interior alabeado de San Carlo alle Quatro Fontane e máis alá a elíptica forma de Sant’Andrea del Quirinale; unha vez máis, Bernini e Borromini enfrontados. Ante tanto calor tomamos asento e destilamos esforzo en Villa Borghese. A mediodía da domenica é un tempo para pedalar a fondo nos rizzios, utilizados a xeito de carrilana, e tenderse na herba á espera de admirar as esculturas de Bernini e Canova e as pinturas de Caravaggio e Rafael no Museo Borghese. Ao atardecer, a saída pola Porta Pinciana lévanos directamente ao centro da dolce vita, a Via Veneto, que máis abaixo desemboca en obra tan singular como o Tritone. Esta tarde de fútbol europeo conclúe coa proba de dolci típicos no contorno da Navona. A despedida está próxima, o tartufo agarda.

A despedida de Roma, o día 23, non puido evitar a contemplación dos “templos” modernos: tal é o caso dunha tenda de Ferrari transversal a Via del Corso, antes de contemplar o pechado Ara Pacis que reloce baixo a estrutura de Meiers, próximo ao río e á beira do abandonado mausoleo de Augusto. Nesta xeira de compras e despedida, aínda deu tempo a comprobar que as cidades de día non son o que de noite, pois no interior de Campo di Fiori esténdense de mañá os postos de froitas e flores, de camisetas e bolsos, no mesmo espazo que a noite do sábado o ambiente rebosaba de vida nocturna, chea de exaltacións báquicas. Atravesemos unha vez máis o río para ir ollar desde a rella San Pietro in Montorio, pois é de lembrar que o luns está chiuso, o que non significa que non mereza a pena subir por Via Garibaldi para admiralo.

Hai 180 anos, un 23 de xuño, Stendhal escribía que “en Roma, cando se pode, hai que vivir tres días no mundo constantemente rodeado de compañeiros xoviais, e tres días nunha completa soedade. As persoas que teñen alma tolearían se estivesen sempre soas.”  Nós fomos un grupo sempre, unido e alegre, ás veces arrastrado pola calor, sempre ilusionado co descobremento. A Roma dos Césares e dos Papas, a da dolce vita e a miserenta, a nocturna e a de días caldos, a Roma Eterna e a de hoxe en día, acolléronnos durante 120 horas para disfrutar dun belo paseo. Quizás non tivemos tempo de experimentar o mal de Sthendal, mais tivemos oportunidade de disfrutar como calquera viaxeiro do Grand Tour.

Xuño 18, 2008 Publicado por xosea | Literatura, Outros | | Aínda non hai comentarios

Andiamo per Roma

 

Imos realizar unha viaxe cultural a Roma. Imos coñecer a Cidade Eterna, a urbe da que Stendhal dicía que “é costume inmemorial entre as xentes afectadas emocionarse ao chegar”. Por momentos, a visión da cúpula de San Pedro conmovíao tanto que dicía “non hai na terra nada comparable a isto. A alma conmóvese e elévase; unha tranquila felicidade invádea por completo”.

O noso programa inclúe:

1º día: visita a Santa Maria Maggiore e San Pietro in Vincoli.

2º día: visita á Roma clásica, incluindo a Praza do Campidoglio,  os Museos Capitolinos, os Foros Imperiais. Máis tarde, visita ao Trastevere.

3º día: Visita a San Pedro do Vaticano e Museos Vaticanos.

4º día: Visita á Via Appia Antica e as catacumbas de San Calixto. Non estará mal tentar ver o porto de Ostia.

5º día: Visita á Galeria Borghese, Fontana di Trevi, Piazza Spagna, Pantheon, Piazza Navona, San Carlo alle Quatro Fontane, Sant’Andrea al Quirinale.

- Interésate pola lingua italiana a traverso dun curso on-line.

- Consulta propostas de lecer na cidade. Visita as propostas de http://www.romaturismo.it/v2/romain48ore/en/romain4896ore.html e realiza unha visita virtual. Podes suxestionarte con outras visitas de interese.

“(…) Esta praza ábrese á inmensa columnata en dous semicírculos a dereita e esquerda que tan ben anuncia o templo máis belo da relixión cristiá. O espectador divisa á dereita, por enriba desta columnata, un pazo moi alto: é o Vaticano. Para o efecto de San Pedro, sería mellor que non existise este pazo. A praza comprendida entre as dúas partes semicirculares da columnata de Bernini (pero, por favor, mirade unha litografía de San Pedro), é ao meu xuizo a máis bela que existe. No centro, un grande obelisco exipcio; a dereita e esquerda, dúas fontes sempre funcionando, das que as augas, despois de subir en surtidor, caen en amplos recipientes. Este rumor tranquilo e continuo resoa entre as dúas columnatas e inclina ao ensoñamento. Este momento predispón admirablemente para emocionarse con San Pedro, (…) . A praza ovalada, da que os extremos rematan nas dúas partes da columnata, ten setecentos trinta e oito pés de longo por cincocentos oitenta e oito de ancho. Despois ven unha praza case cadrada e que remata na fachada da igrexa. A lonxitude total destas tres prazas que preceden a San Pedro é, a partir da rúa pola que se chega, mil cento corenta e oito pés. Os dous pórticos circulares de Bernini compóñense de duascentas oitenta e catro grandes columnas de pedra calcárea e de sesenta e catro pilastras; estas columnas forman tres galerías. En certas solemnidades, as carrozas dos cardeais pasan baixo a do centro. A base das columnas é de orde toscana; o fuste, de orde dórica, e as cornixas, de orde xónica. Miden trinta e nove pés e dous terzos de altura. Os dous pórticos semicirculares miden cincuenta e seis pés de ancho por cincuenta e cinco de altura. A balaustrada superior está ornada de cento noventa e dúas estatuas de doce pés de altura, como a da Ponte Lois XV. As estatuas de Roma son de pedra calcárea; foron feitas baixo a dirección do cabaleiro Bernini, e teñen actitudes bastante ridículas, mais non se miran, e, como están ben situadas, contribúen ao ornamento.”

Stendhal: “Paseos por Roma”

- Podedes realizar este breve cuestionario a continuación:

* Con que foi dourado o artesonado de Santa Maria Maggiore?

* Como estaba concebido inicialmente e como se realizou o mausoleo de Xulio II?

* Quen diseñou a praza do Campidoglio?

* Anota as características da Venus Capitolina, a Amazona ferida, o Sátiro en repouso, o Galo moribundo, a Loba Capitolina, o Espiñario, a estatua ecuestre de Marco Aurelio, a cabeza colosal de Constantino e o retrato de Caracalla. Infórmate máis a fondo sobre a estatua de Marco Aurelio e o galo moribundo.

* Visualiza este vídeo sobre o Coliseo e unha recreación de National Geographic do edificio.

* Infórmate sobre o arco de Tito e as características xerais dos arcos de triunfo en Roma.

* Quen diseñou San Pietro in Montorio? Sinala os elementos clásicos do templo.

* Olla este vídeo sobre a basílica de San Pedro do Vaticano e outro sobre a súa conclusión e a columnata de Bernini. Resume as historias bíblicas principais contadas na bóveda da capela Sixtina. Sinala a disposición da composición do Xuizo Final nesa mesma capela. Visita virtualmente a Stanza della Signatura e consulta os detalles máis significativos da Escola de Atenas. Coñece os detalles máis importantes da Piedade de Miguel Anxo.

* Infórmate sobre a obra de Bernini, e coñece algunha das súas obras máis significativas: o David, Apolo e Dafne, o Éxtase de Santa Tareixa.

* Analiza a distribución das termas de Caracalla.

* Infórmate sobre algunhas das obras máis importantes da Galeria Borghese: Amor sacro e amor profano, David coa cabeza de Goliat, Paulina Bonaparte.

* Que figuras alegóricas presiden a Fontana di Trevi?

* Olla un vídeo sobre o Pantheon e resume as características do edificio.

* Sobre que resto da antigüidade está situada actualmente a Piazza Navona? Compara a visión de Vanvitelli en 1699 da praza coa visión que ti teñas dela.

 

Xuño 11, 2008 Publicado por xosea | Arte, Curiosidades, Historia, Outros | | 1 comentario

Conflitos iugoslavos

   

O Reino de Serbios, Croatas e Eslovenos, creado en 1918, adoptou o nome oficial de Iugoslavia en 1929. Trala Segunda Guerra Mundial, e ata 1980, permaneceu como unha república socialista federal, seguindo o modelo autoxestionario impulsado por Tito. Mais á morte deste dirixente, e asumida a dirección por unha presidencia colectiva de oito membros, as tensións nacionalistas comezaron a aflorar. Finalmente, o expansionismo serbio, alentado por Slobodan Milosevic, unido aos cambios producidos na Europa do Leste a partir de 1989, provocaron a ruptura do Estado: en 1990 foi abolida a autonomía de Kosovo; os serbios de Krajina declararon a súa separación de Croacia en marzo de 1991; en xuño e xullo dese mesmo ano, Eslovenia e Croacia independizáronse da república federal; en 1992 formulan a súa independencia Macedonia e Bosnia-Herzegovina, e tamén Serbia e Montenegro crean a República Federal de Iugoslavia.

Bosnia converteuse, 50 anos despois da Segunda Guerra Mundial, na vergoña de Europa por un conflito militar que se prolongou entre 1992 e 1995 e, incluso coa intervención dos cascos azuis da ONU, asistiu a episodios tan lamentables como o de Srebrenica ata concluir cos acordos de Dayton. Sucesos como este e a crise de Kosovo levarían á caída de Milosevic e o seu inconcluso xuizo (Slobo morreu en cautividade en 2006) diante do Tribunal Penal Internacional da Haia. A finais da década de 1990 estourou definitivamente o conflito de Kosovo, que, despois dos bombardeos da OTAN en 1999, foi administrado pola ONU. Unilateralmente, Kosovo declarou a súa independencia en febreiro de 2008.

Este espazo que foi a antiga Iugoslavia, mestura de etnias e culturas diversas, antigo espazo de choque entre os Imperios austríaco e otomán, viuse envolto nas últimas dúas décadas en tensións nacionalistas que provocaron a creba final da unidade estatal. É un exemplo de como a caída do socialismo real fixo aflorar sentimentos ocultos que noutros lugares (véxase, por exemplo, a revolución de terciopelo en Checoslovaquia, e a posterior división do país en dous Estados, República Checa e Eslovaquia) deron lugar a transicións pacíficas. Non aconteceu o mesmo na ex-Iugoslavia.

“Como escribiu Alain Finkielkraut, a guerra de Kosovo comezou en 1989, cando Slobodan Milosevic, iniciando a frenética campaña de exaltación nacionalista serbia que lle permitiu facerse co poder absoluto (e, ao mismo tempo, precipitou a desintegración da Federación iugoslava), aboliu o estatuto de autonomía daquela provincia, prohibiu aos kosovares albaneses as súas escolas e toda representatividade pública, e, pese a constituir o noventa por cento da población, converteunos en ciudadáns de segunda respecto ao dez por cento restante (a minoría serbia). Se naquel momento os países occidentais apoiasen aos demócratas que en Iugoslavia resistían ao rechoncho apparatchik que, a fin de consolidarse no poder, mudou a súa ideoloxía marxista polo nacionalismo e provocaba a eslovenos, croatas, bosnios e kosovares coa ameaza duna hexemonía serbia sobre a Federación para, no clima de división e xenofobia así creado, impedir a democratización de Iugoslavia que tería posto fin á súa carreira política, Europa tería aforrado os douscentos mil mortos de Bosnia e os sofrementos que, desde entón, padecen os Balcáns, incluidos, por suposto, os dos propios serbios.”

M. Vargas Llosa: “A cabeza de Milosevic”.

“Para un reporteiro de guerra, territorio comanche é o lugar onde o instinto di que pares e deas media volta. O lugar onde os camiños están desertos e as casas son ruinas chamoscadas; onde sempre semella a punto de anoitecer e camiñas pegado ás paredes, cara aos tiros que soan ao lonxe, mentres escoitas o ruido das túas pegadas sobre os cristais rotos. Territorio comanche é alí onde os oes esmagarse baixo as túas botas, e aínda que non os ves sabes que están a ollarte. Onde non ves os fusís, mais os fusís vente a ti.”

A. Pérez Reverte: “Territorio comanche”.

* Infórmate sobre “Underground”, de Emir Kusturica (tamén na Wikipedia). E olla e escoita unha versión do tema “Kalashnikov”, de Goran Bregovic. Na última escena da película, o anaco de terra que se desprende cara ao final do río representa a Bosnia-Herzegovina, o país natal de Kusturica, que está separado culturalmente e incomprendido por Europa. Un dos protagonistas, Ivan, di: “Construimos novas casas, con tellas vermellas, onde as cigoñas constrúen os seus niños e coas portas abertas aos nosos invitados. Agradecemos á terra que nos alimenta, ao Sol que nos quenta e aos campos que nos lembran os verdes pastos na casa. Así, con dor, tristeza e ledicia, lembramos o noso país cando contamos aos nosos nenos historias que comezan como todas as historias: “era unha vez unha terra…”. Bota unha ollada a esa derradeira escena do filme:

Xuño 1, 2008 Publicado por xosea | Historia, Outros | | Aínda non hai comentarios