O blog de Xosé Antón

Un espazo para CC. Sociais, Xeografía e Arte

As nosas antípodas

Globalización implica interdependencia e relación. Nun mundo globalizado, ás veces o máis lonxano resulta moi próximo. É por iso que as antípodas non nos deben resultar estrañas. A antípoda é xeográficamente o lugar do globo terráqueo que está situado no lugar diametralmente oposto. Se a Terra se aproxima a unha esfera ou un esferoido, a antípoda dun punto situado nas coordenadas xeográficas (latitude e lonxitude (φ,θ), pode escribirse como (−φ, θ ± 180º).

Unha vez máis coa axuda de Google Earth, dispoñémonos a localizar as nosas antípodas. E velaí que nos situamos na porta do noso centro educativo, cunhas coordenadas xeográficas de 43º 20′ 12,75″ N, 8º 22′ 21,81″ O. Polo tanto, a antípoda está na localización xeográfica: 43º 20′ 12,75″ S, 171º 38′ 38,19″ L. Este último punto corresponde a un lugar montañoso ao SL do lago Coleridge, na marxe oriental dos Alpes do Sur, na illa Sur de Nova Zelandia. Se nós estamos situados a 45 metros sobre o nivel do mar, as nosas antípodas están a 807 m.s.n.m.

Trazando unha imaxinaria liña recta cara á outra beira setentrional do planeta, o mesmo punto que corresponde ás nosas coordenadas, mais no hemisferio oriental (43º 20′ 12,75″ N, 171º 38′ 38,19″ L), sitúase ao SL da península de Kamtchaka e ao NO das illas Midway, nun lugar localizado no trazado da submariña Cordilleira do Emperador -seguindo a liña volcánica que leva ata Hawaii, ao SL da fosa das Kuriles e ao S da fosa das Aleutianas, en pleno Pacífico Norte.

Abril 11, 2008 - Posted by xosea | Curiosidades | | Non hai comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Deixa un comentario