Camiñando cara ao alto de Santo Antoniño de Toques atopamos unha panorámica do val do río Furelos que expresa ben o cambio da paisaxe agraria galega en tempos recentes. Aínda que pervivan trazos do policultivo tradicional nalgúns casos, o abandono do campo leva a unha explotación máis extensiva, centrada na gandería bovina especializada na produción de carne. Á beira deste predominio de pradeiras sobre o espazo das antigas agras, sinálase un uso intensivo coa aparición de algún que outro invernadoiro especializado nos produtos de horta para os mercados próximos (Melide, Arzúa) e outros máis urbanos e abundantes (Santiago de Compostela); intensiva é tamén a explotación de granxas porcinas.
A transformación do saltus é moi significativa: aínda que neste sector da Galicia central perviven especies autóctonas como os carballos, castiñeiros e bidueiros, a introdución de piñeiros e eucaliptos progresa -con destino á venda para pasta de papel ou taboleiros-, mentres devece o uso que do espazo de matogueira (landa atlántica) se facía para a produción de estrume; esta matogueira é ás veces roturada para crear pradeiras artificiais alí onde as pendentes non son excesivamente elevadas.
Mais tamén hai herdanzas tradicionais ben claras: velaí están as sebes de salgueiros, bidueiros e ameneiros que lindan aínda nalgunhas parcelas, ou velaí as hortas de coles para manter ás galiñas e servir de base para o caldo tradicional que aínda é manxar abondoso nos xantares de aldea. O autoconsumo verificarase con antigas cortiñas hoxe destinadas á produción de patacas e legumes, ao tempo que os froitais surten en tempada de mazás e peras sobre todo. Pero, iso sí, xa non cantan os carros; ao sumo, agora renxen os tratores.
Arquivado en: 1. Paisaxe,Paisaxes de Galicia,Xeografía,Xeografía agraria,Xeografía de Galicia