Unha tarde con Pu Yi
Rematamos este curso académico -canto a proxeccións cinematográficas- coa última entrega da “triloxía asiática” da que nos temos feito eco nel. E rematamos en China, coa vida de Pu Yi, “o emperador amarelo” en verbas de Galeano:
“Pu Yi tiña tres anos de idade cando en 1908 se sentou no trono reservado aos Fillos do Ceo. O minúsculo emperador era o único chinés que podía usar a cor amarela. A grande coroa de perlas escondíalle os ollos, mais non había moito que ollar: fundido en túnicas de seda e ouro, aburríase na inmensidade da Cidade Prohibida, o seu pazo, a súa prisión, sempre rodeado por unha multitude de eunucos.
Cando a monarquía caeu, Pu Yi pasou a chamarse Henry, ao servizo dos ingleses. Despois, os xaponeses sentárono no trono de Manchuria e tivo trescentos cortesáns que comían as sobras dos seus noventa pratos.
As tartarugas e as grullas simbolizan, en China, a vida eterna. Mais Pu Yi, que non era tartaruga nen grulla, lograra conservar a cabeza sobre os ombreiros, o que era máis ben raro na súa perigosa posición.
En 1949, cando Mao tomou o poder, Pu Yi culminou a súa carreira converténdose ao marxismo-leninismo.
A finais de 1963, cando o entrevistei en Pekín, vestía como todos os demáis, uniforme azul abotoado ata o pescozo, e polas mangas asomaban os puños raídos da camisa. Gañaba a vida podando prantas no Xardín Botánico de Pekín.
Estaba sorprendido de que alguén puidese ter interese en falar con el. Entoou a súa mea culpa, son un traidor, e con voz monocorde recitoume consignas durante un par de horas.
De cando en vez, puden interrompelo. Da súa tía, a emperatriz, a Ave Fénix, só lembraba que tiña cara de morta. Cando a viu, asustouse e chorou. Ela deulle un caramelo e el tirouno ao chan. Das súas mulleres, díxome que sempre as coñecera por fotos que lle daban a elixir os mandaríns ou os ingleses ou os xaponeses. Ata que por fin, grazas ao presidente Mao, puidera casar cun amor de verdade.
- Con quen, se non é indiscreción?
- Unha traballadora, unha enfermeira de hospital. Casamos un primeiro de maio.
Pregunteille se era membro do Partido Comunista. Non, non era.
Pregunteille se quería ser.
O intérprete chamábase Wang, non Freud. Pero vese que estaba canso, porque traducíu:
- Sería para min un grande forno.”
Eduardo Galeano: “Espellos”.
En 1987 estreouse o film de Bertolucci “O último emperador”, que recreaba a vida de Pu Yi, falecido en 1967. O traballo, a primeira película que se permitíu filmar en escenarios orixinais da Cidade Prohibida, foi galardoado con 9 Óscars de Hollywood.
Aínda non hai comentarios.
Deixa un comentario
-
Recente
-
Ligazóns
- Kalipedia
- ArteHistoria
- INE
- Meteogalicia
- AEmet
- Ciudad Pintura
- Apertium (tradutor)
- SIXPAC
- SIGPAC
- Museo do Prado
- Caladiños: O blog de Heladio
- Sine Nomine
- Josephine Baker
- O ano que vivimos perigosamente
- Sofia Rotaru
- A Terra do Preste Xoán
- IniciArte
- Bucovina
- Libro de Xeografía interactivo
- GeoCrítica
- Europeana
-
Arquivos
- Xuño 2009 (2)
- Maio 2009 (3)
- Abril 2009 (6)
- Marzo 2009 (9)
- Febreiro 2009 (13)
- Xaneiro 2009 (15)
- Decembro 2008 (10)
- Novembro 2008 (17)
- Outubro 2008 (11)
- Setembro 2008 (5)
- Agosto 2008 (1)
- Xullo 2008 (1)
-
Categorías
-
RSS
Entradas RSS
Comentarios RSS

