O blog de Xosé Antón

Un espazo para CC. Sociais, Xeografía e Arte

“Seda”

Despois de tantas recomendacións na Rede e na rúa sobre a novela de Alessandro Baricco, “Seda”, só se pode catalogar de imprescindible a súa lectura.

O contexto histórico no que se desenvolve a trama corresponde aos primeiros anos da década de 1860, nun pequeno pobo provenzal, Lavilledieu, non lonxano a Lyon -a cidade na que a industria sedeira no século XIX acadou un papel notable, e na que se produciron revoltas obreiras como as dos canutos, tecedores de seda; ese mesmo Lyon polo que pasa Flora Tristán en 1844-, no que se revitaliza a economía local a base da importación de ovos de vermiños da seda desde un Xapón que vive os tempos finais da era Tokugawa. Naquel tempo, a meirande parte dos vermiños sofrían a pebrina, enfermidade que foi investigada por Pasteur, e a solución proposta polos protagonistas de ir buscar ovos a unha sociedade illada como a xaponesa dá como resultado un crecemento económico efémero, nunha viaxe intercontinental que leva ao protagonista da novela, Hervé Joncour, a través de media Europa, as estepas siberianas e o curso do Amur, ata unha pequena aldea do País do Sol Nacente.

En suma, unha historia vital, “leve e inexplicable”, como podería definir o propio Baricco, coa eclosión industrial da seda como fondo histórico. E permitídeme reproducir como viu o Lyon co que se atopou Flora Tristán (ben distinto do Lavilledieu provenzal), a avoa de Gauguin:

“A primeira imaxe de Lyon, coas súas lóbregas mansións parecidas a cuarteis, recorrentes como pesadelos, e as súas rúas de pedriñas afiadas que mancaban as prantas dos pés, causoulle pésima impresión. Lembráballe ao Londres dos Spence, pola súa grisura, os seus contrastes entre ricos riquísimos e pobres paupérrimos, e o seu carácter de urbe-monumento consagrado á explotación dos obreiros.”

Mario Vargas Llosa: “O Paraíso no outro recanto”.

E agora chega a película. Coñece algo máis sobre a historia da seda e visualiza unha ilustración sobre o funcionamento das fiadeiras de seda na Francia de 1845.

Marzo 20, 2008 - Posted by xosea | Historia, Literatura | | Non hai comentarios

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

Deixa un comentario