Perdoádeme esta vez que deixemos a docencia a unha beira e reivindiquemos a vida, o paraíso, a existencia. Non estamos a falar da imaxe prerrafaelita de Hypatia -que sabedes que nos interesa (estes días nas aulas xurde con insistencia na cultura baixorromana e paleocristiá)-; non falamos da beleza intrínseca do Musée du Louvre (que tantas obras de interese alberga, xa estou desexoso de ler a Cheng); non falamos da poesía de Ronsard sobre as catro estacións (este post aínda non o temos colgado); evocamos simplemente o noso paraíso, unha faciana de neno feliz, grandes historias que vivir e aprender ou literaturas que cuestionar.
Non é función dun docente apelar aos sentimentos (ou sí?), non é xustificación sentirse agradecido por estar convosco todos os días, mais quero deixar constancia de que vós (e Pablo, claro) sodes o meu PARAÍSO.
Por certo, aproveitando a ocasión, non me disgustaría que vivísemos no Paraíso do Bosco, no momento inicial da creación, na fantasía onírica que supón unha rocha que despois vai inspirar a Dalí. Outros preferiredes os que vos propoñen Alejandro Sanz e Alicia Keys; tamén estou convosco: é unha bela canción.
