Sector servizos en España
Unha crecente terciarización invade a sociedade española e resulta ser o motor do crecemento urbano na actualidade. Dúas terceiras partes da poboación ocupada e unha parte semellante do PIB corresponden a ese caixón de xastre que é o sector servizos, no que se engloban actividades moi diversas. Entre elas, o comercio sigue a ser a máis significativa en conxunto, con máis de 3.000.000 de persoas empregadas; un subsector que ten medrado moito coa democratización do Estado é o correspondente aos servizos públicos, cunha administración pública que ocupa a máis de 2.500.000 empregados e unha sanidade que conta con máis de 200.000 médicos (un indicador de desenvolvemento é o correspondente ao número de médicos por cada 100.000 habitantes, que en España acada o valor de 458). Os subsectores que na última década se teñen expandido máis son os correspondentes aos servizos a empresas e o turismo. España é unha potencia turística de primeira orde, con case 3 millóns de empregados nestas actividades e case 60 millóns de turistas anuais que nos visitan. As cifras, tan significativas, xustifican a importancia deste subsector, o gran motor da nosa economía.
* Consulta un resumo sobre o sector servizos en España.
* Consulta os resultados da enquisa sobre o sector servizos correspondente ao ano 2000.
* Extracta as ideas principais do balance sobre o turismo en España 2006 publicado pola Secretaría Xeral de Turismo.
* Infórmate sobre a política de turismo en España ao longo do século XX a partir dun artigo de Carmelo Pellejero.
En 1905 organizouse por primeira vez a administración do turismo en España, prestando especial atención á promoción artística no exterior. En 1928 creouse o Patronato Nacional de Turismo, que xa poñía énfase, ademáis de nas exposicións artísticas, nas actividades deportivas e nas festas populares; daquel entón data tamén a creación da rede de Paradores Nacionais. Á época convulsa da Segunda República seguíu a paralización na chegada de turistas durante a guerra civil. Mais pronto crearon as autoridades fascistas, en 1938, o Servizo Nacional de Turismo, que tivo un forte carácter intervencionista durante os anos 1940, fixando prezos de aloxamento que se mantiveron estables entre 1941 e 1947.
En 1951 creouse o Ministerio de Información e Turismo, que mantería unha política continuista ata situarse á súa fronte, en 1962, e coincidindo cos anos do “desarrollismo”, Manuel Fraga; no período 1962-1975, a planificación indicativa fixo que o Estado interviñese controlando os prezos e a calidade dos servizos, ao tempo que se fomentou o incremento da capacidade de aloxamento. Neste período creouse a Escola Oficial de Turismo, promovéronse créditos para a realización de obras de interese turístico nas localidades de maior demanda ou ben para a creación de aloxamentos turísticos e centros de montaña, entre outras medidas.
O centralismo uniformador da etapa franquista deu paso a unha descentralización autonómica, tamén en competencias turísticas, coa recuperación da democracia, a partir de 1975. Desaparecido o Ministerio de Información e Turismo -que tiña un notable labor propagandístico- en 1977, as competencias en materia turística foron transferidas a ministerios con forte carácter económico. Ademais, creouse a Secretaría de Estado de Turismo. Nos anos 1980 superáronse os 40 millóns de turistas anuais recibidos e implantouse FITUR. Xa na primeira etapa de goberno socialista, aparte da creación de Turespaña en 1990, ten importancia en 1992 a creación do Plan Futures, primeiro paso para definir unha estratexia turística nacional e iniciar un proceso de colaboración entre o Estado e as CCAA.
En conxunto, a política turística en España, longo tempo marcada polo centralismo, insistíu nos obxectivos dun maior crecemento posible, na potenciación do sol e praia como alicientes principais do país, actuando máis que nada sobre a oferta, aínda que sempre con escaseza de recursos destinados ao sector. Coa chegada da democracia, a partir dos anos 1980, unha descentralización de competencias complementouse tamén coa apertura do abano cara a outros tipos de turismo (cultural, ecolóxico, gastronómico,…) que se afastasen do monocultivo tradicional, ao tempo que se ten estimulado a especialización competitiva e a sostibilidade do sector.
Unha exposición, en 2005, conmemorou os 100 anos de turismo en España. Le un artigo do xornal Cinco Días ao respecto.





