Milagre e crise en Xapón
Despois da Segunda Guerra Mundial, a capitulación xaponesa levou á ocupación e xestión do Estado polos estadounidenses, que puxeron o país en mans de McArthur. A nova Constitución de 1947 consagrou un sistema parlamentario bicameral no que o emperador perdía a súa divinidade e pasaba a ser un símbolo. O desmantelamento dos zaibatsu non impedíu que, en parte grazas ao impulso que se deu á industria xaponesa por mor da guerra de Corea, o crecemento económico fose espectacular, especialmente nas décadas de 1950 e 1960.
O modelo económico xaponés, certamente paternalista e baseado na convivencia dunha estrutura de grandes e pequenas empresas moi tecnificadas, entrou en crise na década de 1990, ocasionando pobreza e paro en sectores máis amplos da poboación, dentro dunha sociedade case acostumada ao pleno emprego e ás longas xeiras de traballo.
| Crecemento real do PIB en Xapón | |
| Períodos | Crec. PIB p.c. (%) |
| 1962-1965 | 7,0 |
| 1966-1970 | 10,0 |
| 1971-1975 | 2,9 |
| 1976-1980 | 3,7 |
| 1981-1985 | 3,1 |
| 1986-1990 | 4,3 |
| 1991-1997 | 1,5 |
| 1998-2000 | 1,2 |
| 2001-2005 | 1,3 |
“Un país que non coñecía a derrota na súa historia (cando menos oficial), foi levado pola hubris do imperialismo militar expansionista á propia masacre, e a historia do Gran Xapón detívose no tempo. O Xapón das cinzas é a historia dun rexurdimento e un lento e progresivo, á vez que históricamente doroso, despertar á nova orde da comunidade internacional e ao propio rol nela, tarefa aínda en proceso de cumprimento. A Constitución de preguerra pasou a significar o que o Ancien Régime e os experimentos fascistas de preguerra para a Europa contemporánea. Foi sustituída pola Constitución do Estado Xaponés de 1946, redactada por mans xaponesas e cerebros americanos, e lexitimada nun principio polos teóricos xaponeses do dereito natural ilustrado, así como refrendada polo “amplo consenso popular” que reflicten as estatísticas, sen necesidade de referendo formal. En suma, a autoridade última sobre a que se fundamentou en principio a nova Constitución, por diferenza da anterior, non foi xa o Emperador no papel e a oligarquía político-militar na xestión e interpretación da vontade soberana, senón o pobo xaponés no papel, e a comunidade internacional, entón representada pola Confederación de Países Aliados, na censura e sanción do mesmo. O problema (cando menos teórico) que deixou á posteridade a promulgación desta Constitución, filial do modelo democrático americano, é o da súa lexitimidade.”
Alfonso J. Falero: “Política e cultura na historia de Xapón”. Revista de Estudos Políticos, xullo-setembro 2000.
